Medrar en familia é un dereito. Acollemento familiar en Galicia

No Día Internacional do Acollemento Familiar, lembramos que medrar en familia é un dereito. En Galicia, moitos nenos, nenas e adolescentes agardan por un fogar que lles ofreza agarimo, estabilidade e coidado. Coñece os programas de acollemento existentes e valora formar parte desta rede que transforma vidas.

No Día Internacional do Acollemento Familiar, desde a Plataforma de Organizacións de Infancia de Galicia (POIG) e co apoio das entidades membro, queremos poñer o foco nun dereito esencial da infancia e adolescencia: medrar nun entorno familiar seguro, estable e afectivo.

O acollemento familiar é unha medida de protección clave para nenos, nenas e adolescentes que, por diversos motivos, non poden convivir coas súas familias de orixe. As familias acolledoras abren as portas dos seus fogares e dos seus corazóns, ofrecendo coidado, agarimo e acompañamento.

Por iso, hoxe reafirmamos o noso compromiso con este modelo de atención centrado nos vínculos, e convidamos á sociedade galega a coñecer os programas de acollemento que se están a desenvolver na nosa comunidade.

O noso obxectivo é dobre:
👉 Coñecer as distintas tipoloxías de acollemento familiar que existen
👉 Crear unha rede social e institucional que apoie e recoñeza ás familias acolledoras como axentes fundamentais para garantir os dereitos da infancia.

Nas seguintes ligazóns, podes coñecer máis sobre os programas activos en Galicia:

💬 Entre todas e todos, podemos construír unha Galicia máis acolledora. Porque acoller é coidar, acompañar, crer, querer, protexer, transformar.

🌱 Cada neno, cada nena, leva dentro unha historia que merece ser escoitada, unha vida que merece ser acompañada, un futuro que merece medrar en familia.

Compartir
Tabla de contidos