Acto central polo Día da Infancia baixo o lema «Son, es, somos e temos dereitos»

O 19 de novembro celebramos en Pontevedra o acto central polo Día da Infancia baixo o lema “Son, es, somos e temos dereitos”. Centros educativos e entidades de Galicia presentarán as súas propostas sobre identidade cultural, intimidade, saúde mental e asociacionismo.

O vindeiro 20 de novembro, ás 11 horas, o Pazo da Cultura de Pontevedra converterase no centro das voces dos nenos, nenas e adolescentes de Galicia. Nun evento promovido pola Plataforma de Organizacións de Infancia de Galicia (POIG) en colaboración coa Xunta de Galicia, compartirán as súas propostas e demandas en defensa e promoción dos seus dereitos cos responsables das políticas de infancia e adolescencia.

O acto contará coa participación de Fabiola García Martínez, Conselleira de Política Social e Igualdade, Jacobo Rey Sastre, Director Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica da Xunta de Galicia; Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra; e Mónica Viqueira, presidenta da POIG. O inicio estará acompañado pola actuación de Peter Punk, e dous vogais do Consello Autonómico de Infancia e Adolescencia (CAIA) conducirán o evento.

Este ano participan cinco centros educativos e unha entidade social, que exploraron distintos dereitos fundamentais desde a súa mirada e experiencia. Ao longo do acto, presentarán as súas reflexións e propostas sobre temas como:

  • Dereito á identidade cultural
  • Dereito á intimidade e protección da imaxe
  • Dereito á saúde mental
  • Dereito ao asociacionismo

Os centros e entidades participantes son:

  • CEIP Labarta Pose (Baio)
  • CPR Eduardo Pondal (Cangas)
  • CPR Plurilingüe Losada (Vigo)
  • CPR Marista A Inmaculada (Lugo)
  • Asociación Autismo Bata (Vilagarcía)

O acto contará tamén coa presenza doutras entidades sociais, profesionais e representantes institucionais comprometidos coa protección e promoción dos dereitos da infancia e adolescencia en Galicia.

Este encontro representa unha oportunidade única para que a infancia e a adolescencia compartan directamente a súa visión e as súas preocupacións, deixando claro que as súas voces existen, contan e deben ser escoitadas.
Un acto simbólico e necesario no que, un ano máis, lembramos que «Son, es, somos e temos dereitos».

Compartir
Tabla de contidos