Actos descentralizados polo Día da Infancia en Galicia, construíndo espazos para infancia e adolescencia
Durante o mes de novembro, Galicia acolleu tres actos descentralizados polo Día da Infancia, promovidos pola Plataforma de Organizacións de Infancia de Galicia (POIG) en colaboración con diversas entidades do territorio. Estes encontros tiveron como obxectivo principal crear espazos nos que nenos, nenas e adolescentes puidesen reflexionar, expresarse e participar activamente, reivindicando os seus dereitos e facendo visibles as súas necesidades e propostas.
Cada cidade ou concello adaptou a celebración ás súas particularidades, pero todos compartiron un mesmo fío común: poñer a infancia e adolescencia no centro e fomentar o diálogo, a participación e a conciencia sobre os dereitos recoñecidos na Convención dos Dereitos da Infancia.
En Vilardevós coa colaboración de Portas Abertas
No Concello de Vilardevós, e coa colaboración de Portas Abertas, celebrouse un acto que combinou información, reflexión e participación activa. A rapazada recibiu a benvida nun espazo decorado con pancartas e materiais sobre a Convención, lembrando que o 20 de novembro é unha data para celebrar e reivindicar os dereitos da infancia.
Durante a xornada, explicáronse os dereitos principais recollidos na Convención e presentáronse datos que chamaron a atención dos participantes, como o feito de que aínda existe un país que non ratificou o tratado internacional. A actividade central centrouse no dereito á protección, abordando por que é responsabilidade das persoas adultas garantir este dereito e tamén como os propios adolescentes poden coidarse entre eles e protexer aos seus compañeiros.
A dinámica consistiu en analizar dous casos prácticos, identificando boas e malas prácticas e propoñendo solucións colectivas. Dous dos maiores do centro educativo deron lectura ao manifesto deste ano, poñendo voz ás demandas e reflexións recollidas polos grupos de participación da POIG. Ao remate, repartíronse materiais da Convención e exemplares dos Bolechas, pechando a xornada cunha sesión participativa e educativa que combinou diversión e aprendizaxe.



En Ourense coa colaboración de entidades da provincia
En Ourense, a xornada celebrouse grazas á implicación de diversas entidades locais que traballan a diario coa infancia e adolescencia, creando un espazo comunitario de diálogo e participación. As organizacións presentes foron:
- Aventeira S. Coop. Galega
- Asociación Xuvenil Amencer
- Don Bosco Galicia
- Grupo Scout Ilex 695 – ASDE
- Fundación Meniños
- Secretariado Xitano
- Fundación Juan Soñador
O encontro estivo tamén marcado pola intervención de Millán Brea, quen animou á rapazada a coñecer, reivindicar e defender os seus dereitos, facendo especial fincapé na importancia do dereito á participación e do dereito ao xogo.
Os adolescentes tiveron a oportunidade de compartir experiencias, identificar situacións que afectan á súa vida diaria e propoñer cambios ou melloras nos seus entornos. Cada entidade colaboradora achegou recursos, coñecemento e dinamización, contribuíndo a que a xornada fose rica, inclusiva e participativa. Foi unha experiencia que evidenciou que cada voz conta e que os encontros locais son fundamentais para fortalecer a cidadanía activa desde a infancia e adolescencia.



A Coruña con Fundación Amigó
Na Coruña, e coa colaboración da Fundación Amigó, a xornada buscou crear un espazo seguro onde os adolescentes puidesen falar abertamente sobre as súas experiencias, emociones e necesidades.
A actividade comezou coa lectura do manifesto elaborado polo grupo de participación da POIG, un texto que recolle as ideas, demandas e propostas que os adolescentes tiveron oportunidade de expresar ao longo do ano. A continuación, desenvolveuse unha dinámica por equipos, centrada en identificar e analizar situacións relacionadas con varios dereitos fundamentais, como a educación, a saúde mental, a convivencia, as relacións entre iguais e o entorno familiar.
Cada equipo reflexionou sobre dereitos en xogo, responsabilidades, posibles formas de violencia e propostas para crear espazos máis seguros, e compartiu as súas conclusións na posta en común. A sesión permitiu aos participantes aprender uns dos outros, debater ideas e pensar en solucións reais que melloren a súa convivencia e benestar. Foi un encontro dinámico, educativo e significativo, que subliña a importancia de escoitar e implicar á adolescencia en todas as cuestións que lles afectan.
