Nenas, nenos e adolescentes galegos toma a palabra no Día dos Dereitos da Infancia
Pontevedra, 20 de novembro de 2025.– O Pazo da Cultura encheuse este xoves de voces, ideas e moita ilusión na celebración do Día Universal dos Dereitos da Infancia, unha xornada que reuniu a máis de 250 nenos, nenas e adolescentes de distintos puntos de Galicia. Baixo o lema “Son, Eres, Somos e Temos Dereitos”, a mañá estivo dedicada a poñer á infancia no centro, escoitando as súas propostas e recoñecendo o seu papel como parte activa da sociedade.
O acto, organizado pola Plataforma de Organizacións de Infancia de Galicia (POIG), contou coa participación da Conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García; da Tenente de Alcalde de Pontevedra, Eva Villaverde; e da presidenta da POIG, Mónica Viqueira, ademais de representantes do Consello Autonómico de Infancia e Adolescencia (CAIA). A súa presenza puxo en valor a importancia de seguir reforzando políticas que garantan contornas seguras, participativas e respectuosas cos dereitos da infancia.
Un escenario para compartir o que lles importa
A mañá estivo marcada polas presentacións dos distintos grupos, que achegaron o froito do traballo realizado ao longo das últimas semanas. A sala puido escoitar reflexións e propostas sobre:
- O dereito ao asociacionismo
- A identidade cultural
- A protección da intimidade
Participaron o CAIA, o CEIP Labarta Pose (Baio), o CPR Eduardo Pondal (Cangas), o CPR Plurilingüe Losada (Vigo), o CPR Marista A Inmaculada (Lugo) e a Asociación Autismo Bata (Vilagarcía), amosando diversidade, ideas frescas e unha madurez que sorprendeu a todas as persoas asistentes.
Os Bolechas e Peter Punk: humor, aprendizaxes e moita complicidade
Un dos momentos máis especiais foi a benvida dos Bolechas, creados pola POIG e financiados pola Xunta de Galicia, que achegaron o libro “Todas as nenas e nenos temos dereitos”, unha ferramenta pensada para achegar os dereitos da infancia dun xeito divertido e próximo.
Tamén houbo tempo para rir e gozar grazas a Peter Punk, que fixo da cultura, do humor e da participación un xeito de lembrar que os dereitos tamén se celebran con alegría.
Un compromiso que continúa
A POIG quixo destacar que encontros como este non son só unha celebración: son un recordatorio de que a infancia ten dereito a ser escoitada, a ser acompañada e a participar activamente na construción da sociedade galega. O traballo presentado hoxe é unha mostra máis de que cando se lles dá espazo, a rapazada fala claro e fala ben.
Desde a Plataforma agradecemos profundamente o esforzo de cada centro educativo, profesorado, administración e entidade que fixo posible esta xornada. Pero, sobre todo, agradecemos ás verdadeiras protagonistas: as crianzas e adolescentes, que, unha vez máis, demostraron que teñen moito que dicir e que debemos seguir construíndo contornas onde as súas voces sexan visibles e escoitadas.