A POIG busca incorporar ao seu equipo un perfil especializado en incidencia política e políticas públicas de infancia e adolescencia, no marco dos Programas Coopera financiados pola Xunta de Galicia. O prazo de presentación de candidaturas permanecerá aberto ata o 6 de novembro de 2026.
A Plataforma de Organizacións de Infancia de Galicia (POIG) abre unha nova convocatoria de selección de persoal para a contratación dun/unha técnico/a en incidencia política e políticas públicas de infancia, co obxectivo de reforzar o traballo da entidade na defensa e promoción dos dereitos dos nenos, nenas e adolescentes en Galicia.
A persoa seleccionada apoiará a formulación, xestión e execución de estratexias de incidencia política, así como a análise de políticas públicas relacionadas co benestar da infancia e da adolescencia.
Principais funcións
Entre as tarefas que desenvolverá a persoa seleccionada destacan:
- Apoio no deseño e execución de estratexias de incidencia política, en coordinación coas entidades membro da POIG.
- Recollida de propostas, análise de datos e elaboración de posicionamentos e documentos de incidencia en ámbitos como a educación, a saúde mental, a pobreza infantil ou o sistema de protección.
- Colaboración na organización e presentación de estudos e informes da entidade.
- Impartición de formacións e dinamización de procesos participativos con infancia e adolescencia en materia de violencia e xénero.
- Tradución ao galego de guías, informes e materiais procedentes da Plataforma de Infancia.
- Apoio noutras actividades e tarefas relacionadas cos obxectivos da organización.
Requisitos das candidaturas
As persoas interesadas deberán cumprir os seguintes requisitos indispensables:
- Estar inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia (SPEG) como demandantes de emprego non ocupadas no momento da selección e da formalización do contrato.
- Contar cun Grao ou Licenciatura en Ciencias Políticas e da Administración.
- Acreditar coñecementos no ámbito da infancia, administración pública, políticas públicas, marcos lexislativos e orzamentos.
- Dispoñer de competencia lingüística en galego, tanto na comunicación oral como na redacción técnica de documentos.
Valorarase, ademais, a formación especializada en incidencia política, xestión de proxectos ou traballo con infancia e adolescencia, así como os coñecementos sobre o enfoque de dereitos da infancia e o Terceiro Sector de Acción Social.
Condicións do posto
- Posto: Técnico/a en incidencia política e políticas públicas de infancia.
- Duración do contrato: 12 meses.
- Xornada laboral: 28,5 horas semanais.
- Lugar de traballo: Santiago de Compostela, en modalidade híbrida.
- Incorporación prevista: 1 de decembro de 2026.
- Categoría profesional: Grupo Profesional 2 do Convenio Colectivo Estatal de Acción e Intervención Social.
Esta contratación enmárcase nos Programas Coopera, financiados pola Xunta de Galicia para o impulso do emprego e a cooperación no Terceiro Sector de Acción Social.
Presentación de candidaturas
As persoas interesadas poderán presentar a súa candidatura ata o 6 de novembro de 2026, enviando a seguinte documentación:
- Currículo actualizado.
- Carta de motivación.
A documentación deberá remitirse ao correo electrónico incidencia@infanciagalicia.org, indicando no asunto «Selección incidencia política + nome e apelidos».
As persoas candidatas seleccionadas para continuar no proceso serán contactadas para participar nunha proba técnica e nunha entrevista persoal.
Consulta as bases completas da convocatoria no documento adxunto
Loading Viewer…