Os días 27 e 28 de maio, Santiago de Compostela foi o escenario do encontro das Plataformas Territoriais, dentro do Programa “Tejiendo Red” promovido pola Plataforma de Infancia estatal.
Desde a Plataforma de Organizacións de Infancia de Galicia (POIG), acollimos con entusiasmo esta oportunidade para coñecernos mellor, intercambiar experiencias e seguir fortalecendo a coordinación entre territorios, sempre co obxectivo común de garantir os dereitos da infancia e a adolescencia.
Unha rede que se constrúe dende a colaboración
O encontro coincidiu coa celebración da Mesa Territorial, un espazo clave para o traballo conxunto entre as plataformas autonómicas. Durante a xornada do martes, compartimos o labor de cada territorio e afondamos en temas prioritarios como:
-
- A Volunteca
-
- O proceso participativo do Día da Infancia
-
- A loita contra a pobreza infantil
-
- A desinstitucionalización
Tamén tivemos a ocasión de presentar o traballo da plataforma galega, dando a coñecer os fitos e accións máis relevantes desenvolvidas nos últimos anos. A xornada rematou cun tour guiado pola zona histórica de Santiago, ofrecendo un espazo distendido para continuar facendo rede entre entidades.
Diálogo institucional e boas prácticas no territorio
O mércores, as persoas participantes visitaron a sede da Xunta de Galicia, onde mantivemos un encontro con Cristina Blanco, subdirectora de Familia e Infancia, para abordar os retos compartidos e as accións de colaboración coa Dirección Xeral.
A mañá rematou cunha visita á entidade IGAXES, membro da POIG, onde puidemos coñecer de preto os programas que desenvolven no ámbito da protección da infancia, especialmente no tránsito á vida adulta das mozas e mozos do sistema de protección.
Fortalecer o traballo en rede: máis impacto, máis dereitos
Desde a Plataforma de Infancia estatal subliñan que o programa Tejiendo Red busca potenciar a vertebración territorial, mellorar os canais de coordinación entre organizacións e crear máis espazos de encontro.
Este tipo de iniciativas reforzan a capacidade de acción política, social e lexislativa das plataformas territoriais, consolidando un traballo conxunto con maior impacto real para a garantía dos dereitos da infancia.