Seminario web: medidas urxentes para apoiar ás familias monoparentais en Galicia
A Plataforma de Organizacións de Infancia de Galicia e EAPN Galicia organizan un seminario web para avanzar na protección das familias monoparentais e da infancia e adolescencia que vive nelas.
O seminario parte da necesidade de dar resposta urxente a gravidade da pobreza nas familias monoparentais, que repercute directamente en nenos, nenas e adolescentes e mesmo nas elevadas taxas de pobreza infantil. Asi como analizar as causas da limitada implicación do goberno autonómico e estatal.
Santiago de Compostela (A Coruña), 8 de setembro de 2025
A Plataforma de Organizacións de Infancia de Galicia (POIG) e EAPN Galicia celebrarán o vindeiro 18 de setembro ás 10:00 horas un seminario web adicado á realidade das familias monoparentais da nosa comunidade e ao impacto que esta realidade ten nos dereitos da infancia.
O obxectivo principal é dar a coñecer o informe «Propostas de medidas urxentes de apoio ás familias monoparentais», elaborado polas dúas entidades. A través del, buscarase visibilizar as problemáticas específicas deste modelo familiar, poñendo no centro ás nenas, nenos e adolescentes, e contribuír ao impulso de políticas sociais que garantan a súa protección.
Máis de 35.000 familias monoparentais galegas, con nenos, nenas e adolescentes ao seu cargo, atópanse nunha situación de notable desprotección e risco de pobreza debido en gran parte aos case catro anos de incumprimento do establecido da Lei 5/2021 de Impulso Demográfico de Galicia e á ausencia de avances tanto a nivel estatal como autonómico.
O encontro, de carácter participativo, contará coa presenza de entidades e profesionais do sector social adicadas ao traballo con familias monoparentais. Preténdese crear un espazo de intercambio de ideas no que se presenten iniciativas xa en marcha e se recollan propostas para mellorar a atención a estas familias, garantindo o benestar, o recoñecemento e o exercicio efectivo dos dereitos da infancia e adolescencia.
Como parte do esforzo por impulsar propostas que se traduzan en medidas reais, no seminario terase a oportunidade de coñecer os posibles avances e as liñas de traballo da Xunta de Galicia en xeral, e a Consellería de Política Social e Igualdade en particular.