Na última semana, a Plataforma de Organizacións de Infancia de Galicia mantivo xuntanzas de presentación co PSDG-PSOE e co BNG para trasladarlles tres dos informes que elaboramos este ano e explicar as súas principais conclusións, abrindo así un espazo de diálogo arredor das necesidades da infancia e adolescencia en Galicia.
Durante estas xuntanzas, desde a POIG presentamos tres documentos fundamentais publicados nas últimas semanas —a análise da Enquisa de Condicións de Vida con enfoque de infancia, o informe de medidas urxentes de apoio ás familias monoparentais elaborado con EAPN Galicia, e o posicionamento sobre a acollida de nenas, nenos e adolescentes migrantes non acompañados—. Estes materiais permitiron contextualizar a situación actual da infancia e poñer enriba da mesa retos, propostas e datos contrastados.
Ademais, compartimos as principais demandas, prioridades e necesidades identificadas pola POIG nos últimos meses, tanto no eido da loita contra a pobreza infantil como no fortalecemento das políticas familiares, a protección da infancia migrante, o acceso a dereitos e a mellora da coordinación institucional.
1. Análise da Enquisa de Condicións de Vida con Enfoque de Infancia
Un dos informes presentados foi a análise da Enquisa de Condicións de Vida con enfoque de infancia que realizamos coa colaboración da Plataforma de Infancia, que evidencia que a infancia continúa a ser o grupo máis vulnerable tanto en España como en Galicia. No noso territorio, malia contar cos mellores datos do Estado, preto de 58.000 nenas, nenos e adolescentes viven en risco de pobreza ou exclusión social.
Galicia destaca por ter as menores taxas de pobreza infantil e severa do Estado, pero persisten retos importantes: fogares que non poden permitirse vacacións, dificultades de acceso a alimentación adecuada e carencias materiais que afectan miles de crianzas.
Desde a POIG insistimos na necesidade de reforzar a renda garantida de cidadanía, ampliar políticas de vivenda accesible, asegurar bolsas comedor e destinar un mínimo do 5 % dos fondos FSE+ á loita contra a pobreza infantil.
2. Medidas urxentes de apoio ás familias monoparentais
Tamén trasladamos o informe elaborado xunto con EAPN Galicia sobre as máis de 35.000 familias monoparentais galegas con crianzas ao cargo, un dos modelos familiares con maior risco de pobreza. O documento subliña as consecuencias da falta de implementación da Lei de Impulso Demográfico e da escasa resposta estatal e autonómica.
É urxente mellorar o acompañamento económico e social, reducir cargas administrativas, fortalecer servizos públicos e recoñecer plenamente os dereitos das familias monoparentais. Recalcamos tamén a importancia de crear espazos de participación e diálogo para que as súas necesidades sexan tidas en conta na acción política.
3. Posicionamento sobre a acollida de nenas, nenos e adolescentes migrantes non acompañados
Finalmente, presentamos o posicionamento da POIG sobre a infancia migrante non acompañada, insistindo en que non son “MENAS”: son nenas, nenos e adolescentes con dereitos. Galicia supera o 108 % da capacidade dos seus centros de acollida, o que evidencia a necesidade de reforzar o sistema de protección con recursos humanos, técnicos e económicos suficientes.
Reivindicamos unha resposta humanitaria, integral e sostible, que garanta atención sanitaria, educativa, psicolóxica e xurídica desde o primeiro momento, así como modelos de acollida personalizados, opcións de acollemento familiar cando sexa viable e dispositivos pequenos inseridos na comunidade.
Tamén subliñamos a importancia dos programas de transición á vida adulta, evitando situacións de desprotección ao cumprir os 18 anos, e alertamos do aumento de discursos de odio e desinformación.
Continuar construíndo políticas públicas co foco na infancia
A valoración común destas xuntanzas é clara: abrir espazos de diálogo estables entre a POIG e os grupos parlamentarios é fundamental para avanzar cara a políticas públicas máis xustas, inclusivas e sostibles para a infancia e a adolescencia en Galicia.
Desde a Plataforma continuaremos promovendo estes encontros co conxunto das forzas políticas, impulsando propostas e poñendo no centro unha mensaxe compartida: Galicia debe ser un lugar no que todas as nenas, nenos e adolescentes poidan vivir, medrar e participar en igualdade de dereitos.