O programa de participación infantil e adolescente é recoñecido polo seu enfoque baseado nos dereitos da infancia e a promoción da súa participación activa
A Plataforma de Organizacións de Infancia de Galicia foi recoñecida este venres 24 de abril nos V Premios de Boas Prácticas en Servizos Sociais organizados pola Deputación da Coruña, nun acto celebrado en PALEXCO (A Coruña). O programa Redeir@s resultou premiado na categoría de familia, infancia e adolescencia polo noso traballo na promoción dos dereitos da infancia e da participación de nenos, nenas e adolescentes.
Os galardóns, que nesta quinta edición contaron cun total de 64 candidaturas, recoñecen iniciativas destacadas polo seu impacto social, innovación e compromiso coa mellora dos servizos sociais.
Redeir@s é o grupo de participación infantil e adolescente impulsado pola POIG, no que mozos e mozas traballan ao longo do ano en propostas, reflexións e accións vinculadas aos seus dereitos. O programa aposta por unha participación real, acompañada e significativa, xerando espazos seguros onde expresar opinións e contribuír á toma de decisións que lles afectan.
Este recoñecemento pon en valor o papel activo da infancia como suxeito de dereitos e subliña a importancia de integrar a súa voz nas políticas públicas e nos procesos sociais.

Durante o acto, presidido por Valentín González Formoso, tamén foron premiadas entidades como ASPRONAGA, a Asociación Española Contra o Cancro (AECC), Fundación Hospitalarias, Padre Rubinos e Fundación Érguete Integración, destacando o papel do tecido social na mellora da calidade de vida das persoas máis vulnerables.
Desde a POIG destacan que este premio “reforza a necesidade de seguir xerando espazos reais de participación para nenos, nenas e adolescentes, recoñecendo o seu papel como cidadanía activa”.
