Cara unha contorna dixital segura: directrices europeas para protexer a nenos, nenas e adolescentes

A UE avanza cara a un entorno dixital máis seguro para nenos, nenas e adolescentes: privacidade, protección e dereitos garantidos tamén en internet.

Nos últimos anos, o entorno dixital pasou a ser un espazo fundamental na vida de nenos, nenas e adolescentes. Alí xogan, comunícanse, aprenden, crean e exercen os seus dereitos. Pero tamén se expoñen a riscos que poden afectar á súa privacidade, seguridade e benestar.

Ante esta realidade, Europa leva anos avanzando en novas normas para facer de internet un lugar máis seguro. Un dos instrumentos máis importantes é o Regulamento de Servizos Dixitais (DSA), que obriga ás plataformas en liña a garantir “un elevado nivel de privacidade, seguridade e protección para as persoas menores de idade”.

Para apoiar a súa aplicación, a Comisión Europea publicou recentemente unhas directrices específicas sobre como protexer a infancia no entorno dixital. Aínda que non son de obrigado cumprimento, marcan o camiño e sinalan que medidas se consideran fundamentais.

Entre elas destacan:

  • – Sistemas de verificación de idade precisos, fiables e non intrusivos.
  • – Configuración de privacidade por defecto para contas de nenos, nenas e adolescentes.
  • – Prohibición de aproveitarse da falta de experiencia comercial das persoas menores de idade.
  • – Ferramentas de denuncia, comentarios e queixas visibles, accesibles e adaptadas á infancia e adolescencia.

No caso de España, a responsabilidade de supervisar e sancionar ás plataformas recae na Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC), que utilizará estas directrices europeas como referencia.

Os vindeiros anos serán decisivos. Necesitamos unha regulación que teña perspectiva de infancia, que se adapte a un entorno dixital en constante cambio e que garanta realmente os dereitos de nenos, nenas e adolescentes tamén en internet.

A protección no entorno dixital tamén é protección dos dereitos da infancia.

Compartir
Tabla de contidos