A mocidade galega dá voz ao futuro nun encontro para construír a nova Lei de Xuventude

A Plataforma participou no I Encontro Territorial en Galicia cara á creación dunha nova Lei de Xuventude. Un espazo que colocou á mocidade galega no centro das decisións e destacou a importancia da súa participación activa.

O pasado xoves, Santiago de Compostela converteuse no epicentro da participación xuvenil coa celebración do I Encontro Territorial en Galicia cara a construción dunha nova Lei de Xuventude. Este evento, organizado na Facultade de Ciencias da Educación, puxo o foco na escoita activa da realidade da xuventude galega e na creación dunha normativa que garanta dereitos, fomente a participación e asegure a xustiza interseccional.

O encontro foi inaugurado por Rubén Pérez, Secretario de Estado de Xuventude e Infancia, e Andrea González, Presidenta do Consello da Xuventude de España, quen destacaron a importancia de darlle protagonismo ás xeracións máis novas neste proceso.

Durante a xornada, mozos e mozas tiveron a oportunidade de compartir as súas inquietudes, experiencias e propostas nun espazo pensado para facer visible a súa realidade e contribuír á creación dunha lei que mire ao futuro e ás xeracións vindeiras.

Dende a Plataforma de Organizacións de Infancia de Galicia foi unha honra participar neste proceso, que representa un paso relevante para a xuventude galega. Confiamos en que sigan xurdindo espazos coma este, onde a mocidade e colocada no centro das decisións que afectan ao seu presente e futuro.

Compartir
Tabla de contidos