58.000 nenos, nenas e adolescentes galegos seguen en risco de pobreza ou exclusión social, malia a mellora dos datos en Galicia
A infancia segue a ser o grupo máis vulnerable. España ocupa o segundo posto da UE en pobreza infantil e, en Galicia, malia presentar os mellores datos do Estado, un 36,7 % das familias con nenos e nenas non pode permitirse unhas vacacións ao ano.
Santiago de Compostela, 23 de setembro de 2025. En Galicia, arredor de 58.000 nenos, nenas e adolescentes viven en risco de pobreza ou exclusión social, segundo o informe Análise da Enquisa de Condicións de Vida con enfoque de infancia en Galicia, elaborado pola Plataforma de Infancia en colaboración coa Plataforma de Organizacións de Infancia de Galicia.
O estudo lembra que España é o país da UE con maior taxa de pobreza infantil (29,2 %), moi por enriba da media comunitaria (19,3 %). Galicia sitúase como a comunidade autónoma con menor taxa (13,5 %), cun descenso de 7,7 puntos no último ano, pero as entidades alertan de que “non podemos conformarnos”.
Nos datos máis detallados, Galicia rexistra a taxa máis baixa de pobreza infantil (13,5 %), fronte ao 29,2 % da media nacional, e tamén a menor pobreza severa (5 % fronte ao 14,1 %). Tamén destaca en carencias materiais severas, cun 4,8 % de nenos e nenas nesta situación, fronte ao 10,2 % do conxunto estatal.
Non obstante, persisten retos importantes. Galicia supera a media nacional en fogares que non poden permitirse ir de vacacións polo menos unha semana ao ano (36,7 % fronte ao 35,6 % en España). Tamén se incrementou en case 2 puntos a porcentaxe de familias que non poden permitirse unha comida de carne, polo ou peixe polo menos cada dous días, aínda que segue por debaixo da media estatal (5,1 % fronte ao 6,9 %).
Á vista destes datos, a Plataforma de Organizacións de Infancia de Galicia reclama melloras na renda garantida de cidadanía, un Plan de apoio ás familias monoparentais e políticas de vivenda digna e accesible, así como reforzar o acceso a bolsas comedor e actividades de lecer vinculadas aos comedores escolares. Ademais, demanda que se destine un mínimo do 5 % dos fondos do FSE+ á loita contra a pobreza infantil, garantindo recursos estables para políticas de infancia.
“Que Galicia apareza nos mellores postos non é motivo de celebración. Falamos de milleiros de nenos e nenas que seguen a ter dificultades para comer de forma adecuada, acceder a unha vivenda digna ou participar en igualdade. Ningunha sociedade debería aceptar que 58.000 nenas, nenos e adolescentes viva en pobreza. Galicia avanza, pero non podemos baixar a garda: a infancia segue sendo o grupo de poboación con maior risco de pobreza en España. É fundamental consolidar os logros e ampliar medidas que garantan dereitos e benestar” subliña Mónica Viqueira, presidenta da Plataforma de Infancia de Galicia.
Consulta o informe completo aquí: