As organizacións de infancia piden aos candidatos e candidatas galegos ao Parlamento Europeo que sitúen á infancia e adolescencia no centro da axenda política
A Plataforma de Organizacións de Infancia de Galicia presentou recentemente un decálogo de propostas políticas para avanzar nos dereitos de miles de nenos, nenas e adolescentes nesta comunidade autónoma
23 de maio de 2024. Con motivo das eleccións ao Parlamento Europeo, que se celebrarán entre o 6 e o 9 de xuño, a Plataforma de Organizacións de Infancia de Galicia pide aos candidatos e candidatas garantir que os dereitos da infancia sigan estando no centro do proxecto da Unión Europea tras as eleccións.
A Plataforma de Organizacións de Infancia de Galicia é unha das organizacións adheridas mediante a súa pertenencia á Plataforma de Infancia ao Manifesto polos Dereitos da Infancia lanzado o pasado mes de abril por Eurochild, que pide ás candidatas e candidatos ao Europarlamento converterse en ‘Child Rights Champion’ (Defensor dos Dereitos da Infancia), ou o que é o mesmo, a promover e protexer os dereitos da infancia e adolescencia dentro e fóra da Unión Europea durante o próximo ciclo político.
Máis de 9.000 nenas e nenos de toda Europa participaron na consulta ‘Europe Kids Want’, na que se recolleron as súas opinións sobre o que lles importa e o que deben priorizar os integrantes do Parlamento Europeo para facer da Unión Europea un lugar mellor para infancia.
Entre as principais recomendacións da infancia atópanse: priorizar a saúde mental, loitar contra a discriminación, mellorar a protección á infancia ou garantir que a educación se centre en habilidades prácticas e para a vida, para ter unha mellor preparación para o futuro. Así mesmo, as nenas e nenos piden mellorar a participación infantil e esixen intensificar os esforzos para abordar a crise climática.
Nesta contorna política, a Plataforma de Organizacións de Infancia de Galicia presentou recentemente un decálogo de propostas políticas para avanzar nos dereitos de miles de nenos, nenas e adolescentes e as súas familias nesta comunidade autónoma.
En palabras de Mónica Viqueira, presidenta da Plataforma, “garantir o enfoque de infancia e a protección dos dereitos das nenas e nenos en todas as decisións políticas que se tomen na Unión Europea debe ser unha prioridade para os candidatos e candidatas nestas eleccións. Chegou o momento de esixir aos nosos representantes políticos non deixar a ningunha nena ou neno atrás”.