A xornada reuniu en Santiago representantes institucionais, entidades sociais, profesionais e persoas expertas para analizar os principais retos da infancia e adolescencia galega
A Plataforma de Organizacións de Infancia de Galicia celebrou o I Congreso Autonómico Os dereitos da infancia en Galicia: avances, retos e propostas, unha xornada de encontro, análise e reflexión arredor da situación actual da infancia e adolescencia no territorio galego.
O congreso tivo lugar na Facultade de Ciencias Políticas e Sociais da Universidade de Santiago de Compostela e reuniu a representantes institucionais, entidades sociais, profesionais, persoas expertas e representantes da infancia e adolescencia para abordar os principais desafíos que afectan ao exercicio efectivo dos dereitos de nenos, nenas e adolescentes en Galicia.
No marco da xornada, a POIG presentou o informe Os dereitos da infancia en Galicia, unha publicación que ofrece unha radiografía da realidade da infancia na comunidade autónoma e identifica avances, retos pendentes e propostas de mellora das políticas públicas.
O documento combina a análise de datos estatísticos coa experiencia e coñecemento das entidades sociais que traballan diariamente con nenos, nenas e adolescentes no territorio. A través desta mirada, o informe aborda ámbitos clave como o sistema de protección, a pobreza infantil, a saúde mental, a violencia contra a infancia, a educación e a participación infantil.
Unha mirada integral sobre os dereitos da infancia
Durante a xornada celebráronse diferentes espazos de análise arredor dos principais retos recollidos no informe.
A primeira mesa estivo centrada no sistema de protección, poñendo o foco na necesidade de avanzar cara a un modelo máis preventivo, centrado no apoio ás familias, na preservación familiar e no reforzo do acollemento familiar como medida preferente sempre que sexa posible.
O informe tamén analiza a situación do acollemento residencial en Galicia e a necesidade de garantir recursos suficientes, mellorar as ratios dos equipos profesionais e asegurar unha atención integral e individualizada para nenos, nenas e adolescentes tutelados.
Outro dos eixos abordados foi a pobreza infantil. Segundo os datos recollidos no informe, arredor de 48.000 nenos, nenas e adolescentes viven en situación de pobreza en Galicia. A POIG sinala que as desigualdades económicas nos primeiros anos de vida condicionan o desenvolvemento, o benestar e as oportunidades futuras da infancia.
Neste ámbito, o documento presta especial atención á vulnerabilidade das familias monoparentais, nas que o risco de pobreza ou exclusión acada o 50,3 %. Por iso, a Plataforma considera necesario reforzar as políticas activas de emprego, os recursos de conciliación e avanzar na elaboración dun Plan de apoio ás familias monoparentais.
A saúde mental infantil e adolescente foi outro dos temas centrais da xornada. O informe alerta do incremento dos diagnósticos, da medicalización e da presión asistencial nos recursos especializados. En 2023, máis de 11.300 menores de 15 anos consumiron antidepresivos ou ansiolíticos en Galicia, mentres que as prescricións en menores de 19 anos aumentaron un 52 % desde 2019.
Ante esta realidade, a POIG reclama reforzar a atención sanitaria infanto-xuvenil, incrementar os equipos profesionais especializados e avanzar cara a unha resposta multidisciplinar, preventiva e accesible.
Educación, violencia e participación infantil
O informe tamén analiza a violencia contra a infancia, especialmente tras a aprobación da Lei Orgánica de Protección Integral á Infancia e á Adolescencia fronte á Violencia. A POIG recoñece os avances realizados, pero advirte da necesidade de seguir reforzando a prevención, a detección temperá, a coordinación entre departamentos e a difusión dos recursos de axuda.
No ámbito educativo, a Plataforma chama a reforzar as políticas de equidade, a atención á diversidade e os apoios educativos, especialmente para a infancia e adolescencia en situación de maior vulnerabilidade. O documento sinala que as desigualdades educativas afectan con máis intensidade a determinados colectivos, como a mocidade xitana, a infancia vinculada ao sistema de protección ou o alumnado con discapacidade.
A participación infantil tamén ocupou un espazo destacado no congreso. O informe recoñece avances como a creación do Consello Autonómico de Participación Infantil e Adolescente, pero sinala que a cobertura territorial segue a ser limitada. Actualmente, só arredor do 5 % dos concellos galegos dispoñen de estruturas estables de participación infantil.
Neste sentido, a POIG considera prioritario ampliar os consellos locais de participación infantil, reforzar a formación das persoas profesionais e consolidar espazos estables nos que nenos, nenas e adolescentes poidan expresar a súa opinión e ser escoitados nos asuntos que lles afectan.
Situar a infancia no centro das políticas públicas
O I Congreso Autonómico Os dereitos da infancia en Galicia constituíu un espazo de encontro entre entidades sociais, administracións, profesionais e persoas expertas para avanzar na garantía efectiva dos dereitos da infancia e adolescencia.
A xornada permitiu compartir diagnósticos, experiencias e propostas, poñendo o foco na necesidade de reforzar as políticas públicas, mellorar a coordinación institucional e situar a infancia e adolescencia como unha prioridade estratéxica.
Como destacou Inés Salteiro, directora da POIG, “é necesario situar a infancia e adolescencia no centro das políticas públicas e reforzar o compromiso institucional para dar resposta aos principais desafíos que afectan aos nenos, nenas e adolescentes en Galicia”.
Desde a Plataforma de Organizacións de Infancia de Galicia continuaremos traballando para que os dereitos da infancia estean no centro da axenda pública, promovendo coñecemento, incidencia e propostas que contribúan a mellorar a vida de nenos, nenas e adolescentes no noso territorio.
📄 Consulta o informe completo:
https://infanciagalicia.org/wp-content/uploads/2026/06/LIBRO_WEB-1.pdf