Santiago de Compostela, 26 de novembro de 2026. A Plataforma de Organizacións de Infancia de Galicia (POIG) presenta este xoves a campaña #InfanciaPrioridade, unha iniciativa de incidencia política e social coa que reivindica que os dereitos e as necesidades da infancia e da adolescencia ocupen un lugar prioritario nas políticas públicas galegas. A campaña articúlase arredor dun manifesto colectivo que recolle sete eixos de actuación e demanda ás administracións públicas medidas concretas, recursos suficientes e compromisos efectivos para garantir os dereitos das nenas, nenos e adolescentes.
A iniciativa responde á preocupación das entidades sociais pola persistencia de desigualdades que condicionan o exercicio dos dereitos da infancia e da adolescencia en Galicia. O manifesto, titulado Infancia Prioridade: polo benestar e a protección da infancia e da adolescencia en Galicia, recolle propostas para facer fronte a esta realidade, prestando especial atención ás situacións de vulnerabilidade e ás desigualdades territoriais.
Segundo a Análise da Enquisa de Condicións de Vida con enfoque de infancia en Galicia de 2026, elaborada pola Plataforma de Infancia en colaboración coa POIG, 68.000 nenas, nenos e adolescentes, o 19,3 % da poboación infantil e adolescente galega, atópanse en risco de pobreza ou exclusión social. Son 10.000 máis ca no ano anterior, cun incremento de 3,3 puntos porcentuais.
A Plataforma considera que esta evolución esixe reforzar os mecanismos de protección económica e as políticas de apoio ás familias. Entre as súas demandas figuran a mellora da Renda de Inclusión Social de Galicia (RISGA), avanzando cara a unha renda garantida de cidadanía, o impulso de vivenda pública para familias en situación de risco e a elaboración dun plan específico de apoio ás familias monoparentais.
A POIG defende que a futura Lei Galega de Infancia e Adolescencia estableza un marco integral de garantía dos dereitos da infancia e da adolescencia, que permita mellorar a coordinación entre as administracións e os axentes sociais, superar a fragmentación das respostas institucionais e reforzar as políticas de prevención, protección e participación, con recursos suficientes e mecanismos de seguimento e avaliación.
O documento subliña a necesidade de reforzar a prevención e a detección da violencia contra a infancia mediante a adecuación da normativa galega á Lei Orgánica de Protección Integral á Infancia e á Adolescencia fronte á Violencia (LOPIVI). Neste ámbito, a Plataforma demanda recursos para a súa aplicación efectiva e medidas específicas de protección ante os riscos asociados ao uso das tecnoloxías.
No sistema de protección, as entidades propoñen ampliar os recursos de preservación familiar, priorizar o acollemento familiar cando sexa necesario separar un neno, nena ou adolescente da súa contorna e revisar as condicións do acollemento residencial para garantir unha atención individualizada. Tamén reclaman un plan galego específico para a infancia e a adolescencia migrante non acompañada.
A saúde mental constitúe outro dos ámbitos prioritarios. Segundo os datos recollidos no documento, as prescricións de psicofármacos a persoas menores de 19 anos aumentaron un 52 % entre 2019 e 2023 en Galicia. Ante esta evolución, a POIG considera necesario impulsar políticas que reforcen a promoción do benestar emocional, a prevención e a detección temperá, mediante unha maior coordinación dos recursos sanitarios, educativos, sociais e comunitarios.
No ámbito educativo, as propostas céntranse en ampliar os recursos para a inclusión, o reforzo educativo e a prevención do abandono temperán, prestando especial atención ao alumnado en situación de vulnerabilidade e ás transicións entre etapas educativas.
O manifesto incorpora tamén unha perspectiva territorial, especialmente no que respecta ao medio rural, e reivindica que o lugar de residencia non condicione o acceso á educación, á protección, á atención especializada ou aos recursos básicos.
A participación da infancia e da adolescencia constitúe outro dos eixos do documento. Entre as medidas propostas figura reforzar o papel do Consello Autonómico de Infancia e Adolescencia (CAIA) no deseño, seguimento e avaliación das políticas públicas, garantindo a devolución de resultados e a rendición de contas. Así mesmo, reivindica estender os consellos locais de participación infantil a todos os concellos de Galicia, dotándoos de recursos, continuidade e capacidade real de incidencia nas decisións públicas.
A través da campaña #InfanciaPrioridade, a POIG impulsará a difusión destas reivindicacións coa colaboración das súas entidades membro, co obxectivo de trasladar as propostas á sociedade e ás administracións públicas.
Consulta o manifesto completo
