O Goberno amplía o permiso de nacemento e coidado de crianzas e recoñece 32 semanas para familias monoparentais
O Consello de Ministros aprobou recentemente a ampliación do permiso por nacemento e coidado de menor, que pasa de 16 a 19 semanas nos casos de familias con dous proxenitores e ata 32 semanas nas familias monoparentais, recoñecendo así a necesidade de compensar a falta dun segundo tempo de coidado.
Trátase dun avance importante na protección da infancia e o apoio ás familias, así como na loita pola igualdade e a corresponsabilidade nos coidados. A medida entra en vigor de maneira inmediata e será xestionada polo Instituto Nacional da Seguridade Social (INSS).
Así queda o permiso de nacemento e coidado:
En familias con dous proxenitores:
-
A prestación aumenta de 16 a 19 semanas.
-
Unha das novas semanas deberá gozarse durante o primeiro ano do bebé.
-
As outras dúas poderán gozarse de forma flexible ata que o menor cumpra 8 anos.
En familias monoparentais:
-
O permiso amplíase ata 32 semanas, recoñecendo que unha soa persoa asume todo o coidado.
-
Dúas semanas adicionais deberán gozarse nos 12 primeiros meses.
-
As outras catro semanas poderán gozarse de forma flexible ata os 8 anos de idade.
Este novo dereito aplícase de forma retroactiva ás crianzas nadas ou adoptadas desde o 2 de agosto de 2024. A súa solicitude será posible a partir do 1 de xaneiro de 2026.
Un dereito individual, igualitario e remunerado
O permiso por nacemento e coidado de menor é un dereito individual e intransferible, que substituíu en 2021 ás antigas prestacións de maternidade e paternidade. A súa cuantía é do 100% da base de cotización, e pode solicitarse de xeito telemático a través da Sede da Seguridade Social.
España continúa así avanzando como referente internacional en políticas de conciliación, coidados e igualdade. Esta medida permite mellorar a protección da infancia, facilitar a participación laboral das mulleres, reforzar o vínculo afectivo coas crianzas e reducir a fenda de xénero.