Ano do Pobo Xitano en España: 600 anos de historia, cultura e loita por igualdade
O Consello de Ministros aprobou recentemente a declaración institucional que nomea o ano 2025 como Ano do Pobo Xitano en España, con motivo da conmemoración dos 600 anos da chegada deste pobo ao noso país. Esta decisión supón un paso importante cara ao recoñecemento institucional, cultural e histórico do pobo xitano e á visibilización das desigualdades estruturais que aínda persisten.
Unha historia de 600 anos en España
O pobo xitano chegou á Península Ibérica o 12 de xaneiro de 1425. Dende entón, forma parte esencial da identidade colectiva española. A súa historia, cultura, lingua e valores teñen contribuído de forma significativa ao desenvolvemento social e cultural do país, a pesar de que esa achega conviviu ao longo dos séculos con etapas de persecución, discriminación e exclusión.
Recoñecemento das inxustizas e compromiso institucional
A declaración lembra que, malia os avances, o pobo xitano continúa a día de hoxe enfrontándose a barreras importantes en ámbitos clave como a educación, o emprego, a vivenda e a saúde. Estas desigualdades son consecuencia directa dunha longa historia de rexeitamento, racismo estrutural e falta de recoñecemento.
Co obxectivo de reparar esas inxustizas, o Goberno lembra medidas adoptadas nos últimos anos como:
- A creación do Consello Estatal do Pobo Xitano (2005)
- A posta en marcha da Fundación Instituto de Cultura Xitana (2007)
- A declaración do 8 de abril como Día do Pobo Xitano
- O recoñecemento dos seus símbolos dende 2018
- A aprobación da Lei 15/2022, para a igualdade de trato e a non discriminación
- A Lei de Memoria Democrática (2022), que prevé a creación dunha Comisión de Memoria e Reconciliación co Pobo Xitano
- O Pacto de Estado contra o antigitanismo e pola inclusión do pobo xitano, aprobado en 2023
Participación e inclusión real
A declaración institucional pon de relevo a resiliencia e a capacidade de adaptación do pobo xitano, que mantivo viva a súa identidade malia as adversidades. O Goberno comprométese a seguir traballando pola igualdade real e a combater o antigitanismo desde unha perspectiva de verdade, xustiza, reparación e non repetición.
Neste marco, destaca tamén a importancia de garantir a participación activa da sociedade civil e das entidades que conforman o Consello Estatal do Pobo Xitano, especialmente na implementación da Estratexia Nacional para a Igualdade, a Inclusión e a Participación do Pobo Xitano (2021-2030).
Entre outras iniciativas previstas destacan:
- O Plan de Mellora da Empregabilidade da Poboación Xitana (2025-2028)
- O Marco Estratéxico de Cidadanía e Inclusión, contra o Racismo e a Xenofobia (2023-2027), que recoñece á poboación xitana como un grupo con alto risco de discriminación
Un ano para celebrar, recoñecer e transformar
O ano 2025 será, pois, un momento para celebrar os 600 anos de historia do pobo xitano en España, recoñecer as súas contribucións e avanzar cara a unha sociedade máis xusta, inclusiva e igualitaria.
Desde InfanciaGalicia sumámonos a esta conmemoración, lembrando que tamén a infancia e adolescencia xitana deben ocupar un lugar central na loita contra a discriminación, co acceso efectivo aos seus dereitos e coa garantía dunha vida libre e plena.
Consulta máis información na DECLARACIÓN DE 2025 COMO ANO DO POBO XITANO EN ESPAÑA
