A Plataforma de Organizacións de Infancia de Galicia lamenta profundamente o falecemento de Isabel García Vázquez, xornalista e firme defensora dos dereitos da infancia, e traslada as súas condolencias á súa familia, amizades e persoas achegadas.
Ao longo da súa vida, Isabel mantivo un enorme compromiso coa protección e o benestar dos nenos, nenas e adolescentes, tanto desde o ámbito profesional como desde a súa propia experiencia persoal.
Nai de acollida, coñeceu de preto a realidade do sistema de protección e converteu esa experiencia nunha parte fundamental da súa traxectoria de defensa dos dereitos da infancia. A través da comunicación, da escrita e de diferentes iniciativas sociais, contribuíu a facer visibles as necesidades dos nenos e nenas en situación de maior vulnerabilidade e a sinalar aspectos do sistema público de protección que precisaban ser revisados e mellorados.
O seu compromiso levouna tamén a promover iniciativas solidarias e de sensibilización e a abordar esta realidade nas súas publicacións, contribuíndo a colocar no debate público cuestións relacionadas co acollemento, a protección e os dereitos da infancia.
Desde a Plataforma queremos recoñecer e agradecer especialmente a súa implicación na reivindicación dun sistema de protección que responda verdadeiramente ás necesidades e aos dereitos dos nenos, nenas e adolescentes, así como a súa perseveranza á hora de dar voz a realidades que non sempre atopan espazo na sociedade nin nos medios de comunicación.
Trasladamos todo o noso afecto á súa familia e persoas achegadas e agradecemos profundamente a Isabel todo o traballo, compromiso e dedicación que mantivo ao longo destes anos en favor da infancia e dos seus dereitos.