En xogo os dereitos de 900 nenos e nenas que están sós

Nas últimas horas España viviu unha crise humanitaria sen precedentes na Cidade Autónoma de Ceuta.
Crise menores no acompañados

Nas últimas horas España viviu unha crise humanitaria sen precedentes na Cidade Autónoma de Ceuta

Estímase que entraron por Ceuta nas últimas horas 1.500 nenos e nenas: 900 son nenos/as que están sós.

Como Plataforma de Organizacións de Infancia de Galicia puxémonos en contacto co Director Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica da Xunta, Jacobo Rey, para trasladarlle a importancia dunha solución colectiva e solidaria. Trátase de buscar solucións e garantir o cumprimento de todos os dereitos de cada neno, nena e adolescente.

Neste senso, comprácenos a manifestación de intención da Dirección Xeral de colaborar na acollida de menores estranxeiros non acompañados chegados nas últimas horas á Cidade Autónoma.

Desde a POI estatal, está a coordinarse co Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030 toda a colaboración posible por parte de todas as organizacións de intervención directa ante un escenario como o actual.

A este respecto, o Consello Territorial acordou liberar as 187 prazas de nenos e nenas tutelados pola Cidade Autónoma nunha repartición proporcional entre as CCAA.

O Ministerio comprometeuse a trasladar ás comunidades un documento técnico coa proposta de repartición de prazas que lle corresponderían a cada Comunidade Autónoma.

Desde a Plataforma de Organizacións de Infancia de Galicia solicitamos que se cumpra a manifestación realizada desde a Dirección Xeral, asumindo solidariamente esta responsabilidade que como sociedade temos cos dereitos da infancia.

Débese facer todo o posible para colaborar e cooperar con esta situación excepcional polo benestar dos  nenos e nenas con  maiores dificultades.

Compartir
Tabla de contidos