Idioma |

Baixo o mesmo paraugas, visibilizando os dereitos da infancia e adolescencia con discapacidade

Con motivo do Día Internacional das Persoas con Discapacidade, Ia POIG apoia a campaña Baixo o mesmo paraugas, promovendo a inclusión e os dereitos da infancia e adolescencia con discapacidade en Galicia.

O 3 de decembro, celebramos o día internacional das persoas con discapacidade, unha data para reflexionar sobre a importancia de garantir a inclusión, a equidade e o respecto polos dereitos das persoas con discapacidade. Desde a Plataforma, sumámonos á campaña Baixo o mesmo paraugas, que visibiliza a diversidade e promove a unión pola inclusión social.

Neste día reflexionamos sobre a importancia de garantir que cada nena, neno e adolescente teña as mesmas oportunidades de participación e desenvolvemento, sen exclusións. A campaña Baixo o mesmo paraugas é un símbolo de unidade e diversidade, un chamamento a construír unha sociedade onde todas as persoas sexan valoradas polo que son e polo que achegan.

Dereitos da infancia e adolescencia con discapacidade

As entidades que formamos parte da POIG traballamos a diario para que a infancia e adolescencia con discapacidade sexan visibles, escoitadas e incluídas en todos os espazos, promovendo a equidade e garantindo os seus dereitos que están recollidos na Convención sobre os Dereitos da Infancia e na Convención sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidade.

Este ano, a campaña do CERMI e da Fundación CERMI Mujeres céntrase na vivenda como dereito fundamental para unha vida independente. Asegurar o acceso a unha vivenda digna é esencial para unha sociedade verdadeiramente inclusiva.

Participa na campaña Baixo o mesmo paraugas

En Galicia, a campaña Baixo o mesmo paraugas reúne a máis de 90 entidades sociais comprometidas coa inclusión e visibilidade das persoas con discapacidade. Esta iniciativa é un símbolo de unidade, diversidade e compromiso coa igualdade.

Animámosvos a sumarvos a esta reflexión e, se estades en Galicia, a participar nos actos organizados en varias cidades, baixo o lema desta campaña. Porque baixo o mesmo paraugas, cabemos todas e todos. 🌂🌟

Máis info sobre a campaña en Galicia Diversa

Compartir
Tabla de contidos