Como abordar o medo e as dúbidas dos nenos e nenas ante desastres naturais e emerxencias

As catástrofes naturais poden ter un gran impacto emocional nos máis novos. Desde a Plataforma, ofrecémosche unhs consellos para abordar estas situacións cos nenos e nenas, axudándoos a xestionar as súas emocións e comprendelos mellor.

As imaxes que nos chegan de desastres naturais, como terremotos ou inundacións, teñen un impacto forte en nós, pero sobre todo na infancia e adolescencia. Axudar a nenas, nenos e adolescentes a entender e asimilar estas situacións pode ser desafiante. Por iso, dende a Plataforma, ofrecemos algunhas recomendacións sobre como abordar estas conversas de forma respectuosa e segura, creando espazos de apoio emocional.

1. Presta atención ás emocións

Cada catástrofe pode traer medo e ansiedade. É importante que os adultos se acheguen ós nenos, nenas e adolescentes, ofrezan apoio emocional e fagan entender que expresar sentimentos de preocupación é normal. Ao falar, intenta manter un ton realista pero calmado, sen minimizar o que están a sentir.

2. Dedica tempo e espazo para compartir

Failles saber que estarás dispoñible para escoitalos e compartir sentimentos. Non sempre teñen que falar directamente do desastre, pero si deben sentir que hai un espazo de confianza.

3. Adapta a conversa á súa idade

A resposta ao trauma varía segundo a idade. Os nenos/as pequenos poden querer estar máis preto dos adultos, mentres que os adolescentes poden amosar irritación. Asegúrate de adaptar a conversa á idade e de permitirlles expresar o que senten a través do xogo ou da arte se o precisan.

4. Controla a exposición ás novas

É fundamental que familia, titores e persoal técnico controlen o que ven e escoitan os rapaces/as nos medios e redes sociais. Un exceso de imaxes impactantes pode ser contraproducente. Anímaos a expresar as súas emocións e amósalles que a maioría das persoas que pasan por estas situacións logran saír adiante.

5. Atención ao que ven nas redes sociais

As redes sociais poden ser unha fonte de contidos alarmantes. É importante que teñan unha educación mediática para evitar que información non contrastada aumente a súa ansiedade. Interésate polo que ven nas redes, como o procesan e como o comparten.

6. Apoio especial se o desastre é próximo

Cando o desastre ten lugar na súa contorna próxima, é crucial ofrecer apoio psicolóxico para reducir os efectos a longo prazo. Un consello profesional axudará á infancia e adolescencia a xestionar mellor as súas reaccións e estarán acompañados durante o proceso.

*Estas recomendacións están baseadas en publicacións especializadas en saúde mental infantil de UNICEF

Compartir
Tabla de contidos