Falar de protección da infancia é moito máis que falar de leis ou protocolos. É falar de crear contornas nas que todas as nenas, nenos e adolescentes se sintan seguros, escoitados, respectados e queridos. Porque a mellor maneira de previr a violencia non é actuar só cando xa se produciu, senón construír unha verdadeira cultura do bo trato.
Esta foi unha das principais mensaxes que deixou a psicóloga e especialista en protección da infancia Pepa Horno durante o I Congreso Autonómico Os Dereitos da Infancia en Galicia. Avances, retos e propostas, organizado pola Plataforma de Organizacións de Infancia de Galicia o pasado 12 de xuño en Santiago de Compostela. Como sinalou na súa intervención: Sen afectividade non hai seguridade, e sen seguridade non hai desenvolvemento. Un neno que ten medo non medra, un neno que ten medo non aprende, un neno que ten medo enferma, un neno que ten medo non se relaciona. Se non conseguimos darlles todo iso aos nenos e ás nenas, non van converterse en persoas adultas saudables e sas, que é o que desexamos.
As súas palabras conectan plenamente cos retos que afronta Galicia en materia de protección da infancia. A Lei Orgánica de Protección Integral á Infancia e á Adolescencia fronte á Violencia (LOPIVI) marcou un cambio de paradigma ao situar a prevención, a detección temperá e a coordinación entre os distintos sistemas de protección no centro da intervención. Con todo, o informe presentado pola Plataforma sinala que aínda é necesario avanzar na harmonización da normativa galega coa lexislación estatal e reforzar os recursos destinados á prevención, detección e atención da violencia contra a infancia.
Os datos tamén invitan á reflexión. Galicia rexistra unha das taxas máis baixas de utilización do Teléfono ANAR, con 7,6 chamadas por cada 1.000 nenas, nenos e adolescentes, fronte ás 35,5 da media estatal. Lonxe de interpretarse como unha menor incidencia da violencia, esta realidade pode evidenciar un insuficiente coñecemento dos recursos dispoñibles ou dificultades para acceder a eles. Dar visibilidade ás canles de axuda e fomentar a confianza nelas constitúe, por tanto, unha prioridade.

Do mesmo xeito, resulta imprescindible seguir impulsando modelos de atención especializados, como o modelo Barnahus, que permiten ofrecer unha resposta coordinada desde os ámbitos sanitario, social, educativo e xudicial, evitando a revitimización das vítimas e garantindo unha intervención centrada no seu interese superior. Ademais, cómpre incorporar unha mirada integral ás Experiencias Adversas na Infancia (EAI), reforzando a coordinación entre os distintos sistemas para favorecer a detección precoz, a atención á saúde mental e a recuperación das nenas, nenos e adolescentes afectados.
Protexer a infancia significa actuar fronte á violencia, pero tamén promover relacións baseadas no respecto, na participación, no afecto e na seguridade. En definitiva, significa apostar polo bo trato como a mellor política de prevención. Porque só cando as nenas e os nenos medran en contornas seguras poden desenvolver todo o seu potencial e exercer plenamente os seus dereitos.