Idioma |

Asemblea Xeral da POIG: seguimos medrando e avanzando en rede polos dereitos da infancia

A Plataforma celebrou a súa Asemblea Xeral, un encontro para seguir reforzando o traballo en rede e avanzar na defensa dos dereitos da infancia e adolescencia en Galicia.

O 7 de outubro tivo lugar unha nova Asemblea Xeral da Plataforma de Organizacións de Infancia de Galicia (POIG), un encontro de traballo e intercambio coas entidades membro para seguir fortalecendo a rede e avanzar conxuntamente polos dereitos da infancia e adolescencia.

A sesión serviu para facer balance do camiño percorrido neste 2025 e compartir os avances nos principais eixos de actuación da Plataforma. Falamos do traballo desenvolvido para reforzar a estrutura e coordinación interna, da colaboración con outras plataformas e entidades sociais, e das accións de incidencia política e social orientadas a situar os dereitos da infancia na axenda pública.

Tamén se compartiron as novidades arredor do proceso participativo “Son, es, somos e temos dereitos”, no que as nenas, nenos e adolescentes da POIG reflexionan e propoñen ideas sobre os seus dereitos, así como das próximas xuntanzas de Redeir@s e do Consello Autonómico de Infancia e Adolescencia (CAIA), onde continúan participando activamente.

Outro dos puntos destacados foi o traballo que a Plataforma está a desenvolver para mellorar a comunicación e visibilidade da súa acción, presentando os obxectivos e recomendacións iniciais dun novo plan que contribuirá a fortalecer a identidade e a presenza pública da Plataforma.

Ademais, celebramos a incorporación de tres novas entidades que se unen á rede da POIG:
Fundación Esplai


Asociación Petales


Fundación Montagne

Con estas incorporacións, seguimos medrando como rede, sumando máis voces, experiencias e compromisos que poñen no centro os dereitos, o benestar e a participación de todos os nenos, nenas e adolescentes.

Grazas a todas as entidades pola súa implicación e por seguir construíndo, xuntas, unha Plataforma cada vez máis forte.

Compartir
Tabla de contidos