Idioma |

A POIG celebrará en Ourense o acto central polo Día da Infancia 2026 baixo o lema «Dereitos á acción»

A POIG celebrará o Día da Infancia 2026 en Ourense baixo o lema «Dereitos á acción», cun encontro participativo para dar voz á infancia e reivindicar os seus dereitos.

O vindeiro 19 de novembro, nenas, nenos e adolescentes de diferentes centros educativos e entidades sociais de Galicia reuniranse en Ourense para compartir as súas reflexións e propostas sobre os dereitos da infancia, nun encontro que combinará participación, reivindicación e expresión artística.

A Plataforma de Organizacións de Infancia de Galicia (POIG) celebrará o próximo 19 de novembro de 2026 o acto central con motivo do Día da Infancia, que terá lugar no Salón Marie Curie da Facultade de Ciencias do Campus de Ourense, da Universidade de Vigo, a partir das 11:00 horas.

Baixo o lema «Dereitos á acción», o encontro reunirá a nenas, nenos e adolescentes procedentes de diferentes centros educativos e entidades sociais de Galicia, co obxectivo de dar visibilidade ás súas voces, coñecer as súas preocupacións e trasladar as propostas que consideran necesarias para avanzar no cumprimento dos seus dereitos.

Esta celebración busca ir máis alá da conmemoración dunha data sinalada, converténdose nun espazo no que a infancia e a adolescencia poidan exercer o seu dereito a participar, expresar as súas opinións e ser escoitadas nas cuestións que lles afectan.

Tres dereitos para reflexionar e pasar á acción

Nesta edición, as actividades xirarán arredor de tres dereitos fundamentais: o dereito á saúde, o dereito á igualdade e á non discriminación e o dereito á protección fronte á violencia.

A través do traballo realizado previamente nos centros educativos e nas entidades participantes, as nenas, nenos e adolescentes compartirán as súas reflexións sobre como se viven estes dereitos no seu día a día, que dificultades identifican e que cambios consideran necesarios para garantir o seu cumprimento.

As intervencións abordarán cuestións relacionadas co benestar físico e emocional, a igualdade de oportunidades, o respecto á diversidade e a importancia de medrar en contornas seguras e libres de violencia.

Un encontro no que a infancia será a protagonista

O acto estará presentado por representantes do Consello Autonómico de Infancia e Adolescencia de Galicia (CAIA), reforzando así o protagonismo das propias nenas, nenos e adolescentes na condución e no desenvolvemento da xornada.

Ao longo da mañá, o alumnado dos centros educativos e participantes das entidades sociais darán a coñecer as súas propostas a través de diferentes formatos, como exposicións, presentacións, vídeos e intervencións musicais.

O programa incluirá tamén actuacións artísticas de rap e BeatBox, que contribuirán a crear un ambiente dinámico e participativo, no que a música se converterá nunha ferramenta máis de expresión e comunicación.

O encontro contará tamén coa participación de representantes institucionais e da propia Plataforma, nun espazo de encontro entre a infancia, as entidades sociais e as administracións públicas.

Das palabras aos feitos: conectar voces para construír cambios

O lema deste ano, «Dereitos á acción», pon o foco na necesidade de transformar o recoñecemento dos dereitos da infancia en medidas e compromisos concretos que garantan o seu cumprimento efectivo.

A identidade gráfica desta edición, construída a partir de puntos de diferentes cores conectados entre si, representa tamén o espírito do encontro: cada voz é importante e, cando as diferentes experiencias, ideas e propostas se conectan, poden contribuír a impulsar cambios colectivos.

Dende a POIG reivindicamos que a participación infantil e adolescente debe ocupar un lugar central nas políticas públicas e nas decisións que afectan á súa vida. Para iso, resulta imprescindible promover espazos reais de escoita e garantir que as súas opinións sexan tidas en conta.

Con esta nova edición do acto central polo Día da Infancia, a Plataforma reafirma o seu compromiso coa promoción, defensa e protección dos dereitos das nenas, nenos e adolescentes en Galicia.

Porque recoñecer os seus dereitos é fundamental, pero escoitar as súas voces e actuar para facelos realidade é imprescindible.

Compartir
Tabla de contidos