A Plataforma de Organizacións de Infancia de Galicia celebrou o acto central do Día da Infancia 2026 baixo o lema «Dereitos á acción», coa participación de arredor de 300 nenos, nenas e adolescentes de centros educativos e entidades sociais de Galicia.
Ourense, 19 de novembro de 2026. A Plataforma de Organizacións de Infancia de Galicia (POIG) celebrou este xoves o acto central do Día da Infancia 2026 na Sala Marie Curie da Facultade de Ciencias do Campus de Ourense da Universidade de Vigo. A xornada, desenvolvida baixo o lema «Dereitos á acción», reuniu a nenos, nenas e adolescentes de diferentes puntos de Galicia para reflexionar sobre o exercicio dos seus dereitos e trasladar as súas preocupacións, demandas e propostas.
O encontro situou a participación infantil e adolescente no centro da celebración, ofrecendo un espazo no que a rapazada puido compartir a súa visión sobre tres cuestións fundamentais: o dereito á saúde, o dereito á igualdade e á non discriminación e o dereito á protección fronte á violencia.
A través de presentacións, reflexións e diferentes formatos de expresión, os participantes abordaron situacións que afectan á súa vida cotiá e puxeron de manifesto a importancia de que as súas opinións sexan escoitadas e tidas en conta nas decisións que lles afectan.

Centros educativos e entidades sociais, protagonistas da xornada
O acto contou coa participación do Colexio Carmelitas de Ourense, o CEIP de Sarreaus, o Colexio Padre Feijóo Zorelle, o CPI de Pontecesures e o Colexio Cardeal Quiroga Palacios, que presentaron os traballos preparados arredor dos dereitos seleccionados para esta edición.nTamén participaron TRASCOS, da Federación Autismo Galicia, e a Fundación Secretariado Xitano, que contribuíron á xornada a través das súas achegas e materiais. Ademais, o alumnado do CEIP Mestre Vide acompañou o desenvolvemento do acto desde o público.
A condución da celebración correu a cargo de representantes do Consello Autonómico de Infancia e Adolescencia (CAIA), que dinamizaron diferentes momentos da xornada e promoveron a participación das persoas asistentes mediante preguntas e dinámicas colectivas.

Un chamamento a pasar dos dereitos á acción
A xornada contou tamén coa participación de Victorino Escamilla, vicepresidente da POIG; Jacobo Rey, director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica da Xunta de Galicia; e Javier Rodeiro Iglesias, director de operacións do Campus de Ourense da Universidade de Vigo.
A programación completouse coas actuacións de Tai e Risk, de Vella Escola Cultura Urbana, que incorporaron a música e a expresión artística como ferramentas para transmitir mensaxes relacionadas cos dereitos da infancia.
Co lema «Dereitos á acción», a POIG quixo destacar que o recoñecemento dos dereitos da infancia debe ir acompañado de medidas que garantan o seu cumprimento efectivo. Neste sentido, a Plataforma reivindica a necesidade de promover espazos de participación reais e estables, nos que as achegas dos nenos, nenas e adolescentes teñan unha resposta e poidan contribuír á mellora das políticas públicas.
A entidade lembra que escoitar á infancia é unha obriga derivada da Convención sobre os Dereitos do Neno, pero que a participación non pode limitarse á expresión de opinións: debe traducirse tamén na súa consideración efectiva nas decisións que afectan ás súas vidas.

A POIG agradece a implicación dos centros educativos, das entidades sociais e de todas as persoas participantes que fixeron posible esta xornada. Así mesmo, agradece a presenza da Xunta de Galicia, representada por Jacobo Rey, director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, e a colaboración da Universidade de Vigo, que facilitou o espazo para a celebración do acto no Campus de Ourense.
O acto central enmárcase na conmemoración do Día Mundial da Infancia, que se celebra cada 20 de novembro, unha data para reivindicar o cumprimento dos dereitos de todos os nenos, nenas e adolescentes e lembrar a responsabilidade das administracións públicas e do conxunto da sociedade na súa garantía.
Porque os dereitos da infancia non poden quedar só nas palabras. É o momento de pasar á acción.
