68.000 nenos, nenas e adolescentes viven en risco de pobreza ou exclusión social en Galicia, 10.000 máis que o ano anterior
Santiago de Compostela, 1 de outubro de 2026. Galicia é a comunidade autónoma na que máis aumentou a pobreza e a exclusión social infantil no último ano. Así se desprende da Análise da Enquisa de Condicións de Vida con enfoque de infancia en Galicia, elaborada pola Plataforma de Infancia en colaboración coa Plataforma de Organizacións de Infancia de Galicia (POIG).
A taxa AROPE alcanza en Galicia o 19,3 % dos nenos, nenas e adolescentes, 3,3 puntos máis que o ano anterior, mentres que no conxunto de España se reduciu 0,9 puntos, ata situarse no 33,2 %. En termos absolutos, 68.000 nenos, nenas e adolescentes viven en Galicia en risco de pobreza ou exclusión social, 10.000 máis que o ano anterior.
A pesar deste incremento, Galicia continúa sendo a segunda comunidade autónoma coa taxa AROPE infantil máis baixa do Estado. Unha posición comparativamente favorable que, con todo, convive cun empeoramento dos principais indicadores de pobreza infantil no último ano.
O informe alerta, ademais, da vulnerabilidade de quen se atopa xusto no límite da pobreza. En Galicia, o 7,2 % dos nenos, nenas e adolescentes, máis de 25.000, sitúase nunha franxa de ingresos de apenas un 3 % por riba ou por debaixo do limiar da pobreza.
Isto significa que unha variación mínima dese limiar podería facer que estes nenos, nenas e adolescentes pasasen a estar estatisticamente en situación de pobreza, aínda que a súa situación económica real non cambiase.
O aumento da pobreza infantil reflíctese tamén noutros indicadores. A taxa de pobreza entre a poboación infantil e adolescente galega aumentou 0,7 puntos, ata alcanzar o 14,2 %, mentres que en España se reduciu 0,8 puntos, ata o 28,4 %. Galicia sitúase así como a segunda comunidade autónoma coa menor taxa de pobreza infantil, con 50.000 nenos, nenas e adolescentes en situación de pobreza.
A evolución é especialmente significativa no caso da pobreza severa. Galicia rexistra un aumento de 1,8 puntos, ata situarse no 6,8 %, mentres que no conxunto do Estado este indicador se reduciu 1,6 puntos, ata o 12,5 %. Actualmente, 25.000 nenos, nenas e adolescentes viven en Galicia en situación de pobreza severa.
Este empeoramento dos indicadores de pobreza infantil prodúcese malia o incremento da renda media por unidade de consumo en Galicia, que alcanza os 22.633 euros, 1.273 euros máis que o ano anterior.
«Os datos amosan unha realidade que as cifras non sempre permiten ver: miles de nenos, nenas e adolescentes atópanse apenas por riba do limiar da pobreza e continúan nunha situación de enorme vulnerabilidade. Non podemos limitar a resposta a quen cruza estatisticamente ese limiar; precisamos políticas que preveñan a pobreza e dean estabilidade ás familias», sinala Mónica Viqueira, presidenta da Plataforma de Organizacións de Infancia de Galicia.
Ante estes datos, a Plataforma de Organizacións de Infancia de Galicia considera necesario reforzar as políticas destinadas a previr e reducir a pobreza infantil e garantir que as familias poidan acceder aos apoios que precisan.
Entre as súas propostas, a Plataforma reclama avanzar na mellora da renda garantida de cidadanía, para que alcance un maior número de familias en situación de vulnerabilidade, mediante a modificación da Lei de Inclusión Social de Galicia, simplificando a súa tramitación e asegurando unha adecuada complementariedade entre a Renda de Inclusión Social de Galicia (RISGA) e o Ingreso Mínimo Vital (IMV).
Considérase prioritario tamén avanzar na elaboración dun Plan de apoio ás familias monoparentais, co obxectivo de facer fronte aos elevados índices de pobreza que afectan estes fogares e dar cumprimento ao establecido no artigo 40 da Lei de Impulso Demográfico de Galicia. Así mesmo, propón desenvolver medidas específicas para as familias con nenos, nenas e adolescentes con discapacidade.
No ámbito da infancia migrante, a POIG reclama a aprobación dun Plan galego de acollida e inclusión dos nenos, nenas e adolescentes migrantes non acompañados, dotado de recursos, prazos, estándares de calidade, protocolos de coordinación interadministrativa e mecanismos de avaliación pública.
En relación co sistema de protección á infancia, a Plataforma considera necesario reforzar o apoio ás familias en situación de vulnerabilidade para previr separacións e facilitar o retorno familiar. Cando non sexa posible evitar esa separación, propón priorizar o acollemento familiar fronte aos recursos residenciais, especialmente no caso de menores de seis anos. Estas medidas enmárcanse na Estratexia Estatal de Dereitos da Infancia e Adolescencia 2023-2030 e responden á necesidade de abordar os factores estruturais desde unha responsabilidade compartida.
A POIG reclama tamén avanzar en políticas que garantan o acceso a unha vivenda digna, adecuada e accesible para as familias con nenos, nenas e adolescentes a cargo.
Así mesmo, propón destinar un mínimo do 5 % dos recursos do Fondo Social Europeo Plus (FSE+) do marco plurianual 2021-2027 á redución da pobreza infantil, a través de plans operativos específicos de Garantía Infantil.
No ámbito educativo, a Plataforma considera necesario reforzar as medidas destinadas a compensar as desigualdades sociais, incluíndo bolsas de comedor, actividades extraescolares, actividades de lecer e tempo libre, así como medios tecnolóxicos e conexión a internet.