Idioma |

A infancia de Vilardevós toma a palabra nun pleno infantil para trasladar as súas propostas de mellora do rural

O CDR Portas Abertas, en colaboración co Concello de Vilardevós e a Plataforma de Organización de Infancia de Galicia (POIG) promoveu unha iniciativa de participación infantil na que 38 nenos e nenas puideron trasladar directamente á Alcaldía as necesidades e propostas de mellora dos seus pobos e aldeas.

No marco da conmemoración do Día da Infancia 2026, o CDR Portas Abertas organizou un pleno infantil no Concello de Vilardevós, unha actividade desenvolvida baixo o lema «Dereitos á acción» coa finalidade de promover a participación dos nenos e nenas na vida municipal e favorecer que as súas opinións sexan escoitadas polas administracións públicas.

A iniciativa, realizada en colaboración co centro educativo de Vilardevós o Concello e a POIG, reuniu a 38 nenos e nenas no salón de plenos municipal, onde tiveron a oportunidade de expoñer as súas preocupacións, identificar necesidades das e presentar propostas para mellorar a vida nos seus pobos e aldeas.

Un proceso de participación que comezou nas actividades extraescolares

A celebración do pleno foi o resultado dun proceso de preparación desenvolvido durante as actividades extraescolares do CDR Portas Abertas, no que os nenos e nenas asumiron un papel activo tanto na organización como na elaboración dos contidos da sesión.

Ao longo destas actividades, a rapazada traballou conxuntamente na elaboración da orde do día, na distribución de responsabilidades e na identificación das necesidades existentes nas súas localidades. A partir destas reflexións, formularon propostas e posibles solucións que posteriormente trasladarían á Alcaldía.

O proceso permitiu que os participantes coñecesen o funcionamento dun pleno municipal e, ao mesmo tempo, reflexionasen sobre a importancia de participar nos asuntos que afectan á súa contorna máis próxima.

Como parte da preparación, os nenos e nenas tamén elaboraron un mural colectivo dos dereitos da infancia, representado mediante unha árbore sobre a que colocaron as súas mans e identificaron aqueles dereitos aos que concedían maior importancia.

A voz da infancia chega ao salón de plenos

O pleno infantil celebrouse no Concello de Vilardevós, coa participación de 38 nenos e nenas do centro educativo da localidade.

A alcaldesa, Tamara Balboa, foi a encargada de abrir a sesión, destacando a importancia de facilitar espazos nos que a infancia poida expresar as súas preocupacións, necesidades e propostas relacionadas cos seus pobos e aldeas.

Durante a sesión, os participantes procederon á lectura da orde do día e á presentación das peticións elaboradas previamente, que foron recollidas pola Alcaldía.

A organización do pleno tamén permitiu que a rapazada asumise diferentes responsabilidades. Un dos nenos exerceu o papel de secretario e foi o encargado de realizar un resumo do desenvolvido durante a sesión.

Pola súa banda, os nenos e nenas máis pequenos, pertencentes ao grupo Equipeques, participaron mediante a presentación de carteis nos que representaron e identificaron diferentes dereitos da infancia.

O encontro rematou coa lectura do manifesto do Día da Infancia 2026, na que participou Milena, do CDR Portas Abertas. Como recordo da experiencia, o alumnado recibiu un diploma conmemorativo.

A participación infantil tamén é un dereito no rural

Esta iniciativa pon de manifesto a importancia de promover espazos de participación infantil nos municipios rurais, onde os nenos e nenas tamén deben contar con oportunidades reais para expresar as súas opinións e contribuír á mellora das súas comunidades.

O valor da actividade reside tanto na celebración do pleno como no traballo previo realizado pola rapazada, que puido identificar necesidades, compartir diferentes puntos de vista, construír propostas colectivamente e trasladalas directamente á administración local.

Deste xeito, o pleno infantil de Vilardevós constitúe un exemplo práctico do exercicio do dereito á participación, recoñecido no artigo 12 da Convención sobre os Dereitos do Neno, que establece o dereito dos nenos e nenas a expresar libremente as súas opinións nos asuntos que lles afectan e a que estas sexan debidamente tidas en conta.

A actividade enmárcase na campaña «Dereitos á acción», impulsada pola Plataforma de Organizacións de Infancia de Galicia (POIG) con motivo do Día da Infancia 2026, coa que se reivindica a necesidade de avanzar desde o recoñecemento dos dereitos cara ao seu exercicio efectivo.

Desde a POIG queremos recoñecer o traballo do CDR Portas Abertas, a implicación do centro educativo de Vilardevós e a colaboración do Concello por facilitar este espazo de participación.