Idioma |

O Parlamento de Galicia reafirma o seu compromiso cos dereitos da infancia a través dunha declaración institucional

A POIG e UNICEF Comité Galicia trasladan ao Parlamento de Galicia as principais reivindicacións en materia de dereitos da infancia e da adolescencia.

Un ano máis, con motivo da conmemoración do Día Mundial da Infancia, a Plataforma de Organizacións de Infancia de Galicia (POIG) e UNICEF Comité Galicia elaboraron conxuntamente unha proposta de declaración institucional para trasladar ao Parlamento de Galicia as principais demandas e necesidades da infancia e da adolescencia na nosa comunidade.

O pasado 18 de novembro, o Parlamento de Galicia deu lectura á declaración institucional, na que se reafirma o compromiso de situar os dereitos dos nenos, nenas e adolescentes no centro das políticas públicas.

O texto recolle algunhas das principais reivindicacións das organizacións de infancia en Galicia:

  • A aprobación dunha lei galega de infancia que garanta unha abordaxe integral e coordinada dos seus dereitos.
  • A loita contra a pobreza infantil, garantindo ingresos e vivenda ás familias en situación de maior vulnerabilidade.
  • A protección da saúde mental e do benestar emocional.
  • A prevención de todas as formas de violencia contra a infancia, a dotación de recursos para a aplicación da LOPIVI e a garantía de contornas dixitais seguras.
  • A transformación e mellora do sistema de protección á infancia.
  • A garantía dos dereitos da infancia migrante.
  • O reforzo dunha educación inclusiva, equitativa, protectora e de calidade.
  • O compromiso coa cooperación internacional e a defensa dos dereitos da infancia en todo o mundo.
  • A promoción da participación infantil e adolescente e da rendición de contas sobre as políticas públicas que lles afectan.

Desde a Plataforma de Organizacións de Infancia de Galicia valoramos positivamente que estas reivindicacións teñan presenza na axenda parlamentaria. Os compromisos recollidos nesta declaración deben traducirse en medidas concretas, recursos suficientes e políticas públicas que garantan o cumprimento efectivo dos dereitos de todas as nenas, nenos e adolescentes, independentemente das súas circunstancias persoais, familiares ou do territorio no que vivan.

Seguiremos traballando para que a infancia e a adolescencia sexan unha prioridade real na axenda política de Galicia.

Consulta a lectura íntegra da declaración institucional na mediateca do Parlamento de Galicia.

Compartir
Tabla de contidos