Idioma |

A POIG celebra a súa Asemblea Xeral e continúa fortalecendo o traballo en rede pola infancia

A POIG celebrou a súa Asemblea Xeral para compartir o traballo realizado, abordar os próximos retos e seguir fortalecendo a rede de entidades.

A Plataforma de Organizacións de Infancia de Galicia (POIG) celebrou este 6 de outubro en Santiago de Compostela unha nova Asemblea Xeral, un encontro das entidades membro para facer balance do traballo desenvolvido durante 2026, compartir os próximos pasos e continuar avanzando de maneira conxunta na defensa dos dereitos da infancia e adolescencia en Galicia.

Ao longo da xornada presentáronse as principais actividades realizadas durante o ano e algúns dos documentos e materiais elaborados nos últimos meses, entre eles o Informe sobre os dereitos da infancia en Galicia 2026, o Informe da Enquisa de Condicións de Vida (ECV) con enfoque de infancia en Galicia, os materiais desenvolvidos arredor da participación infantil e diferentes pezas de comunicación.

A Asemblea serviu tamén para compartir as próximas liñas de traballo da Plataforma en ámbitos como a protección da infancia, a participación infantil e adolescente, a educación, a saúde mental e a comunicación.

Unha parte da xornada estivo dedicada ao traballo en grupos de Educación, Protección e Participación, permitindo ás entidades intercambiar experiencias, identificar necesidades e avanzar na definición das próximas accións da POIG. Posteriormente, realizouse unha posta en común do traballo desenvolvido nos diferentes grupos.

Unha nova entidade súmase á POIG

A xornada incluíu tamén a celebración da Asemblea Xeral Extraordinaria, na que se abordaron, entre outras cuestións, as próximas eleccións á Xunta Directiva e a incorporación de novas entidades.

Neste marco, damos a benvida a Cáritas Diocesana Tui-Vigo, que se incorpora á Plataforma como nova entidade membro.

A súa incorporación permite seguir ampliando unha rede plural de organizacións comprometidas coa promoción, protección e garantía dos dereitos de nenos, nenas e adolescentes en Galicia.

A POIG continúa así avanzando no traballo compartido entre as súas entidades, xerando espazos de coordinación, reflexión e acción conxunta para situar os dereitos da infancia e adolescencia no centro.

Compartir
Tabla de contidos