A pobreza redúcese en España, pero non chega á infancia máis vulnerable

A Plataforma de Infancia presenta o seu informe sobre pobreza infantil en España 2026, no que se observa unha leve mellora xeral, pero cun aumento das desigualdades na infancia máis vulnerable.

A Plataforma de Infancia presenta o seu último informe sobre pobreza infantil, que evidencia unha leve mellora xeral pero alerta do aumento das desigualdades nos fogares máis vulnerables.

A Plataforma de Infancia vén de publicar o informe “A pobreza infantil en España. Análise da Enquisa de Condicións de Vida con enfoque de infancia 2026”, no que analiza a evolución recente da pobreza infantil a partir dos datos do Instituto Nacional de Estatística (INE).

O informe sinala que, aínda que a pobreza en España experimenta unha lixeira mellora, esta non está chegando por igual a toda a poboación infantil. En concreto, a taxa de risco de pobreza e/ou exclusión social (AROPE) na infancia sitúase no 33,2 %, unha cifra que continúa sendo significativamente superior á da poboación xeral (25,5 %), evidenciando unha fenda estrutural.

A pesar de que algúns indicadores mostran descensos —como a pobreza infantil ou a carencia material severa—, o estudo advirte de que a situación empeora nos fogares máis vulnerables. É o caso das familias monoparentais, das familias numerosas ou da infancia con orixe migrante, onde as taxas de pobreza seguen a ser especialmente elevadas.

Outro dos elementos clave que destaca o informe é o impacto do custo da vivenda, que está a provocar un desprazamento das familias cara a zonas con prezos máis accesibles, pero con menores oportunidades laborais e maiores dificultades de mobilidade.

Ademais, a Plataforma de Infancia alerta das limitacións do actual sistema de protección social, cun baixo nivel de investimento en políticas de apoio ás familias e con dificultades de acceso a prestacións como o Ingreso Mínimo Vital, especialmente entre os fogares que máis o necesitan.

Neste contexto, o informe insiste na necesidade de reforzar as políticas públicas dirixidas á infancia, combinando medidas universais con actuacións específicas que permitan reducir as desigualdades e garantir o benestar de todos os nenos, nenas e adolescentes.

Consulta o informe completo aquí

Compartir
Tabla de contidos