A POIG celebra a súa primeira Asemblea Xeral de 2026 e reforza o traballo en rede

A POIG celebrou o 3 de marzo de 2026 a súa Asemblea Xeral, un espazo para avaliar o traballo realizado e definir as liñas de actuación para o próximo ano.

O 3 de marzo de 2026 a Plataforma de Organizacións de Infancia de Galicia celebrou a súa Asemblea Xeral, un espazo clave para a avaliación do traballo realizado, a toma de decisións colectivas e a planificación das liñas de actuación para este ano.

Durante a sesión aprobouse a Memoria de Xestión 2025, que recolle as principais accións desenvolvidas ao longo do último exercicio, así como os avances realizados na promoción e defensa dos dereitos de nenos, nenas e adolescentes en Galicia.

A Asemblea aprobou tamén o Plan Operativo Anual (POA) 2026, no que se definen as prioridades estratéxicas e as accións que marcarán o traballo da Plataforma durante este ano. Xunto a isto, validouse o balance económico 2025 e o orzamento 2026, reforzando o compromiso coa transparencia e a boa xestión.

Ademais da parte formal, a xornada incluíu un espazo de traballo en grupos orientado a impulsar novas accións e fortalecer a coordinación interna, favorecendo a participación activa das entidades.

A Asemblea supuxo tamén un momento de crecemento para a rede coa incorporación de dúas novas entidades membro: Fundación Camiña Social e Entreculturas. Con estas incorporacións, a POIG pasa a estar integrada por 52 entidades.

A Plataforma continúa así consolidando o seu papel como espazo de coordinación e incidencia política para situar a infancia e adolescencia no centro das políticas públicas en Galicia.

Compartir
Tabla de contidos