A carga excesiva de tarefas e a crecente complexidade nas aulas poñen en perigo á docencia

O malestar docente é unha realidade crecente que afecta á saúde mental e á calidade educativa. Exploramos os factores que o provocan e as claves para promover o benestar nas escolas.
  • Educo e a Fundación SM presentan Mellorando a protección e o benestar nas escolas, un informe que expón a necesidade de adoptar medidas para mellorar o benestar de profesorado e alumnado.
  • O profesorado percibe un deterioro xeneralizado no benestar socioemocional do alumnado.
  • Unha persoa coordinadora de benestar, ben formada e acompañada, pode transformar a escola nun entorno protector e de bo trato para toda a comunidade educativa.

20 de marzo de 2025.- Educo e a Fundación SM presentan Mellorando a protección e o benestar nas escolas, un informe que reflicte o deterioro alarmante no benestar socioemocional de estudantes e docentes en España a través das súa propias voces.

Os datos sobre malestar son preocupantes: o 39 % do profesorado mostra síntomas compatibles coa ansiedade e a depresión (Fundación SM, 2023), mentres que un 20,8 % da adolescencia manifesta algún problema de saúde mental (Unicef, 2022). Ante esta situación, Educo e a Fundación SM realizaron unha investigación cualitativa para afondar nos factores que afectan o benestar socioemocional do profesorado e do alumnado. A metodoloxía incluíu entrevistas grupais e talleres con docentes e estudantes de centros públicos e concertados en Madrid, Cataluña, Valencia e Galicia, ademais de entrevistas en profundidade con docentes de diversas partes de España.

Factores que afectan o benestar de docentes e alumnado

O profesorado identifica dous factores clave que poden estar a contribuír ao malestar do alumnado: por unha banda, as relacións familiares, marcadas pola dificultade das familias para dedicar tempo de calidade aos seus fillos e fillas; e por outra, o uso excesivo das tecnoloxías, especialmente o tempo prolongado diante das pantallas.

Ademais, identifican tres consecuencias principais desta problemática:

  • Vulnerabilidade socioemocional do alumnado, con baixa autoestima e escasa tolerancia á frustración.
  • Aumento de condutas disruptivas na aula pola falta de atención no fogar.
  • Dificultades para manter a concentración na aprendizaxe.

En canto ao profesorado, a sobrecarga de responsabilidades e a complexidade crecente das aulas son dous factores clave no seu malestar. Ademais de ensinar, vense na obriga de asumir funcións de psicoloxía, educación social e atención emocional, moitas veces sen a formación nin os recursos axeitados. Tamén se enfrontan a ratios elevadas que dificultan a atención individualizada, a burocracia excesiva e a falta de apoio emocional. “Non é moi lóxico que non teñamos un psicólogo ou un terapeuta no centro para axudarnos en momentos de estrés”, lamenta unha docente.

Propostas para mellorar o benestar na escola

O informe destaca varias medidas necesarias para mellorar o benestar da comunidade educativa:

  • Promover unha maior colaboración entre familias e centros educativos.
  • Reforzar os recursos de apoio emocional nos centros.
  • Apostar por un liderado participativo nos equipos directivos.
  • Potenciar a figura do Coordinador/a de Benestar e Protección, establecida pola LOPIVI, dotándoa de formación e recursos suficientes.

Consulta o informe completo aquí

Compartir
Tabla de contidos