Non son ‘MENAS’: Son nenos, nenas e adolescentes e teñen dereitos
A POIG insta a garantir unha acollida digna e solidaria para a infancia migrante non acompañada en Galicia e propón medidas técnicas urxentes para reforzar o sistema de protección.
Nos últimos anos, cada vez máis nenos, nenas e adolescentes chegan sós ao noso país, fuxindo da pobreza, dos conflitos ou da violencia que marcaron as súas vidas. Chegan tras percorridos cheos de incerteza, sen redes de apoio, nun territorio descoñecido e, moitas veces, sen comprender a lingua nin as normas do lugar que os recibe.
Esta realidade interpélanos como sociedade e esixe unha resposta colectiva, coordinada e sostible, que poña no centro o seu benestar e a súa condición, antes que nada, de nenas e nenos. Só en 2023, máis de 4.800 menores migrantes non acompañados chegaron ás costas españolas, segundo datos da Fiscalía Xeral do Estado, o que supón máis do dobre que no ano anterior. Esta presión afecta especialmente aos territorios de entrada como Canarias, pero tamén a Galicia, onde a Xunta recoñece estar atendendo a máis de 270 menores migrantes non acompañados, superando o 108% da capacidade dos seus centros de acollida.
O Tribunal Constitucional admitiu a trámite o recurso presentado por Galicia e outras cinco comunidades autónomas contra o reparto de menores migrantes establecido polo Goberno. Galicia debería acoller a 317 nenos e nenas, pero os seus centros xa están saturados. Esta situación evidencia a necesidade de buscar solucións que garantan unha acollida digna e adecuada para todos.
A Plataforma de Organizacións de Infancia de Galicia (POIG) reclama unha resposta integral, humanitaria e sostible, baseada no interese superior do neno, na igualdade de dereitos e na non discriminación. Desde o primeiro momento, cada neno ou nena que chega só debe recibir atención sanitaria e psicolóxica de calidade, escolarización inmediata, acompañamento xurídico e social, e un contorno que respecte a súa identidade cultural e emocional, facilitando un verdadeiro proceso de integración. Neste contexto, a POIG publica o documento “Posicionamento sobre a acollida de nenos, nenas e adolescentes migrantes non acompañados”, no que propón medidas concretas para reforzar o sistema de protección e garantir os dereitos destes nenos, nenas e adolescentes en Galicia.
A acollida non pode reducirse como un trámite administrativo nin como unha xestión de emerxencia, senón como un proxecto de vida. É imprescindible avanzar cara a modelos centrados na persoa, con opcións de acollemento familiar como vía preferente sempre que sexa viable, e con dispositivos de atención de pequeno tamaño inseridos na comunidade. O acollemento en familia facilita a integración social e ofrece aos nenos, nenas e adolescentes referentes afectivos estables.
Outro eixo esencial é a solidariedade interterritorial, non se pode cargar toda a responsabilidade sobre as comunidades fronteirizas ou de primeira entrada. Galicia, como o resto das autonomías, debe colaborar nun reparto equitativo, con financiamento e recursos técnicos suficientes, garantindo que ningún territorio quede illado nin desbordado. Ao tempo, é necesario reforzar o sistema de protección cunha maior dotación de profesionais especializados e protocolos comúns que garantan os dereitos, a presunción de minoría de idade e a participación activa dos menores nas decisións que lles afecten.
A visión a longo prazo resulta esencial para evitar situacións de desprotección ao cumprir a maioría de idade. A POIG propón programas de transición á vida adulta que inclúan permisos de residencia e traballo, vivenda asistida e bolsas de formación profesional, de modo que estes adolescentes non queden á marxe xusto cando máis necesiten arraigarse e contribuír á sociedade.
Garantir unha acollida digna, respectuosa e con recursos axeitados para as nenas, nenos e adolescentes migrantes non acompañados é unha responsabilidade que debe asumirse con seriedade e compromiso en todos os niveis. Só así poderemos asegurar o respeto aos seus dereitos e facilitar a súa integración na sociedade.
Desde a POIG alertamos tamén do incremento de discursos de odio, criminalización e desinformación arredor da infancia migrante non acompañada, que fomentan o medo, o rexeitamento social e as vulneracións dos seus dereitos.
É profundamente preocupante que determinados actores políticos e mediáticos utilicen termos e narrativas estigmatizantes para referirse a nenos, nenas e adolescentes que só buscan unha vida mellor e unha protección digna. Fronte a isto, facemos un chamamento á responsabilidade institucional, mediática e cidadá para construír un relato baseado na empatía, na verdade e no respecto aos dereitos humanos.