A POIG alerta de que só se denuncian un 15% dos casos de violencia contra a infancia

A Plataforma e a Valedora do Pobo destacaron a urxencia de reducir a violencia contra a infancia en Galicia. O acto puxo o foco na necesidade de crear espazos seguros para nenos, nenas e adolescentes.

Coincidindo co Día Universal dos Dereitos da Infancia, a Plataforma de Organizacións de Infancia de Galicia (POIG) celebrou un acto conxunto coa Valedora do Pobo na súa sede de Santiago de Compostela. O encontro puxo o foco na prevención e redución da violencia contra nenos, nenas e adolescentes, destacando que só entre un 10 e un 15% dos casos de violencia son denunciados.

A Valedora do Pobo, María Dolores Fernández Galiño, inaugurou o acto remarcando a importancia de crear espazos seguros e protexidos para a infancia. Ademais, participaron:

  • Mónica Viqueira, presidenta da POIG.
  • Bibiana Araújo, coordinadora da Asociación Amino.
  • Duas representantes do Consello Autonómico de Participación Infantil e Adolescente (CAIA), quen achegaron a súa visión e propostas.

A voz da infancia e a adolescencia

Dúas vogais do CAIA reivindicaron o papel activo dos/as adolescentes, sinalando que non son “seres sen pensamento crítico”. Durante a súa intervención, expuxeron que moitas persoas novas non recoñecen situacións de violencia nin teñen claro a quen acudir en caso de necesidade. Propoñeron medidas como:

  • A introdución de cursos obrigatorios para a infancia e adolescencia e as súas familias.
  • A unificación de protocolos de actuación fronte á violencia.
  • A presentación ao inicio de curso da figura do coordinador de benestar nos centros educativos.

A LOPIVI en Galicia

O acto puxo de manifesto a importancia de seguir incidindo na Lei Orgánica de Protección Integral á Infancia e a Adolescencia fronte á Violencia. Os/as participantes subliñaron a necesidade de garantir os recursos e mecanismos necesarios para asegurar que nenos, nenas e adolescentes vivan en contornas libres de violencia.

Este acto forma parte das actividades promovidas pola POIG co motivo do Día Universal dos Dereitos da Infancia, unha data que conmemora a adopción da Declaración Universal dos Dereitos do Neno (1959) e a Convención dos Dereitos do Neno (1989), marco esencial para a defensa dos seus dereitos.

Foto conxunta dos asistentes
Compartir
Tabla de contidos