Asemblea Xeral – Resolución A/RES/54/263 do 25 de maio de 2000 Entrada en vigor: 18 de xaneiro de 2002

Os Estados Partes no presente Protocolo,

Considerando que para asegurar o mellor logro dos propósitos da Convención sobre os Dereitos do Neno e da aplicación das súas disposicións e especialmente dos artigos 1, 11, 21, 32, 33, 34, 35 e 36, sería conveniente ampliar as medidas que deben adoptar os Estados Partes co fin de garantir a protección dos menores contra a venda de nenos, a prostitución infantil e a utilización de nenos na pornografía,

Considerando tamén que na Convención sobre os Dereitos do Neno se recoñece o dereito do neno á protección contra a explotación económica e a realización de traballos que poidan ser perigosos, entorpecer a súa educación ou afectar a súa saúde ou desenvolvemento físico, mental, espiritual, moral ou social,

Gravemente preocupados polo importante e o crecente tráfico internacional de menores para os fins da venda de nenos, a súa prostitución e a súa utilización na pornografía,

Manifestando a súa profunda preocupación pola práctica difundida e continuada do turismo sexual, á que os nenos son especialmente vulnerables xa que fomenta directamente a venda de nenos, a súa utilización na pornografía e a súa prostitución,

Recoñecendo que algúns grupos especialmente vulnerables, en particular as nenas, están expostos a un perigo maior de explotación sexual, e que a representación de nenas entre as persoas explotadas sexualmente é desproporcionadamente alta,

Preocupados pola dispoñibilidade cada vez maior de pornografía infantil na Internet e outros medios tecnolóxicos modernos e recordando a Conferencia Internacional de Loita contra a Pornografía Infantil na Internet (Viena, 1999) e, en particular, as súas conclusións, nas que se pide a penalización en todo o mundo da produción, distribución, exportación, transmisión, importación, posesión internacional e propaganda deste tipo de pornografía e subliñando a importancia dunha colaboración e asociación máis estreitas entre os gobernos e o sector da Internet,

Estimando que será mais doado erradicar a venda de nenos, a prostitución infantil e a utilización de nenos na pornografía se se adopta un enfoque global que permita facer fronte a todos os factores que inciden no caso, en particular, o subdesenvolvemento, a pobreza, as disparidades económicas, as estruturas socioeconómicas non equitativas, a disfunción das familias, a falta de educación, a migración do campo á cidade, a discriminación por motivos de sexo, o comportamento sexual irresponsable dos adultos, as prácticas tradicionais nocivas, os conflitos armados e o tráfico de nenos,

Estimando que se deben facer esforzos por sensibilizar o público co fin de reducir o mercado de consumidores que leva á venda de nenos, á prostitución infantil e á utilización de nenos na pornografía, e estimando tamén que é importante fortalecer a asociación mundial de todos os axentes, así como mellorar a represión a nivel nacional,

Tomando nota das disposicións dos instrumentos xurídicos internacionais relativos á protección dos nenos, en particular o Convenio de A Haia sobre a Protección dos Nenos e a Cooperación en materia de Adopción Internacional, a Convención de A Haia sobre os Aspectos Civís do Secuestro Internacional de Nenos, a Convención  de A Haia sobre a Xurisdición, o Dereito Aplicable, o Recoñecemento, a Execución  e a Cooperación en materia de Responsabilidade Parental e Medidas para a Protección dos Nenos, así como o Convenio Núm. 182 da Organización Internacional do Traballo sobre a prohibición das peores formas de traballo infantil e a acción inmediata para a súa eliminación,

Alentados polo grande apoio de que goza a Convención dos Dereitos do Neno, o que demostra a adhesión xeneralizada á promoción e protección dos dereitos do neno,

Recoñecendo a importancia de aplicar as disposicións do Programa de Acción para a Prevención da Venda de Nenos, a Prostitución Infantil e a Utilización de Nenos na Pornografía, así como a Declaración e o Programa de Acción aprobado polo Congreso Mundial contra a Explotación Sexual Comercial dos Nenos, celebrada en Estocolmo do 27 ao 31 de agosto de 1996, e as demais decisións e recomendacións pertinentes dos órganos internacionais competentes,

Tendo debidamente en conta a importancia das tradicións e os valores culturais de cada pobo para os fins da protección e desenvolvemento do neno,

Acordaron o seguinte:

Artigo 1

Os Estados Partes prohibirán a venda de nenos, a prostitución infantil e a pornografía infantil, en conformidade co disposto no presente Protocolo.

Artigo 2

Para os efectos do presente Protocolo:

  1. Por venda de nenos enténdese todo acto ou transacción en virtude dos cales un neno é transferido por unha persoa ou grupo de persoas a outra a cambio de remuneración ou calquera outra retribución;
  2. Por prostitución infantil enténdese a utilización dun neno en actividades sexuais a cambio de remuneración ou calquera outra retribución;
  3. Por pornografía infantil enténdese toda representación por calquera medio dun neno dedicado a actividades sexuais explícitas, reais ou simuladas, ou toda representación das partes xenitais dun neno con fins primordialmente sexuais.

Artigo 3

  1. Todo Estado Parte adoptará medidas para que, como mínimo, os actos e actividades que a continuación se enumeran queden integramente comprendidos na súa lexislación penal, tanto se se cometeron dentro como fóra das súas fronteiras ou se se perpetraron tanto individual como colectivamente:
    1. En relación coa venda de nenos, no sentido no que se define no artigo 2:
      • Ofrecer, entregar ou aceptar, por calquera medio un neno con fins de:
        • Explotación sexual do neno;
        • Transferencia con fins de lucro de órganos do neno;
        • Traballo forzoso do neno;
      • Inducir indebidamente, en calidade de intermediario, a alguén a que preste o seu consentimento para a adopción dun neno violando os instrumentos xurídicos internacionais aplicables en materia de adopción;
    2. A oferta, posesión, adquisición ou entrega dun neno con fins de prostitución no sentido no que se define no artigo 2;
    3. A produción, distribución, divulgación, importación, exportación, oferta, venda ou posesión, cos fins antes sinalados, de pornografía infantil, no sentido no que se define no artigo 2.
  2. Con subxección aos preceptos da lexislación dos Estados Partes, estas disposicións aplicaranse tamén nos casos de tentativa de cometer calquera destes actos e de complicidade ou participación en calquera destes actos.
  3. Todo Estado Parte castigará estes delitos con penas axeitadas á súa gravidade.
  4. Con subxección aos preceptos da súa lexislación, os Estados Partes adoptarán, cando proceda, as disposicións que permitan facer efectiva a responsabilidade de persoas xurídicas polos delitos enunciados no parágrafo 1 do presente artigo. Con subxección aos principios xurídicos aplicables no Estado Parte, a responsabilidade das persoas xurídicas poderá ser penal, civil ou administrativa.
  5. Os Estados Partes adoptarán todas as disposicións legais e administrativas pertinentes para que todas as persoas que interveñan na adopción dun neno actúen en conformidade cos instrumentos xurídicos internacionais aplicables.

Artigo 4

  1. Todo Estado Parte adoptará as disposicións necesarias para facer efectiva a súa xurisdición con respecto aos delitos a que se refire o parágrafo 1 do artigo 3, cando eses delitos se cometan no seu territorio ou a bordo dun buque ou unha aeronave que enarboren o seu pavillón.
  2. Todo Estado Parte poderá adoptar as disposicións necesarias para facer efectiva a súa xurisdición con respecto aos delitos a que se refire o parágrafo 1 do artigo 3 nos casos seguintes:
    • Cando o presunto delincuente sexa nacional dese Estado ou teña residencia habitual no seu territorio;
    • Cando a vítima sexa nacional dese Estado.
  3. Todo Estado Parte adoptará tamén as disposicións que sexan necesarias para facer efectiva a súa xurisdición con respecto aos delitos antes sinalados cando o presunto delincuente sexa atopado no seu territorio e non sexa extraditado a outro Estado Parte en razón de ser cometido o delito por un dos seus nacionais.
  4. Nada do disposto no presente Protocolo excluirá o exercicio da xurisdición penal en conformidade coa lexislación nacional.

Artigo 5

  1. Os delitos aos que se refire o parágrafo 1 do artigo 3 considéranse incluídos entre os delitos que dan lugar a extradición en todo tratado de extradición celebrado entre Estados Partes, e incluiranse como delitos que dan lugar a extradición en todo tratado de extradición que celebren entre si no futuro, en conformidade coas condicións establecidas neses tratados.
  2. O Estado Parte que subordine a extradición á existencia dun tratado, se recibe doutro Estado Parte co que non ten tratado ao respecto unha solicitude de extradición, poderá invocar o presente Protocolo como base xurídica para a extradición respecto deses delitos. A extradición estará suxeita ás demais condicións establecidas na lexislación do Estado requirido.
  3. Os Estados Partes que non subordinen a extradición á existencia dun tratado re- coñecerán que eses delitos dan lugar á extradición entre eses Estados, con subxección ás condicións establecidas na lexislación do Estado requirido.
  4. Para os efectos da extradición entre Estados Partes, considerarase que os delitos se cometeron non só no lugar onde aconteceron senón tamén no territorio dos Estados obrigados a facer efectiva a súa xurisdición conforme o artigo 4.
  5. Se se presenta unha solicitude de extradición respecto a un dos delitos aos que se refire o parágrafo 1 do artigo 3 e o Estado requirido non a concede ou non desexa concedela en razón da nacionalidade do autor do delito, ese Estado adoptará as medidas que correspondan para someter o caso ás súas autoridades competentes para os efectos do seu axuizamento.

Artigo 6

  1. Os Estados Partes prestaranse toda a asistencia posible en relación con calquera investigación, proceso penal ou procedemento de extradición que se inicie con respecto aos delitos aos que se refire o parágrafo 1 do artigo 3, en particular, asistencia para a obtención de todas as probas necesarias para eses procedementos que obren no seu poder.
  2. Os Estados Partes cumprirán as obrigas que lles incumban en virtude do parágrafo 1 do presente artigo en conformidade cos tratados ou acordos de asistencia xudicial recíproca que existan entre eles. En ausencia deses tratados ou acordos, os Estados Partes prestaranse a dita asistencia en conformidade coa súa lexislación.

Artigo 7

Con subxección ás disposicións da súa lexislación, os Estados Partes:

  1. Adoptarán medidas para incautar e confiscar, segundo corresponda:
  2. Os bens tales como materiais, activos e outros medios utilizados para cometer ou facilitar a comisión dos delitos aos que se refire o presente Protocolo;
  3. Os beneficios obtidos deses delitos;
  4. Tramitarán as peticións formuladas por outros Estados Partes para que se pro- ceda á incautación ou confiscación dos bens ou os beneficios aos que se refire o inciso i) do apartado a);
  5. Adoptarán medidas para pechar, temporal ou definitivamente, os locais utilizados para cometer eses delitos.

Artigo 8

  1. Os Estados Partes adoptarán medidas adecuadas para protexer en todas as fases do proceso penal os dereitos e intereses dos nenos vítimas das prácticas prohibidas polo presente Protocolo e, en particular, deberán;
    1. Recoñecer a vulnerabilidade dos nenos vítimas e adaptar os procedementos de forma que se recoñezan as súas necesidades especiais, incluídas as necesidades especiais para declarar como testemuñas;
    2. Informar os nenos vítimas dos seus dereitos, do seu papel, do alcance, das datas e da marcha das actuacións e da resolución da causa;
    3. Autorizar a presentación e consideración das opinións, necesidades e preocupacións dos nenos vítimas nas actuacións en que se vexan afectados os  seus intereses persoais, dunha maneira compatible coas normas procesuais da lexislación nacional;
    4. Prestar a debida asistencia durante todo o proceso aos nenos vítimas;
    5. Protexer debidamente a intimidade e a identidade dos nenos vítimas e adoptar medidas en conformidade coa lexislación nacional para evitar a divulgación de información que poida conducir á identificación desas vítimas;
    6. Velar pola seguridade dos nenos vítimas, así como pola das súas familias e as testemuñas ao seu favor, fronte a intimidacións e represalias;
    7. Evitar as demoras innecesarias na resolución das causas e na execución das resolucións ou decretos polos que se conceda reparación aos nenos vítimas.
  2. Os Estados Partes garantirán que o feito de haber dúbidas acerca da idade real da vítima non impida a iniciación das investigacións penais, incluídas as investigacións encamiñadas a determinar a idade da vítima.
  3. Os Estados Partes garantirán que no tratamento pola xustiza penal dos nenos vítimas dos delitos enunciados no presente Protocolo a consideración primordial a ter en conta sexa o interese superior do neno.
  4. Os Estados Partes adoptarán medidas para asegurar unha formación axeitada, particularmente nos ámbitos xurídico e psicolóxico, das persoas que traballen con vítimas dos delitos prohibidos en virtude do presente Protocolo.
  5. Os Estados Partes adoptarán, cando proceda, medidas para protexer a seguridade e integridade das persoas ou organizacións dedicadas á prevención ou á protección e rehabilitación das vítimas deses delitos.
  6. Nada do disposto no presente artigo se entenderá en prexuízo dos dereitos do acusado a un xuízo xusto e imparcial, nin será incompatible con eses dereitos.

Artigo 9

  1. Os Estados Partes adoptarán ou reforzarán, aplicarán e darán publicidade ás leis, ás medidas administrativas, ás políticas e aos programas sociais destinados á prevención dos delitos aos que se refire o presente Protocolo. Prestarase particular atención á protección dos nenos que sexan especialmente vulnerables a esas prácticas.
  2. Os Estados Partes promoverán a sensibilización do público en xeral, incluídos os nenos, mediante a información por todos os medios axeitados e a educación e o adestramento acerca das medidas preventivas e os efectos prexudiciais dos delitos aos que se refire o presente Protocolo. Ao cumprir as obrigacións que lles impón este artigo, os Estados Partes alentarán a participación da comunidade e, en particular, dos nenos e dos nenos vítimas, en tales programas de información, educación e adestramento, mesmo no plano internacional.
  3. Os Estados Partes tomarán todas as medidas posibles co fin de asegurar toda a asistencia axeitada ás vítimas deses delitos, así como a súa plena reintegración social e a súa plena recuperación física e psicolóxica.
  4. Os Estados Partes asegurarán que todos os nenos vítimas dos delitos enunciados no presente Protocolo teñan acceso a procedementos adecuados para obter, sen dis- criminación das persoas legalmente responsables, reparación polos danos sufridos.
  5. Os Estados Partes adoptarán as medidas necesarias para prohibir afectivamente a produción e publicación do material en que se faga publicidade aos delitos enunciados no presente Protocolo.

Artigo 10

  1. Os Estados Partes adoptarán todas as medias necesarias para fortalecer a cooperación internacional mediante acordos multilaterais, rexionais e bilaterais para a prevención, a detección, a investigación, o axuizamento e o castigo dos responsables de actos de venda de nenos, prostitución infantil e utilización de nenos na pornografía ou o turismo sexual. Os Estados Partes promoverán tamén a cooperación internacional e a coordinación entre as súas autoridades e as organizacións non gobernamentais nacionais e internacionais, así como as organizacións internacionais.
  2. Os Estados Partes promoverán o fortalecemento da cooperación internacional na axuda dos nenos vítimas para os fins da súa recuperación física e psicolóxica, reintegración social e repatriación.
  3. Os Estados Partes promoverán a cooperación internacional con miras a loitar contra os factores fundamentais, como a pobreza e o subdesenvolvemento, que contribúen á vulnerabilidade dos nenos ás prácticas de vendas de nenos, prostitución infantil e utilización de nenos na pornografía ou no turismo sexual.
  4. Os Estados Partes que estean en condicións de facelo proporcionarán asistencia financeira, técnica ou doutra índole, por conduto dos programas existentes no plano multilateral, rexional ou bilateral ou doutros programas.

Artigo 11

Nada do disposto no presente Protocolo se entenderá en prexuízo de calquera dis- posición máis propicia á realización dos dereitos do neno que estea contida en:

  1. A lexislación dun Estado Parte;
  2. O dereito internacional en vigor con respecto a ese Estado.

Artigo 12

  1. No prazo de dous anos despois da entrada en vigor do Protocolo respecto dun Estado Parte, este presentaralle ao Comité dos Dereitos do Neno un informe que conteña unha exposición xeral das medidas que adoptase para dar cumprimento ás disposicións do Protocolo.
  2. Despois da presentación do informe xeral, cada Estado Parte incluirá nos informes que presente ao Comité dos Dereitos do Neno, en conformidade co artigo 44 da Convención, información adicional da aplicación do Protocolo. Os demais Esta- dos Partes no Protocolo presentarán un informe cada cinco anos.
  3. O Comité dos Dereitos do Neno poderá pedir aos Estados Partes calquera infor- mación pertinente sobre a aplicación do presente Protocolo.

Artigo 13

  1. O presente Protocolo estará aberto á sinatura de todo Estado que sexa Parte na Convención ou a asinase.
  2. O presente Protocolo estará suxeito á ratificación e aberto á adhesión de todo Estado que sexa Parte na Convención ou a asinase. Os instrumentos de ratificación ou de adhesión depositaranse en poder do Secretario Xeral das Nacións Unidas.

Artigo 14

  1. O presente Protocolo entrará en vigor tres meses despois da data en que se de- positase o décimo instrumento de ratificación ou de adhesión.
  2. Respecto testosterone cypionate review dos Estados que ratificasen o presente Protocolo ou se adherisen a el despois da súa entrada en vigor, o Protocolo entrará en vigor un mes despois da data en que se depositase o correspondente instrumento de ratificación ou de adhesión.

Artigo 15

  1. Todo Estado Parte poderá denunciar o presente Protocolo en calquera momento notificándollo por escrito ao Secretario Xeral das Nacións Unidas, quen informará disto aos demais Estados Partes na Convención e a todos os Estados que asinasen a Convención. A denuncia producirá efecto un ano despois da data en que o Secretario Xeral das Nacións Unidas recibise a notificación.
  2. Esa denuncia non eximirá o Estado Parte das obrigacións que lle incumban en virtude do presente Protocolo respecto de todo delito que se cometese antes da data en que aquela produza efecto. A denuncia tampouco obstará de ningún modo para que o Comité prosiga o exame de calquera asunto iniciado antes desa data.

Artigo 16

  1. Todo Estado Parte poderá propoñer unha emenda e depositala en poder do Se- cretario Xeral das Nacións Unidas. O Secretario Xeral comunicará a emenda proposta aos Estados Partes, pedíndolles que lle notifiquen se desexan que se convoque  a unha conferencia de Estados Partes co fin de examinar a proposta e sometela a votación. Se dentro dos catro meses seguintes á data desa notificación un terzo, ao menos, dos Estados Partes se declara en favor de tal conferencia, o Secretario Xeral convocaraa co auspicio das Nacións Unidas. Toda emenda adoptada pola maioría dos Estados Partes presentes e votantes na conferencia someterase á aprobación da Asemblea Xeral.
  2. Toda emenda adoptada en conformidade co parágrafo 1 do presente artigo entrará en vigor cando sexa aprobada pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas e aceptada por unha maioría de dous terzos dos Estados Partes.
  3. As emendas, cando entren en vigor, serán obrigatorias para os Estados Partes que as aceptasen; os demais Estados Partes seguirán obrigados polas disposicións do presente Protocolo e por toda emenda anterior que aceptasen.

Artigo 17

  1. O presente Protocolo, cuxos textos en árabe, chinés, español, francés, inglés e ruso son igualmente auténticos, será depositado nos arquivos das Nacións Unidas.
  2. O Secretario Xeral das Nacións Unidas enviará copias certificadas do presente Protocolo a todos os Estados Partes na Convención e a todos os Estados que asina sen a Convención.