Asemblea Xeral. Resolución A/RES/66/138 do 27 de xaneiro de 2012 Entrada en vigor: 14 de abril de 2014
Os Estados Partes no presente Protocolo,
Considerando que, en conformidade cos principios enunciados na Carta das Nacións Unidas, a liberdade, a xustiza e a paz no mundo se basean no recoñecemento da dignidade inherente a todos os membros da familia humana e dos seus dereitos iguais e inalienables,
Observando que os Estados partes na Convención sobre os Dereitos do Neno (en diante “a Convención”) recoñecen os dereitos enunciados na Convención a todos os nenos suxeitos á súa xurisdición sen discriminación ningunha, independentemente da raza, a cor, o sexo, o idioma, a relixión, a opinión política ou doutra índole, a orixe nacional, étnica ou social, a posición económica, a discapacidade, o nacemento ou calquera outra condición do neno, de seus pais ou do seu titor legal,
Reafirmando a universalidade, indivisibilidade, interdependencia e interrelación de todos os dereitos humanos e liberdades fundamentais,
Reafirmando tamén a condición do neno como suxeito de dereitos e ser humano con dignidade e con capacidades en evolución,
Recoñecendo que a situación especial e de dependencia dos nenos lles pode dificultar seriamente o exercicio de recursos para reparar a violación dos seus dereitos,
Considerando que o presente Protocolo virá reforzar e complementar os meca- nismos nacionais e rexionais ao permitir aos nenos denunciar a violación dos seus dereitos,
Recoñecendo que o respecto do interese superior do neno deberá ser unha consideración fundamental cando se exerzan recursos para reparar a violación dos seus dereitos, así como a necesidade de procedementos adaptados ao neno en todas as instancias,
Alentando os Estados partes a que establezan mecanismos nacionais apropiados para que os nenos cuxos dereitos fosen vulnerados teñan acceso a recursos efectivos nos seus países,
Recordando a importante función que poden desempeñar a ese respecto as institucións nacionais de dereitos humanos e outras institucións especializadas competen- tes que teñan o mandato de promover e protexer os dereitos do neno,
Considerando que, a fin de reforzar e complementar eses mecanismos nacionais e de mellorar a aplicación da Convención e, cando sexa o caso, dos seus Protocolos facultativos relativos á venda de nenos, á prostitución infantil e á utilización de nenos na pornografía, e á participación de nenos nos conflitos armados, conviría facultar o Comité dos Dereitos do Neno (en diante “o Comité”) para que desempeñe as funcións previstas no presente Protocolo,
Conviñeron no seguinte:
Artigo 1
- Os Estados partes no presente Protocolo recoñecen a competencia do Comité conforme o disposto no presente Protocolo.
- O Comité non exercerá a súa competencia respecto dun Estado parte no presente Protocolo en relación coa violación dos dereitos establecidos nun instrumento en que o dito Estado non sexa parte.
- O Comité non recibirá ningunha comunicación que concirna a un Estado que non sexa parte no presente Protocolo.
Artigo 2
Ao exercer as funcións que lle confire o presente Protocolo, o Comité guiarase polo principio do interese superior do neno. Tamén terá en conta os dereitos e as opinións do neno, e dará a esas opinións o debido peso, en consonancia coa idade e a madurez do neno.
Artigo 3
- O Comité aprobará o regulamento que haberá de aplicar no exercicio das funcións que lle confire o presente Protocolo. Ao facelo terá en conta, en particular, o artigo 2 do presente Protocolo, para garantir que os procedementos se adapten ao neno.
- O Comité incluirá no seu regulamento salvagardas para evitar que quen actúe en nome de nenos os manipule, e poderá negarse a examinar toda comunicación que na súa opinión non redunde no interese superior do neno.
Artigo 4
- Os Estados partes adoptarán todas as medidas que procedan para que as persoas suxeitas á súa xurisdición non sexan obxecto de ningunha violación dos seus dereitos humanos, maltrato ou intimidación como consecuencia de se comunicaren co Comité ou de cooperaren con el en conformidade co presente Protocolo.
- Non se revelará publicamente a identidade de ningunha persoa ou grupo de persoas interesados sen o seu consentimento expreso.
Artigo 5
- As comunicacións poderán ser presentadas por, ou en nome de, persoas ou grupos de persoas suxeitas á xurisdición dun Estado parte que afirmen ser vítimas dunha violación polo Estado parte de calquera dos dereitos enunciados en calquera dos seguintes instrumentos en que ese Estado sexa parte:
- A Convención;
- O Protocolo facultativo da Convención relativo á venda de nenos, á prostitución infantil e á utilización de nenos na pornografía;
- O Protocolo facultativo da Convención relativo á participación de nenos nos conflitos armados.
- Cando se presente unha comunicación en nome dunha persoa ou un grupo de persoas, requirirase o seu consentimento, a menos que o autor poida xustificar o actuar no seu nome sen tal consentimento.
Artigo 6
- O Comité, tras recibir unha comunicación e antes de pronunciarse sobre a cuestión de fondo, poderá en calquera momento dirixir ao Estado parte de que se trate, para que este a estude con urxencia, a solicitude de que adopte as medidas provisionais que poidan ser necesarias en circunstancias excepcionais para evitar posibles danos irreparables á vítima ou ás vítimas da presunta violación.
- O feito de que o Comité exerza a facultade discrecional que lle confire o parágrafo 1 do presente artigo non entrañará xuízo ningún sobre a admisibilidade nin sobre o fondo da comunicación.
Artigo 7
O Comité declarará inadmisible toda comunicación que:
- Sexa anónima;
- Non se presente por escrito;
- Constitúa un abuso do dereito a presentar tales comunicacións ou sexa incompatible coas disposicións da Convención e/ou dos seus Protocolos facultativos;
- Se refira a unha cuestión que xa fose examinada polo Comité ou que fose ou estea sendo examinada en virtude doutro procedemento de investigación ou acordo internacional;
- Se presente sen que se teñan esgotado todos os recursos internos dispoñibles, salvo que a tramitación deses recursos se prolongue inxustificadamente ou que sexa improbable que con eles se logre unha reparación efectiva;
- Sexa manifestamente infundada ou non estea suficientemente fundamentada;
- Se refira a feitos sucedidos antes da data de entrada en vigor do presente Protocolo para o Estado parte de que se trate, salvo que eses feitos continuasen producíndose despois desa data;
- Non se presentase no prazo dun ano tras o esgotamento dos recursos in- ternos, salvo nos casos en que o autor poida demostrar que non foi posible presentala dentro dese prazo.
Artigo 8
- A menos que o Comité considere que unha comunicación é inadmisible sen remisión ao Estado parte interesado, o Comité poñerá en coñecemento dese Estado parte, de forma confidencial e coa maior brevidade, toda comunicación que se lle presente de acordo co presente Protocolo.
- O Estado parte presentará ao Comité por escrito explicacións ou declaracións nas que se aclare a cuestión e se indiquen as medidas correctivas que se adoptasen, de ser ese o caso. O Estado parte presentará a súa resposta coa maior brevidade e dentro dun prazo de seis meses.
Artigo 9
- O Comité poñerá os seus bos oficios á disposición das partes interesadas con miras a chegar a unha solución amigable da cuestión sobre a base do respecto das obrigas establecidas na Convención e/ou nos seus Protocolos facultativos.
- O acordo nunha solución amigable logrado baixo os auspicios do Comité poñerá fin ao exame da comunicación no marco do presente Protocolo.
Artigo 10
- O Comité examinará as comunicacións que reciba en virtude do presente Protocolo coa maior celeridade posible e á luz de toda a documentación que se teña posto á disposición, sempre que esa documentación sexa transmitida ás partes interesadas.
- O Comité examinará en sesión privada as comunicacións que reciba en virtude do presente Protocolo.
- Cando o Comité teña solicitado medidas provisionais, acelerará o exame da comunicación.
- Ao examinar unha comunicación en que se denuncien violacións de dereitos económicos, sociais ou culturais, o Comité considerará ata que punto son razoables as medidas adoptadas polo Estado parte en conformidade co artigo 4 da Convención. Ao facelo, o Comité terá presente que o Estado parte pode adoptar toda unha serie de posibles medidas de política para facer efectivos os dereitos económicos, sociais e culturais enunciados na Convención.
- Tras examinar unha comunicación, o Comité fará chegar sen dilación ás partes interesadas o seu ditame sobre a comunicación, xunto coas súas eventuais recomendacións.
Artigo 11
- O Estado parte dará a debida consideración ao ditame do Comité, así como ás súas eventuais recomendacións, e enviaralle unha resposta por escrito que inclúa información sobre as medidas que adoptase ou teña previsto adoptar á luz do ditame e as recomendacións do Comité. O Estado parte presentará a súa resposta coa maior brevidade e dentro dun prazo de seis meses.
- O Comité poderá invitar o Estado parte a presentar máis información sobre as medidas que adoptase en atención ao seu ditame ou ás súas recomendacións, ou en aplicación dun eventual acordo de solución amigable, incluso se o Comité o considera procedente, nos informes que presente ulteriormente en conformidade co artigo 44 da Convención, o artigo 12 do Protocolo facultativo da Convención relativo á venda de nenos, á prostitución infantil e á utilización de nenos na pornografía ou o artigo 8 do Protocolo facultativo da Convención relativo á participación de nenos nos conflitos armados, segundo o caso.
Artigo 12
- Todo Estado parte no presente Protocolo poderá declarar en calquera momento que recoñece a competencia do Comité para recibir e examinar comunicacións en que un Estado parte alegue que outro Estado parte non cumpre as obrigas dimanantes de calquera dos seguintes instrumentos en que ese Estado sexa parte:
- A Convención;
- O Protocolo facultativo da Convención relativo á venda de nenos, á prostitución infantil e á utilización de nenos na pornografía;
- O Protocolo facultativo da Convención relativo á participación de nenos nos conflitos armados.
- O Comité non admitirá comunicacións que se refiran a un Estado parte que non fixese esa declaración, nin comunicacións procedentes dun Estado parte que non fixese esa declaración.
- O Comité poñerá os seus bos oficios á disposición dos Estados partes de que se trate con miras a chegar a unha solución amigable da cuestión sobre a base do respecto ás obrigas establecidas na Convención e nos seus Protocolos facultativos.
- Os Estados partes depositarán a declaración prevista no parágrafo 1 do presente artigo en poder do Secretario Xeral das Nacións Unidas, que remitirá copias dela aos demais Estados partes. A declaración poderá retirarse en calquera momento mediante notificación ao Secretario Xeral. O dito retiro farase sen prexuízo do exame de asunto ningún que sexa obxecto dunha comunicación xa transmitida en virtude do presente artigo; despois de que o Secretario Xeral reciba a notificación correspondente de retiro da declaración, non se recibirán novas comunicacións de ningún Estado parte en virtude do presente artigo, a menos que o Estado parte interesado fixese unha nova declaración.
Artigo 13
- O Comité, se recibe información fidedigna que indique violacións graves ou sistemáticas por un Estado parte dos dereitos enunciados na Convención ou nos seus Protocolos facultativos relativos á venda de nenos, á prostitución infantil e á utilización de nenos na pornografía ou á participación de nenos nos conflitos armados, invitará ese Estado a colaborar no exame da información e, para eses efectos, a presentar sen dilación as súas observacións ao respecto.
- O Comité, tendo en conta as observacións presentadas polo Estado parte de que se trate, así como calquera outra información fidedigna posta á súa disposición, poderá designar un ou máis dos seus membros para que realicen unha investigación e lle presenten un informe con carácter urxente. Cando se xustifique, e co consentimento do Estado parte, a investigación poderá incluír unha visita ao territorio deste.
- A investigación terá carácter confidencial, e requirirase a colaboración do Estado parte en todas as etapas do procedemento.
- Tras examinar as conclusións da investigación, o Comité transmitiraas sen dilación ao Estado parte de que se trate, xunto coas observacións e recomendacións do caso.
- O Estado parte interesado presentará as súas propias observacións ao Comité o máis axiña posible, dentro dun prazo de seis meses contado a partir da data en que reciba os resultados da investigación e as observacións e recomendacións que lle transmita o Comité.
- Ao concluíren as actuacións relacionadas cunha investigación realizada en conformidade co parágrafo 2 do presente artigo, o Comité, previa consulta co Estado parte de que se trate, poderá decidir que se inclúa un resumo dos seus resultados no informe a que se refire o artigo 16 do presente Protocolo.
- Cada Estado parte poderá declarar, no momento de asinar ou ratificar o presente Protocolo ou de adherirse a el, que non recoñece a competencia do Comité prevista no presente artigo con respecto aos dereitos enunciados nalgúns dos instrumentos enumerados no parágrafo 1, ou en todos eles.
- O Estado parte que fixese unha declaración conforme o disposto no parágrafo 7 do presente artigo poderá retirala en calquera momento mediante notificación dirixida ao Secretario Xeral das Nacións Unidas.
Artigo 14
- Transcorrido o prazo de seis meses que se indica no artigo 13, parágrafo 5, o Comité, de ser necesario, poderá invitar o Estado parte de que se trate a que o informe das medidas que adoptase e teña previsto adoptar a raíz dunha investigación realizada en virtude do artigo 13 do presente Protocolo.
- O Comité poderá invitar o Estado parte a presentar máis información sobre calquera das medidas que tomase a raíz dunha investigación realizada en virtude do artigo 13, incluso, se o Comité o considera procedente, nos informes que presente ulteriormente en conformidade co artigo 44 da Convención, o artigo 12 do Protocolo facultativo da Convención relativo á venda de nenos, á prostitución infantil e á utilización de nenos na pornografía ou o artigo 8 do Protocolo facultativo da Convención relativo á participación de nenos nos conflitos armados, segundo o caso.
Artigo 15
- O Comité, co consentimento do Estado parte de que se trate, poderá transmitir aos organismos especializados, fondos e programas e outros órganos competentes das Nacións Unidas os seus ditames ou recomendacións acerca das e investigacións en que se indique a necesidade de asistencia ou asesoramento técnico, xunto coas eventuais observacións e suxestións do Estado parte sobre eses ditames ou recomendacións.
- O Comité tamén poderá sinalar á atención deses órganos, co consentimento do Estado parte de que se trate, toda cuestión que se formule nas comunicacións examinadas en virtude do presente Protocolo que poida axudarlles a pronunciarse, cada cal dentro da súa esfera de competencia, sobre a conveniencia de adoptar medidas internacionais para axudar aos Estados partes a facer valer de forma máis efectiva os dereitos recoñecidos na Convención e/ou nos seus Protocolos facultativos.
Artigo 16
O Comité incluirá no informe que presenta cada dous anos á Asemblea Xeral en conformidade co artigo 44, parágrafo 5, da Convención un resumo das actividades que teña realizado de acordo co presente Protocolo.
Artigo 17
Cada Estado parte comprométese a dar a coñecer amplamente e divulgar o presente Protocolo, por medios eficaces e apropiados e en formatos accesibles, tanto entre os adultos como entre os nenos, incluídos aqueles con discapacidade, así como a facilitar a consulta de información sobre os ditames e recomendacións do Comité, en particular respecto das cuestións que lle concirnan.
Artigo 18
- O presente Protocolo estará aberto á sinatura de todos os Estados que asinasen ou ratificasen a Convención ou algún dos seus dous primeiros Protocolos facultativos, ou se adherisen a aquela ou a algún destes.
- O presente Protocolo estará suxeito a ratificación por calquera Estado que ratificase a Convención ou algún dos seus dous primeiros Protocolos facultativos, ou se adherise a aquela ou a algún destes. Os instrumentos de ratificación serán depositados en poder do Secretario Xeral das Nacións Unidas.
- O presente Protocolo quedará aberto á adhesión de todos os Estados que ratificasen a Convención ou algún dos seus dous primeiros Protocolos facultativos, ou se adherisen a aquela ou a algún destes.
- A adhesión farase efectiva mediante o depósito do instrumento correspondente en poder do Secretario Xeral.
Artigo 19
- O presente Protocolo entrará en vigor tres meses despois da data en que se deposite o décimo instrumento de ratificación ou de adhesión.
- Para cada Estado que ratifique o presente Protocolo ou se adhira a el despois de que se deposite o décimo instrumento de ratificación ou de adhesión, o presente Protocolo entrará en vigor tres meses despois da data en que ese Estado depositase o seu instrumento de ratificación ou de adhesión.
Artigo 20
- A competencia do Comité só se estenderá ás violacións polos Estados partes de calquera dos dereitos enunciados na Convención e/ou nos seus dous primeiros Protocolos facultativos que ocorran con posterioridade á data de entrada en vigor do presente Protocolo.
- Se un Estado pasa a ser parte no presente Protocolo despois da súa entrada en vigor, as súas obrigas con respecto ao Comité só se estenderán ás violacións dos dereitos enunciados na Convención e/ou nos seus dous primeiros Protocolos facultativos que ocorran con posterioridade á data de entrada en vigor do presente Protocolo para ese Estado.
Artigo 21
- Calquera Estado parte poderá propoñer emendas ao presente Protocolo e presentalas ao Secretario Xeral das Nacións Unidas, o cal comunicará aos Estados partes as emendas propostas e pediralles que lle notifiquen se desexan que convoque unha reunión dos Estados partes para examinar as propostas e tomar unha decisión ao respecto. Se, no prazo de catro meses a partir da data da comunicación, ao menos un terzo dos Estados partes se declara en favor da reunión, o Secretario Xeral convocaraa baixo os auspicios das Nacións Unidas. As emendas adoptadas por unha maioría dos dous terzos dos Estados partes presentes e votantes serán sometidas polo Secretario Xeral á aprobación da Asemblea Xeral e, posteriormente, á aceptación de todos os Estados partes.
- As emendas adoptadas e aprobadas en conformidade co parágrafo 1 do presente artigo entrarán en vigor o trixésimo día seguinte á data en que o número de instrumentos de aceptación depositados equivalla aos dous terzos do número de Estados partes á data da súa adopción. Posteriormente, a emenda entrará en vigor para calquera Estado parte o trixésimo día despois do depósito do seu propio instrumento de aceptación. As emendas só terán forza obrigatoria para os Estados partes que as aceptasen.
Artigo 22
- Todo Estado parte poderá denunciar o presente Protocolo en calquera momento mediante notificación por escrito ao Secretario Xeral das Nacións Unidas. A denuncia entrará en vigor un ano despois da data en que o Secretario Xeral reciba a notificación.
- A denuncia entenderase sen prexuízo de que se sigan aplicando as disposicións do presente Protocolo ás comunicacións presentadas en virtude dos artigos 5 ou 12 ou de que continúen as investigacións iniciadas en virtude do artigo 13 antes da data efectiva da denuncia.
Artigo 23
- O Secretario Xeral das Nacións Unidas será o depositario do presente Protocolo.
- O Secretario Xeral notificará a todos os Estados: a) As sinaturas e ratificacións do presente Protocolo e as adhesións a el; b) A data de entrada en vigor do presente Protocolo e das emendas a el que se aproben en virtude do artigo 21; c) As denuncias que se reciban en virtude do artigo 22 do presente Protocolo.
Artigo 24
- O presente Protocolo, cuxos textos en árabe, chinés, español, francés, inglés e ruso son igualmente auténticos, será depositado nos arquivos das Nacións Unidas.
- O Secretario Xeral das Nacións Unidas enviará copias certificadas do presente Protocolo a todos os Estados.