Asemblea Xeral – Resolución A/RES/54/263 do 25 de maio de 2000 Entrada en vigor: 12 de febreiro de 2002
Os Estados Partes no presente Protocolo,
Alentados polo inmenso apoio de que goza a Convención sobre os Dereitos do Neno, que demostra que existe unha vontade xeral de loitar pola promoción e a protección dos dereitos do neno,
Reafirmando que os dereitos do neno requiren unha protección especial e que, para iso, é necesario seguir mellorando a situación dos nenos sen distinción e procurar que estes se desenvolvan e sexan educados en condicións de paz e seguridade,
Preocupados polos efectos perniciosos e xerais que teñen para os nenos os conflitos armados, e polas súas consecuencias a longo prazo para a paz, a seguridade e o desenvolvemento duradeiros,
Condenado o feito de que nas situacións de conflito armado os nenos se convertan nun branco, así como os ataques directos contra bens protexidos polo dereito internacional, incluídos os lugares onde adoita haber unha considerable presenza infantil, como escolas e hospitais,
Tomando nota da aprobación do Estatuto de Roma da Corte Penal Internacional, en particular a inclusión entre os crimes de guerra en conflitos armados, tanto internacionais como non internacionais, do recrutamento ou alistamento de nenos menores de 15 anos ou a súa utilización para participar activamente nas hostilidades,
Considerando en consecuencia que para seguir promovendo a realización dos dereitos na Convención sobre os Dereitos do Neno é necesario aumentar a protección dos nenos con miras a evitar que participen en conflitos armados,
Observando que o artigo 1 da Convención sobre os Dereitos do Neno precisa que, para os efectos desa Convención, se entende por neno todo ser humano menor de 18 anos de idade, salvo que, en virtude da lei que lle sexa aplicable, acadase antes a maioría de idade,
Convencidos de que un protocolo facultativo da Convención polo que se eleve a idade mínima para o recrutamento de persoas nas forzas armadas e a súa participación directa nas hostilidades contribuirá eficazmente á aplicación do principio de que o interese superior do neno debe ser unha consideración primordial en todas as decisións que lle concirnan,
Tomando nota de que en decembro de 1995 a XXVI Conferencia Internacional da Cruz Vermella e da Media Lúa Vermella recomendou, entre outras cousas, que as partes en conflito tomasen todas as medidas viables para que os nenos menores de 18 anos non participasen en hostilidades,
Tomando nota con satisfacción da aprobación unánime, en xuño de 1999, do Convenio da Organización Internacional do Traballo Núm. 182 sobre a prohibición das peores formas de traballo infantil e a acción inmediata para a súa eliminación, no que se prohibe, entre outros, o recrutamento forzoso ou obrigatorio de nenos para utilizalos en conflitos armados,
Condenando con suma preocupación o recrutamento, adestramento e utilización dentro e fóra das fronteiras nacionais de nenos en hostilidades por parte de grupos armados distintos das forzas dun Estado, e recoñecendo a responsabilidade dos que recrutan, adestran e utilizan nenos deste modo,
Recordando que todas as partes nun conflito armado teñen a obriga de observar as disposicións do dereito internacional humanitario,
Subliñando que o presente Protocolo se entenderá sen prexuízo dos obxectivos e principios que contén a Carta das Nacións Unidas, incluíndo o seu artigo 51 e as normas pertinentes do dereito humanitario,
Tendo presente que, para lograr a plena protección dos nenos, en particular durante os conflitos armados e a ocupación estranxeira, é indispensable que se dean condicións de paz e seguridade baseadas no pleno respecto dos propósitos e principios da Carta das Nacións Unidas e se observen os instrumentos vixentes en materia de dereitos humanos,
Recoñecendo as necesidades especiais dos nenos que estean especialmente expostos ao recrutamento ou utilización en hostilidades, contra o disposto no presente Protocolo, en razón da súa situación económica ou social ou de sexo,
Conscientes da necesidade de ter en conta as causas económicas, sociais e políticas que motivan a participación de nenos en conflitos armados,
Convencidos da necesidade de fortalecer a cooperación internacional na aplicación do presente Protocolo, así como da rehabilitación física e psicosocial e a reintegración social dos nenos que son vítimas de conflitos armados,
Alentando a participación das comunidades e, en particular, dos nenos e das vítimas infantís na difusión de programas de información e de educación sobre a aplicación do Protocolo,
Acordaron o seguinte:
Artigo 1
Os Estados Partes adoptarán todas as medidas posibles para que ningún membro das súas forzas armadas menor de 18 anos participe directamente en hostilidades.
Artigo 2
Os Estados Partes velarán por que non se recrute obrigatoriamente nas súas forzas armadas ningún menor de 18 anos.
Artigo 3
- Os Estados Partes elevarán a idade mínima para o recrutamento voluntario de persoas nas súas forzas armadas nacionais por riba da fixada no parágrafo 3 do artigo 38 da Convención sobre os Dereitos do Neno, tendo en conta os principios formulados no dito artigo, e recoñecendo que en virtude desa Convención os menores de 18 anos teñen dereito a unha protección especial.
- Cada Estado Parte depositará, ao ratificar o presente Protocolo ou adherirse a el, unha declaración vinculante na que se estableza a idade mínima na que permitirá o recrutamento voluntario nas súas forzas armadas e se ofreza unha descrición das salvagardas que adoptase para asegurarse de que non se realiza ese recrutamento pola forza ou por coacción.
- Os Estados Partes que permitan o recrutamento voluntario nas súas forzas armadas nacionais de menores de 18 anos establecerán medidas de salvagarda que garantan, como mínimo, que:
- Ese recrutamento sexa autenticamente voluntario;
- Ese recrutamento se realice co consentimento informado dos pais ou de persoas que teñan a súa custodia legal;
- Eses menores estean plenamente informados dos deberes que supón ese servizo militar;
- Eses menores presenten probas fiables da súa idade antes de ser aceptados no servizo militar nacional.
- Cada Estado Parte poderá ampliar a súa declaración en calquera momento mediante notificación para tal efecto dirixida ao Secretario Xeral das Nacións Unidas, o cal informará a todos os Estados Partes. A notificación producirá efecto dende a data en que a reciba o Secretario Xeral.
- A obriga de elevar a idade segundo se establece no parágrafo 1 do presente artigo non é aplicable ás escolas xestionadas ou situadas baixo o control das forzas armadas dos Estados Partes, en conformidade cos artigos 28 e 29 da Convención sobre os Dereitos do Neno.
Artigo 4
- Os grupos armados distintos das forzas armadas dun Estado non deben en ningunha circunstancia recrutar ou utilizar en hostilidades a menores de 18 anos.
- Os Estados Partes adoptarán todas as medidas posibles para impedir ese recrutamento e utilización, con inclusión da adopción das medidas legais necesarias para prohibir e castigar esas prácticas.
- A aplicación do presente artigo non afectará a situación xurídica de ningunha das partes nun conflito armado.
Artigo 5
Ningunha disposición do presente Protocolo se interpretará de maneira que impida a aplicación dos preceptos do ordenamento dun Estado Parte, dos instrumentos internacionais ou do dereito humanitario internacional cando eses preceptos sexan máis propicios para a realización dos dereitos do neno.
Artigo 6
- Cada Estado Parte adoptará todas as medidas xurídicas, administrativas e doutra índole necesarias para garantir a aplicación efectiva e de vixilancia do cumprimento efectivo das disposicións do presente Protocolo dentro da súa xurisdición.
- Os Estados Partes comprométense a difundir e promover polos medios axeitados, entre adultos e nenos por igual, os principios e as disposicións do presente Protocolo.
- Os Estados Partes adoptarán todas as medias posibles para que as persoas que estean baixo a súa xurisdición e fosen recrutadas ou utilizadas en hostilidades en contradición co presente Protocolo sexan desmobilizadas ou separadas do doutro modo. De ser necesario, os Estados Partes prestarán a esas persoas toda a asistencia conveniente para a súa recuperación física e psicolóxica e a súa reintegración social.
Artigo 7
- Os Estados Partes cooperarán na aplicación do presente Protocolo, en particular na prevención de calquera actividade contraria a el e a rehabilitación e reintegración social das persoas que sexan vítimas de actos contrarios ao presente Protocolo, entre outras cousas mediante a cooperación técnica e a asistencia financeira. Esa asistencia e esa cooperación levarase a cabo en consulta cos Estados Partes afectados e as organizacións internacionais pertinentes.
- Os Estados Partes que estean en condicións de facelo prestarán esa asistencia mediante os programas multilaterais, bilaterais, ou doutro tipo existentes ou, entre outras cousas, mediante un fondo voluntario establecido en conformidade coas normas da Asemblea Xeral.
Artigo 8
- A máis tardar dous anos despois da entrada en vigor do Protocolo respecto dun Estado Parte, este presentará ao Comité dos Dereitos do Neno un informe que conteña unha exposición xeral das medidas que adoptará para dar cumprimento ás disposicións do Protocolo, incluídas as medidas adoptadas co obxecto de aplicar as disposicións relativas á participación e o recrutamento.
- Despois da presentación do informe xeral, cada Estado Parte incluirá nos informes que presente ao Comité dos Dereitos do Neno en conformidade co artigo 44 da Convención información adicional sobre a aplicación do presente Protocolo. Os demais Estados Partes no Protocolo presentarán un informe cada 5 anos.
- O Comité dos Dereitos do Neno poderá pedir aos Estados Partes máis información sobre a aplicación do presente Protocolo.
Artigo 9
- O presente Protocolo estará aberto á sinatura de todo Estado que sexa Parte na Convención ou a asinase.
- O presente Protocolo está suxeito á ratificación e aberto á adhesión de todos os Estados. Os instrumentos de ratificación ou adhesión depositaranse en poder do Secretario Xeral das Nacións Unidas.
- O Secretario Xeral, en calidade de depositario da Convención e do Protocolo, informará a todos os Estados Partes na Convención e a todos os Estados que asinasen a Convención do depósito de cada un dos instrumentos de declaración en virtude do artigo 3.
Artigo 10
- O presente Protocolo entrará en vigor tres meses despois da data en que fose depositado o décimo instrumento de ratificación ou de adhesión.
- Respecto dos Estados que ratificasen o presente Protocolo ou se adherisen a el despois da súa entrada en vigor, o Protocolo entrará en vigor un mes despois da data en que se depositase o correspondente instrumento de ratificación ou adhesión.
Artigo 11
- Todo Estado Parte poderá denunciar o presente Protocolo en calquera momento notificándollo por escrito ao Secretario Xeral das Nacións Unidas, quen informará disto aos demais Estados Partes na Convención e a todos os Estados que a asinasen. A denuncia producirá efecto un ano despois da data na que o Secretario Xeral das Nacións Unidas recibise a notificación. Non obstante, se ao cumprirse ese prazo o Estado Parte denunciante está intervindo nun conflito armado, a denuncia non producirá efecto ata que remate o dito conflito armado.
- Esa denuncia non eximirá o Estado Parte das obrigas que lle incumban en virtude do presente Protocolo respecto de todo acto que se producise antes da data en que aquela produza efecto. A denuncia tampouco obstará de ningún modo para que o Comité prosiga o exame de calquera asunto iniciado antes desa data.
Artigo 12
- Todo Estado Parte poderá propoñer unha emenda e depositala en poder do Secretario Xeral das Nacións Unidas. O secretario Xeral comunicaralles a emenda proposta aos Estados Partes, pedíndolles que lle notifiquen se desexan que se convoque unha conferencia de Estados Partes co fin de examinar as propostas e sometelas a votación. Se dentro dos catro meses seguintes á data desa notificación un terzo, ao menos, dos Estados Partes se declara a favor de tal conferencia, o Secretario Xeral convocaraa co auspicio das Nacións Unidas. Toda emenda adoptada pola maioría dos Estados Partes presentes e votantes na conferencia será sometida á Asemblea Xeral das Nacións Unidas para a súa aprobación.
- Toda emenda adoptada en conformidade co parágrafo 1 do presente artigo entra- rá en vigor cando sexa aprobada pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas e acepta- da por unha maioría de dous terzos dos Estados Partes.
- As emendas, cando entren en vigor, serán obrigatorias para os Estados Partes que as aceptasen; os demais Estados Partes seguirán obrigados polas disposicións do presente Protocolo e polas emendas anteriores que aceptasen.
Artigo 13
- O presente Protocolo, cuxos textos en árabe, chinés, español, francés, inglés e ruso son igualmente auténticos, será depositado nos arquivos das Nacións Unidas.
- O Secretario Xeral das Nacións Unidas enviaralles copias certificadas do presente Protocolo a todos os Estados Partes na Convención e a todos os Estados que asinasen a Convención.