Programa En Familia
Impulsado por Fundación Aldaba (coordinadora do proxecto), Casa de Familia Sta. Joaquina de Vedruna, Casa de Familia Laura Vicuña, Fundación Faiben e Manaia Asociación Galega de Adopción e Acollemento.
Descrición do programa
En Familia é un programa de acollemento familiar para nenas, nenos e adolescentes (NNA) que, vivindo en recursos de protección, non dispoñen de alternativas familiares estables.
Obxectivo: desinstitucionalización.
As características desta modalidade de acollemento familiar son:
- En familia allea.
- De carácter permanente na maioría dos casos, por non ser posible a reintegración familiar a curto, medio nin longo prazo, nin outras medidas máis estables como a adopción.
- De carácter especial, é dicir, non require de dedicación exclusiva por parte da familia acolledora, pero si dun acompañamento individualizado e especializado, habitualmente debido ós retos para a crianza que supoñen, tanto as dificultades de relación das nenas e nenos polas adversidades vividas como outras características (persoais, étnicas, culturais…).
- De convivencia plena ou de fins de semana e períodos vacacionais, en función das capacidades das NNA para establecer vínculo e relacións seguras. En moitos casos, os fins de semana e vacacións son períodos de transición que posibilitan a convivencia plena.
Perfil das nenas, nenos ou adolescentes
Nenas, nenos e adolescentes que, residindo en centros de protección, non dispoñen de alternativas familiares, cuxa perspectiva de futuro está abocada á continuidade da institucionalización e a un posible retorno á familia de orixe (nas mesmas circunstancias de desprotección). De xeito especial, aquelas nenas e nenos con altos tempos de estancia nos recursos.
Os perfís máis habituais son:
- Maiores de 7 anos.
- Grupos de irmáns.
- Diversidade funcional.
- Minorías étnicas.
- Estranxeiras/os.
- Provenientes de medidas anteriores (adopción, acollemento…).
Perfil das familias acolledoras
Familias interesadas en poñerse á disposición dunha nena, neno ou adolescente para, a través dunha convivencia familiar progresiva e adaptada ás súas necesidades, favorecer o seu adecuado desenvolvemento e contribuír na reparación do seu dano.
Os perfís necesarios, con carácter xeral, son:
- Entre 35 e 62 anos.
- Con dispoñibilidade temporal suficiente.
- Sen fillas/os ou fillas/os ou fillas/os maiores.
- Estabilidade e madurez persoal e de parella, de ser o caso.
- Con competencias de coidado.
Ámbito de actuación
Comunidade Autónoma de Galicia.
Organismo colaborador
O programa forma parte da estratexia de desinstitucionalización e fomento do acollemento familiar da Consellería de Política Social e Xuventude da Xunta de Galicia e conta co seu apoio e financiamento a través dos fondos NextGeneration da Unión Europea.
Contacto
Sergio Puga Amoedo
Teléfono 634 240 914