Por unha Lei de Infancia galega

A Plataforma de Infancia galega avoga por unha Lei de Infancia galega que mellore e poña o foco nos dereitos das nenas e nenos na comunidade. Esta semana comezou reunións cos Grupos Parlamentarios.
Razóns lei de infancia

As 35 entidades de infancia que compoñen a Plataforma de Organizacións de Infancia de Galicia, avogan por unha Lei de Infancia galega que mellore e poña o foco de atención nos dereitos das nenas e nenos na comunidade.

Para iso, esta semana a plataforma comezou a rolda de reunións cos Grupos Parlamentarios galegos.

Aínda que nos últimos tempos incrementouse o interese por parte das administracións públicas galegas no impulso de institucións que velen polos dereitos da infancia e da adolescencia, bótase máis de menos unha lei galega de infancia, que aporte unha visión compartida máis coordinada e máis global.

Mellorar o marco lexislativo existente cunha lei específica a través dun proceso que involucre a todos os axentes e administracións concernidas, implicaría un importante salto de calidade na visibilidade dos dereitos das nenas, nenos e adolescentes, na ampliación de consensos sociais e na coordinación de todas as entidades que deben asegurar o benestar da infancia na comunidade.

Desde as 35 entidades de infancia que conforman a Plataforma de Organizacións de Infancia de Galicia avogan pola necesaria lei, desgregando en 11 as razóns polas que a súa realización melloraría o benestar e os dereitos de todos os nenos e nenas galegos/as

Aquí amosamos as nosas razóns para a implementación dunha Lei de Infancia na nosa comunidade:

  1. Promover na sociedade galega e nas súas institucións os valores da infancia e adolescencia. Aproveitar a oportunidade no novo escenario lexislativo para incorporar cambios sociais e a evolución da propia sociedade.
  2. Determinar o ámbito competencial da atención á infancia e adolescencia en Galicia e  articular políticas integrais encamiñadas ao desenvolvemento da infancia e da adolescencia, e de modo especial, as referidas aos seus dereitos.
  3. Regular o exercicio dos dereitos que lle son recoñecidos ás nenas, nenos e adolescentes e establecer procedementos e recursos para facilitar o seu exercicio.  Promover e regular a súa participación como actores sociais con dereito á liberdade de expresión e a ser escoitados nas decisións políticas que afecten a súa vida.
  4. Adaptar e regular a actuación das administracións públicas de Galicia en materia de prevención e protección da infancia e da adolescencia, garantindo unha protección que atenda as necesidades que xa existían e ás que xurdiron nos últimos tempos, con especial atención ás situacións de risco e aos nenos, nenas e adolescentes en situación de maior vulnerabilidade.
  5. Precísase unha lei adaptada á Lei Orgánica de protección integral á infancia e a adolescencia fronte á violencia (LOPIVI), encamiñada á sensibilización, prevención, detección, notificación, asistencia e protección de calquera forma de violencia contra a infancia e adolescencia, mediante procedementos que aseguren a coordinación e a colaboración entre as distintas administracións, entidades colaboradoras e servizos competentes, públicos e privados, para garantir unha actuación integral.
  6. Dotación dun sistema de información complementario ao sistema estatal, que permita obter datos sobre a situación da infancia e adolescencia nos distintos ámbitos da súa vida, facendo especial fincapé aos indicadores da infancia e adolescencia máis vulnerable.

A información obtida debe facilitar a planificación e desenvolvemento de políticas efectivas baseadas na medición e avaliación do impacto dos resultados das decisións políticas e estratexias tomadas ao fin de preservar as repercusións que poidan ter nos dereitos da infancia e a satisfacción das súas necesidades; establecer canles formais e periódicos de rendición de contas.

  • Promover o desenvolvemento de investigacións e estudios xeradores de coñecemento en materia de infancia e adolescencia baseadas en evidencias e que fundamenten estratexias e métodos de intervención para o desenvolvemento de programas.
  • Impulsar políticas compensatorias dirixidas a corrixir as desigualdades sociais nos nenos, nenas e adolescentes de familias con baixos recursos, do sistema de protección, migrantes, refuxiados, etnia xitana e con discapacidade. Os contidos esenciais do interese superior dos nenos e nenas non poderán quedar afectados pola falta de recursos sociais básicos.
  • Avanzar nos enfoques lexislativos baseándoos na promoción de dereitos e na prevención, anticipándonos ás dificultades,  evitando que  atención e a protección aparezan cando as situacións están complexizadas.
  1. Precísase unha lei que recolla a alfabetización dixital como ferramenta imprescindible para que os nenos, nenas e adolescentes teñan mecanismos e coñecementos que impulsen o seu desenvolvemento, con accións destinadas a combater a adicción e o uso problemático de internet e das redes sociais. 
  2. Outorgar ás primeiras idades da vida maior relevancia dada a súa transcendencia como método de prevención no momento máis trascendental da vida das persoas para o seu desenvolvemento persoal e aprendizaxe. Facer fincapé nesta etapa evita moitos efectos acumulativos que se transmiten ás seguintes xeracións.

A lei debe garantir que todas as nenas e nenos  de Galicia conten con contornas de crianza e socialización inclusivas, cariñosas, sensibles e ben organizadas (Recomendación da OMS e UNICEF– 2018 dentro dos ODS 2030) que den unha cobertura axeitada ás necesidades de apego, diferenciación, adquisición de recursos dialóxicos, oportunidades de xogo, nutrición axeitada e condicións de vida digna que son imprescindibles nos primeiros mil días de vida (etapa especialmente sensible polas súas características neurobiolóxicas e epixenéticas).

Documento Razóns Lei de Infancia en Galicia

#infanciagalicia

Email: secretariatecnica@infanciagalicia.org

Compartir
Tabla de contidos