INTRODUCIÓN
A Convención sobre os Dereitos do Neno é o tratado internacional, adoptado pola Asemblea Xeral de Nacións Unidas o 20 de novembro de 1989, que recoñece a todas as persoas menores de 18 anos como suxeitos de pleno dereito e que define os dereitos humanos básicos dos que gozan os nenos e as nenas de todo o mundo.
Os catro principios fundamentais da Convención son: a non discriminación; o interese superior dos nenos e das nenas; o dereito á vida, á supervivencia e ao desenvolvemento; e á promoción da participación infantil.
É o tratado internacional máis amplamente ratificado polos países do mundo e todos os Estados Parte están obrigados a respectalo e facelo cumprir sen distinción de raza, cor, sexo, idioma, relixión, opinións, orixes, posición económica ou calquera outra condición dos nenos e nenas ou dos seus representantes.
No 30 aniversario da Convención, co apoio da Xunta de Galicia, a Plataforma de Organizacións de Infancia, que ten como misión principal a protección e promoción dos dereitos dos nenos e das nenas na comunidade autónoma galega, quere conmemorar o gran paso adiante que supuxo a aprobación deste tratado.
Esta publicación actualiza o texto oficial dos dereitos nos seus 54 artigos, incorporando os tres protocolos facultativos asinados con posterioridade pola Asemblea Xeral da ONU: Protocolo facultativo relativo á participación de nenos nos conflitos armados, e o Protocolo facultativo relativo á venda de nenos, á prostitución infantil e á utilización de nenos na pornografía, adoptados ambos o 25 de maio de 2000; e o Protocolo facultativo sobre un procedemento de comunicacións, adoptado o 19 de decembro de 2011.
PREÁMBULO
Os Estados Partes na presente Convención,
Considerando que, en conformidade cos principios proclamados na Carta das Nacións Unidas, a liberdade, a xustiza e a paz no mundo se basean no recoñecemento da dignidade intrínseca dos dereitos iguais e inalienables de todos os membros da familia humana,
Tendo presente que os pobos das Nacións Unidas reafirmaron na Carta a súa fe nos dereitos fundamentais e na dignidade e o valor do ser humano, e que decidiron promover o progreso social e elevar o nivel de vida dentro dun concepto máis amplo da liberdade,
Recoñecendo que as Nacións Unidas proclamaron e acordaron na Declaración Universal dos Dereitos Humanos e nos Pactos Internacionais de dereitos humanos que toda persoa ten todos os dereitos e liberdades enunciados neles, sen distinción ningunha por motivo de raza, cor, sexo, idioma, relixión, opinión política ou doutra índole, orixe nacional ou social, posición económica, nacemento ou calquera outra condición,
Recordando que na Declaración Universal de Dereitos Humanos as Nacións Unidas proclamaron que a infancia ten dereito a coidados e asistencia especiais,
Convencidos de que a familia, como grupo fundamental da sociedade e medio natural para o crecemento e o benestar de todos os seus membros, e en particular dos nenos, debe recibir a protección e asistencia necesarias para poder asumir plenamente as súas responsabilidades dentro da comunidade,
Recoñecendo que o neno, para o pleno e harmonioso desenvolvemento da súa personalidade, debe medrar no seo da familia, nun ambiente de felicidade, amor e comprensión,
Considerando que o neno debe estar plenamente preparado para unha vida independente na sociedade e ser educado co espírito dos ideais proclamados na Carta das Nacións Unidas e, en particular, no espírito de paz, dignidade, tolerancia, liberdade, igualdade e solidariedade,
Tendo presente que a necesidade de proporcionar ao neno unha protección especial foi enunciada na declaración de Xenebra de 1924 sobre os Dereitos do Neno e na Declaración dos Dereitos do Neno adoptada pola Asemblea Xeral o 20 de novembro de 1959, e recoñecida na Declaración Universal dos Dereitos Humanos, e no Pacto Internacional de Dereitos Civís e Políticos (en particular, nos artigos 23 e 24), no Pacto Internacional de Dereitos Económicos, Sociais e Culturais (en particular, no artigo 10) e nos estatutos e instrumentos pertinentes dos organismos especializados e das organizacións internacionais que se interesan no benestar do neno,
Tendo presente que, como se indica na Declaración de Dereitos do Neno, “o neno pola súa falta de madurez física e mental necesita protección e coidados especiais, mesmo a debida protección legal, tanto antes como despois do seo nacemento”,
Lembrando o disposto na Declaración sobre os principios sociais e xurídicos relativos á protección e ao benestar dos nenos, con particular referencia á adopción e á colocación nos fogares de garda, nos planos nacional e internacional; as Regras mínimas das Nacións Unidas para a administración da xustiza de menores (Regras de Beijing); e a declaración sobre a protección da muller e o neno nos estados de emerxencia ou de conflito armado,
Recoñecendo que en todos os países do mundo hai nenos que viven en condicións excepcionalmente difíciles e que eses nenos necesitan especial consideración,
Tendo debidamente en conta a importancia das tradicións e os valores culturais de cada pobo para a protección e desenvolvemento harmonioso do neno,
Recoñecendo a importancia da cooperación internacional para a mellora das condicións de vida dos nenos en todos os países, en particular naqueles países en fase de desenvolvemento,
Conviñeron no seguinte:
PARTE 1
Artigo 1
Para os efectos da presente convención, enténdese por neno todo ser humano menor de dezaoito anos de idade, agás que, ao abeiro da lei que lle sexa aplicable, teña acadado con anterioridade a maioría de idade.
Artigo 2
- Os Estados Partes respectarán os dereitos enunciados na presente Convención e garantirán a súa aplicación a cada neno suxeito á súa xurisdición, sen distinción ningunha, independentemente da raza, a cor, o sexo, o idioma, a relixión, a opinión política ou doutra índole, a orixe nacional, étnica ou social, a posición económica, os impedimentos físicos, o nacemento ou calquera outra condición do neno, dos seus pais ou dos seus representantes legais.
- Os Estados Partes tomarán todas as medidas axeitadas para garantir que o neno se vexa protexido contra toda forma de discriminación ou castigo por mor da condición, as actividades, as opinións expresadas ou as crenzas dos seus pais, titores ou dos seus familiares.
Artigo 3
- En todas as medidas concernentes aos nenos que tomen as institucións públicas ou privadas de benestar social, os tribunais, as autoridades administrativas ou os órganos lexislativos, unha consideración primordial á que se atenderá será o interese superior do neno.
- Os Estados Partes comprométense a asegurar ao neno a protección e o coidado que sexan necesarios para o seu benestar, tendo en conta os dereitos e deberes dos pais, titores e outras persoas responsables del ante a lei e, con ese fin, tomarán todas as medidas lexislativas e administrativas axeitadas.
- Os Estados Partes aseguraranse de que as institucións, servizos e establecementos encargados do coidado ou a protección dos nenos cumpran as normas establecidas polas autoridades competentes, especialmente en materia de seguridade, sanidade, número e competencia do seu persoal, así como na relación coa existencia dunha supervisión axeitada.
Artigo 4
Os Estados Partes adoptarán todas as medidas administrativas, lexislativas e doutra índole para dar efectividade aos dereitos recoñecidos na presente Convención.
Polo que respecta aos dereitos económicos, sociais e culturais, os Estados Partes adoptarán esas medidas ata o máximo de recursos de que dispoñan e, cando sexa necesario, dentro do marco da cooperación internacional.
Artigo 5
Os Estados Partes respectaran as posibilidades, os dereitos e deberes dos pais ou, no seu caso, dos membros da familia ampliada ou da comunidade, segundo estableza o costume local, dos titores ou doutras persoas encargadas legalmente do neno de proporcionarlle, en consonancia coa evolución das súas facultades, a dirección e orientación apropiadas para que o neno exerza os dereitos recoñecidos na presente Convención.
Artigo 6
- Os Estados Partes recoñecen que todo neno ten o dereito intrínseco á vida.
- Os Estados Partes garantirán na máxima medida posible a supervivencia e o desenvolvemento do neno.
Artigo 7
- O neno será inscrito inmediatamente despois do seu nacemento e terá dereito dende que naza a un nome, a adquirir unha nacionalidade e, na medida do posible, a coñecer os seus pais e a ser coidado por eles.
- Os Estados Partes velarán pola aplicación destes dereitos en conformidade coa súa lexislación nacional e as obrigas que contraesen en virtude dos instrumentos internacionais pertinentes neste ámbito, sobre todo cando o neno resultase, doutro modo, apátrida.
Artigo 8
- Os Estados Partes comprométense a respectar o dereito do neno a preservar a súa identidade, incluídos a nacionalidade, o nome e as relacións familiares ao abeiro da lei sen inxerencias ilícitas.
- Cando o neno sexa privado ilegalmente dalgún dos elementos da súa identidade ou de todos eles, os Estados Partes deberán prestar a asistencia e protección axeitadas con miras a restablecer rapidamente a súa identidade.
Artigo 9
- Os Estados Partes velarán por que o neno non sexa separado dos seus pais contra a vontade destes, excepto cando, a reserva de revisión xudicial, as autoridades competentes determinen, ao abeiro da lei e os procedementos aplicables, que tal separación cómpre no interese superior do neno. Tal determinación pode ser necesaria en casos particulares, por exemplo nos casos en que o neno sexa obxecto de maltrato ou descoido por parte dos pais ou cando estes viven separados e debe adoptarse unha decisión con respecto ao lugar de residencia do neno.
- En calquera procedemento establecido ao abeiro do parágrafo I do presente artigo, ofrecerase a todas as partes interesadas a oportunidade de participar nel e de dar a coñecer as súas opinións.
- Os Estados Partes respectarán o dereito do neno que estea separado dun ou de ambos os dous pais a manter relacións persoais e contacto directo con ambos os pais a miúdo, agás se iso é contrario ao interese superior do neno.
- Cando esa separación sexa resultado dunha medida adoptada por un Estado Parte, como a detención, a cadea, o exilio, a deportación ou a morte dun dos pais do neno, o Estado Parte proporcionará, cando se lle pida, aos pais, ao neno ou, se procede, a outro familiar, información básica acerca do paradoiro do familiar ou familiares ausentes, a non ser que iso resultase prexudicial para o benestar do neno. Os Estados Partes aseguraranse, ademais, de que a presentación de tal petición non comporte consecuencias desfavorables para a persoa ou persoas interesadas.
Artigo 10
- De acordo coa obriga que atinxe aos Estados Partes ao abeiro do disposto no parágrafo 1 do artigo 9, toda solicitude feita por un neno ou polos seus pais para entrar nun Estado Parte ou para saír del para os efectos da reunión da familia será atendida polos Estados Partes de maneira positiva, humanitaria e expeditiva. Os Estados Partes garantirán, ademais, que a presentación de tal petición non traerá consecuencias desfavorables para os peticionarios nin para os seus familiares.
- O neno que teña os pais residindo en Estados diferentes terá dereito a manter periodicamente, agás en circunstancias excepcionais, relacións persoais e contactos directos con ambos os dous pais. Por este motivo, e en conformidade coa obrigación asumida polos Estados Partes ao abeiro do parágrafo 1 do artigo 9, os Estados Partes respectarán o dereito do neno e dos seus pais a saír de calquera país incluído o propio, e de entrar no seu propio país. O dereito de saír de calquera país estará suxeito soamente ás restricións estipuladas pola lei e que sexan necesarias para protexer a seguridade nacional, a orde pública, a saúde ou a moral públicas ou os dereitos e liberdades doutras persoas e que estean en consonancia cos demais dereitos recoñecidos pola presente convención.
Artigo 11
- Os Estados Partes adoptarán medidas para loitar contra os traslados ilícitos de nenos ao estranxeiro e a súa retención no estranxeiro.
- Para este fin, os Estados Partes promoverán a concertación de acordos bilaterais ou multilaterais ou a adhesión a acordos existentes.
Artigo 12
- Os Estados Partes garantirán ao neno que estea en condicións de formar un xuízo propio o dereito de expresar a súa opinión libremente en todos os asuntos que afectan ao neno, e terán en conta as opinións do neno en función da súa idade e madurez.
- Con este fin, daráselle en particular ao neno a oportunidade de ser escoitado en todo o procedemento xudicial ou administrativo que lle afecte, xa sexa directamente ou ben por medio dun representante ou do órgano axeitado, de acordo coas normas do procedemento da lei nacional.
Artigo 13
- O neno terá dereito á liberdade de expresión, dereito que incluirá a liberdade de buscar, recibir e difundir informacións e ideas de todo tipo, sen consideración de fronteiras, xa sexa oralmente, por escrito ou impresas, na forma artística ou por calquera outro medio elixido polo neno.
- O exercicio de tal dereito poderá estar suxeito a certas restricións, que serán unicamente as que a lei prevexa e sexan necesarias:
- Para o respecto dos dereitos ou a reputación dos demais; ou
- Para a protección da seguridade nacional na orde pública ou para protexer a saúde ou a moral públicas.
Artigo 14
- Os Estados Partes respectarán o dereito do neno á liberdade de pensamento, de conciencia e de relixión.
- Os Estados Partes respectaran os dereitos e deberes dos pais e, no seu caso, dos representantes legais, de guiar o neno no exercicio do seu dereito de modo conforme á evolución das súas facultades.
- A liberdade de profesar a propia relixión ou as propias crenzas estará suxeita unicamente ás limitacións prescritas pola lei que sexa necesaria para protexer a seguridade, a orde, a moral ou a saúde públicas ou os dereitos e liberdades fundamentais dos demais.
Artigo 15
- Os Estados Partes recoñecen os dereitos do neno á liberdade de asociación e á liberdade de celebrar reunións pacíficas.
- Non se imporán restricións ao exercicio destes dereitos distintas das establecidas ao abeiro da lei e que sexan necesarias na sociedade democrática, no interese da seguridade nacional ou pública, a orde pública, a protección da saúde ou a moral públicas ou a protección dos dereitos e liberdades dos demais.
Artigo 16
- Ningún neno será obxecto de inxerencias arbitrarias ou ilegais na súa vida privada, a súa familia, o seu domicilio, ou a súa correspondencia, nin de ataques ilegais á súa honra e á súa reputación.
- O neno ten dereito á protección da lei contra esas inxerencias ou ataques.
Artigo 17
Os Estados Partes recoñecen a importante función que desempeñan os medios de comunicación e velarán por que o neno teña acceso a información e material procedentes de diversas fontes nacionais e internacionais, en especial a información e o material que teñan por finalidade promover o seu benestar social, espiritual e moral e a súa saúde física e mental.
Con tal obxecto, os Estados Partes:
- Alentarán os medios de comunicación para difundir información e material de interese social e cultural para o neno, ao abeiro do espírito do artigo 29;
- Promoverán a cooperación internacional na produción, o intercambio e a difusión desa información e eses materiais procedentes de diversas fontes culturais, nacionais e internacionais;
- Alentarán a produción e difusión de libros para nenos;
- Alentarán os medios de comunicación para que teñan particularmente en conta as necesidades lingüísticas do neno pertencente a un grupo minoritario ou que sexa indíxena;
- Promoverán a elaboración de directrices apropiadas para protexer o neno contra toda información e material prexudicial para o seu benestar, tendo en conta as disposicións dos artigos 13 e 18.
Artigo 18
- Os Estados Partes poñerán o máximo empeño en garantir o recoñecemento do principio de que ambos os pais teñen obrigas comúns no que respecta á crianza e ó desenvolvemento do neno. Atinxirá aos pais ou, no seu caso, aos representantes legais a responsabilidade primordial da crianza e o desenvolvemento do neno. A súa preocupación fundamental será o interese superior do neno.
- Para os efectos de garantir e promover os dereitos enunciados na presente Convención, os Estados Partes prestarán a asistencia apropiada aos pais e aos representantes legais para o desempeño das súas funcións no que respecta á crianza do neno e velarán pola creación de institucións, instalacións e servizos para o coidado dos nenos.
- Os Estados Partes adoptarán todas as medidas apropiadas para que os nenos cuxos pais traballan teñan dereito a beneficiarse dos servizos e instalacións de garda dos nenos para os que reúnan as condicións requiridas.
Artigo 19
- Os Estados Partes adoptarán todas as medias lexislativas, administrativas, sociais e educativas apropiadas para protexer o neno contra toda forma de dano ou abuso físico ou mental, descoido ou trato neglixente, maltratos ou explotación, incluído o abuso sexual, mentres o neno se atope baixo a custodia dos pais, dun representante legal ou de calquera outra persoa que o teña ao seu cargo.
- Esas medidas de protección deberían comprender, segundo corresponda, procedementos eficaces para o establecemento de programas sociais co obxecto de proporcionar asistencia necesaria ao neno e a quen coida del, así como para outras normas de prevención e para a identificación, notificación, remisión a unha institución, investigación, tratamento e observación ulterior dos casos antes descritos de maltratos ao neno, e, segundo corresponda, a intervención xudicial.
Artigo 20
- Os nenos temporalmente ou permanentemente privados do seu medio familiar, ou que teñan como superior interese esixir que non permanezan no seu medio, terán dereito á protección e á asistencia especiais do Estado.
- Os Estados Partes garantirán, en conformidade coas súas leis nacionais, outros tipos de coidados para eses nenos.
- Entre eses coidados figurarán, entre outras cousas, a colocación en fogares de garda, a kafala do dereito islámico, a adopción ou, de ser necesario, a colocación en institucións adecuadas de protección de menores. Ao considerar as solucións prestarase particular atención á conveniencia de que haxa continuidade na educación do neno e na súa orixe étnica, relixiosa, cultural e lingüística.
Artigo 21
Os Estados que recoñecen ou permiten o sistema de adopción coidarán de que o interese superior do neno sexa a consideración primordial e:
- Velarán por que a adopción do neno só sexa autorizada polas autoridades competentes, as cales determinarán, de acordo coas leis e cos procedementos aplicables e sobre a base de toda a información pertinente e fidedigna, que a adopción é admisible en vista da situación xurídica do neno en relación cos seus pais, parentes e representantes legais e que, cando así se requira, as persoas interesadas teñan dado con coñecemento de causa o seu consentimento á adopción sobre a base do asesoramento que poida ser necesario;
- Recoñecerán que a adopción noutro país pode ser considerada como outro medio de coidar do neno, no caso de que este non poida ser colocado nun fogar de garda ou entregado a unha familia adoptiva ou non poida ser atendido dunha maneira adecuada no país de orixe;
- Velarán por que o neno que teña que ser adoptado noutro país goce de salvagardas e normas equivalentes ás existentes respecto da adopción no país de orixe.
- Adoptarán todas as medidas apropiadas para garantir que no caso de adopción noutro país, a colocación non produza beneficios financeiros indebidos para quen participa nela;
- Promoverán, cando corresponda, os obxectivos do presente artigo mediante a concertación de arranxos ou de acordos bilaterais ou multilaterais, e esforzaranse, dentro deste marco, por garantir que a colocación do neno noutro país se realice por medio das autoridades e organismos competentes.
Artigo 22
- Os Estados Partes adoptarán medidas adecuadas para lograr que o neno que trate de obter o estatuto de refuxiado ou que sexa considerado refuxiado en conformidade co dereito e os procedementos internacionais ou internos aplicables reciba, tanto se está só como se está acompañado dos seus pais ou de calquera outra persoa, a protección e a asistencia humanitaria adecuadas para gozar dos dereitos pertinentes enunciados na presente Convención e noutros instrumentos internacionais de dereitos humanos ou de carácter humanitario en que os ditos Estados sexan partes.
- Para tal efecto, os Estados Partes cooperarán, na forma que estimen apropiada, en todos os esforzos das Nacións Unidas e as demais organizacións intergobernamentais que cooperen coas Nacións Unidas por protexer e axudar a todo neno refuxiado e localizar os seus pais ou outros membros da súa familia, co fin de obter a información necesaria para que se reúna coa súa familia.
Nos casos en que non se poida localizar ningún dos pais ou membros da familia, concederáselle ao neno a mesma protección que a calquera outro neno privado permanente ou temporalmente do seu medio familiar, por calquera motivo, como se dispón na presente Convención.
Artigo 23
- Os Estados Partes recoñecen que o neno mental ou fisicamente impedido deberá gozar dunha vida plena e decente en condicións que aseguren a súa dignidade, que lle permitan chegar a valerse por si mesmo e lle faciliten a participación activa na comunidade.
- Os Estados Partes recoñecen o dereito do neno impedido a recibir coidados especiais, e alentarán e asegurarán, conforme os recursos dispoñibles, a prestación ao neno que reúna as condicións requiridas e aos responsables do seu coidado a asistencia que se solicite e que sexa axeitada ao estado do neno e ás circunstancias dos seus pais e doutras persoas que coiden del.
- En atención ás necesidades especiais do neno impedido, a asistencia que se preste ao abeiro do parágrafo 2 do presente artigo será gratuíta sempre que sexa posible, tendo en conta a situación económica dos pais ou doutras persoas que coiden do neno, e estará destinada a asegurar que o neno impedido teña un acceso efectivo á educación, á capacitación, aos servizos sanitarios, aos servizos de rehabilitación, á preparación para o emprego e ás oportunidades de entretemento, e reciba tales servizos co obxecto de que o neno acade a integración social e o desenvolvemento individual, incluído o seu desenvolvemento cultural e espiritual, na máxima medida posible.
- Os Estados Partes promoverán, con espírito de cooperación internacional, o intercambio de información axeitada na esfera da atención sanitaria preventiva e do tratamento médico, psicolóxico e funcional dos nenos impedidos, incluída a difusión de información sobre os métodos de rehabilitación e os servizos de ensino e formación profesional, así como o acceso a esa información co fin de que os Estados Partes poidan mellorar a súa capacidade e coñecementos e ampliar a súa experiencia nestas esferas. A este respecto, teranse especialmente en conta as necesidades dos países en vías de desenvolvemento.
Artigo 24
- Os Estados Partes recoñecen o dereito do neno a gozar do máis alto nivel posible de saúde e a servizos para o tratamento das enfermidades e a rehabilitación da saúde. Os Estados Partes esforzaranse por asegurar que ningún neno sexa privado do seu dereito a gozar deses servizos sanitarios.
- Os Estados Partes asegurarán a plena aplicación deste dereito e, en particular, adoptarán as medidas apropiadas para:
- Reducir a mortalidade infantil e na nenez;
- Asegurar a prestación da asistencia médica e a atención sanitaria que sexan necesarias a todos os nenos, facendo fincapé no desenvolvemento da atención primaria da saúde;
- Combater as enfermidades e a mala nutrición no marco da atención primaria da saúde mediante, entre outras cousas, a aplicación da tecnoloxía dispoñible e a subministración de alimentos nutritivos adecuados e auga potable salubre, tendo en conta os perigos e riscos de contaminación do medio ambiente;
- Asegurar atención sanitaria prenatal e posnatal apropiada ás nais;
- Asegurar que todos os sectores da sociedade, e en particular os pais e os nenos, coñezan os principios básicos da saúde e a nutrición dos nenos, as vantaxes da lactación materna, a hixiene e o saneamento ambiental e as medidas de prevención de accidentes; e teñan acceso á educación pertinente e reciban apoio na aplicación deses coñecementos;
- Desenvolver a atención sanitaria preventiva, a orientación aos pais e a educación e servizos en materia de planificación da familia.
- Os Estados Partes adoptarán todas as medidas eficaces e apropiadas posibles para abolir as prácticas tradicionais que sexan prexudiciais para a saúde dos nenos.
- Os Estados Partes comprométense a promover e alentar a cooperación internacional coa finalidade de lograr progresivamente a plena realización do dereito recoñecido no presente artigo. A este respecto, teranse plenamente en conta as necesidades dos países en vías de desenvolvemento.
Artigo 25
Os Estados Partes recoñecen o dereito do neno que foi internado nun establecemento polas autoridades competentes para os fins de atención, protección ou tratamento da saúde física ou mental a un exame periódico do tratamento ao que estea sometido e de todas as demais circunstancias propias do seu internamento.
Artigo 26
- Os Estados Partes recoñecerán a todos os nenos o dereito a se beneficiaren da Seguridade Social, incluso do seguro social, e adoptarán as medidas necesarias para lograr a plena realización deste dereito en conformidade coa súa lexislación nacional.
- As prestacións deberán concederse, cando corresponda, tendo en conta os recursos e a situación do neno e das persoas que sexan responsables do seu mantemento, así como calquera outra consideración pertinente a unha solicitude de prestacións feita polo neno ou no seu nome.
Artigo 27
- Os Estados Partes recoñecen o dereito de todo neno a un nivel de vida axeitado para o seu desenvolvemento físico, mental, espiritual, moral e social.
- Aos pais ou a outras persoas encargadas do neno incúmbelles a responsabilidade primordial de proporcionarlle, dentro das súas posibilidades e medios económicos, as condicións de vida que sexan necesarias para o desenvolvemento do neno.
- Os Estados Partes, de acordo coas condicións nacionais e cos seus medios, adoptarán as medidas apropiadas para axudar aos pais e a outras persoas responsables do neno a dar efectividade a este dereito e, en caso necesario, proporcionarán asistencia material e programas de apoio, particularmente con respecto á nutrición, o vestiario e a vivenda.
- Os Estados Partes tomarán todas as medidas apropiadas para asegurar o pagamento da pensión alimenticia por parte dos pais ou outras persoas que teñan a responsabilidade financeira polo neno, tanto se viven no Estado Parte como se viven no estranxeiro. En particular, cando a persoa que teña a responsabilidade financeira polo neno resida nun Estado diferente daquel en que resida o neno, os Estados Partes promoverán a adhesión aos convenios internacionais ou a concertación dos ditos convenios, así como a concertación de calquera outro acordo apropiado.
Artigo 28
- Os Estados Partes recoñecen o dereito do neno á educación e, co fin de que se poida exercer progresivamente e en condicións de igualdade de oportunidades ese dereito, deberán en particular:
- Implantar a ensinanza primaria obrigatoria e gratuíta para todos;
- Fomentar o desenvolvemento, nas súas distintas formas, da ensinanza secundaria, incluída a ensinanza xeral e profesional; facer que todos os nenos dispoñan dela e teñan acceso a ela, e adoptar as medidas apropiadas tales como a implantación da ensinanza gratuíta e a concesión de asistencia financeira en caso de necesidade;
- Facer a ensinanza superior accesible a todos, sobre a base da capacidade, por cantos medios sexan apropiados;
- Facer que todos os nenos dispoñan de información e orientación en cuestións educacionais e profesionais e teñan acceso a elas;
- Adoptar medidas para fomentar a asistencia regular ás escolas e reducir as taxas de deserción escolar;
- Os Estados Partes adoptarán cantas medidas sexan adecuadas para velar por que a disciplina escolar se administre de modo compatible coa dignidade humana do neno e en conformidade coa presente Convención.
- Os Estados Partes fomentarán e alentarán a cooperación internacional en cuestións de educación, en particular co fin de contribuír a eliminar a ignorancia e o analfabetismo en todo o mundo e de facilitar o acceso aos coñecementos técnicos e aos métodos modernos de ensino. A este respecto, teranse especialmente en conta as necesidades dos países en desenvolvemento.
Artigo 29
- Os Estados Partes conveñen en que a educación do neno deberá estar encamiñada a:
- Desenvolver a personalidade, as aptitudes e a capacidade mental e física do neno ata o máximo das súas posibilidades;
- Inculcar ao neno o respecto dos dereitos humanos e as liberdades fundamentais e dos principios consagrados na Carta das Nacións Unidas;
- Inculcar ao neno o respecto aos seus pais, á súa propia identidade cultural, ao seu idioma e aos seus valores, aos valores nacionais do país en que vive, do país do que sexa orixinario e das civilizacións distintas da súa;
- Preparar o neno para asumir unha vida responsable nunha sociedade libre, con espírito de comprensión, paz, tolerancia, igualdade dos sexos e amizade entre todos os pobos, grupos étnicos, nacionais e relixiosos e persoas de orixe indíxena; e) Inculcar ao neno o respecto do medio ambiente natural.
- Nada do disposto no presente artigo ou no artigo 28 se interpretará como unha restrición da liberdade dos particulares e das entidades para establecer e dirixir institucións de ensino, coa condición de que se respecten os principios enunciados no parágrafo I do presente artigo e de que a educación impartida en tales institucións se axuste ás normas mínimas que dispoña o Estado.
Artigo 30
Nos Estados en que existan minorías étnicas, relixiosas ou lingüísticas ou persoas de orixe indíxena, non se negará a ningún neno que pertenza a tales minorías ou que sexa indíxena o dereito que lle corresponde, en común cos demais membros do seu grupo, a ter a súa propia vida cultural, a profesar e practicar a súa propia relixión, ou a empregar o seu propio idioma.
Artigo 31
- Os Estados Partes recoñecen o dereito do neno ao descanso e o divertimento, ao xogo e ás actividades recreativas propias da súa idade e a participar libremente na vida cultural e nas artes.
- Os Estados Partes respectarán e promoverán o dereito do neno a participar plenamente na vida cultural e artística, e propiciarán oportunidades apropiadas, en condicións de igualdade, de participar na vida cultural, artística, recreativa e de lecer.
Artigo 32
- Os Estados Partes recoñecen o dereito do neno a estar protexido contra a explotación económica e contra o desempeño de calquera traballo que poida ser perigoso ou entorpecer a súa educación, ou que sexa nocivo para a súa saúde ou para o seu desenvolvemento físico, mental, espiritual, moral ou social.
- Os Estados Partes adoptarán medidas lexislativas, administrativas, sociais e educativas para garantir a aplicación do presente artigo. Con ese propósito e tendo en conta as disposicións pertinentes doutros instrumentos internacionais, os Estados Partes, en particular:
- Fixarán unha idade ou idades mínimas para traballar;
- Disporán a regulamentación apropiada dos horarios e condicións de traballo;Estipularán as penalidades ou outras sancións apropiadas para asegurar a aplicación efectiva do presente artigo.
Artigo 33
Os Estados Partes adoptarán todas as medidas apropiadas, incluídas medidas lexislativas, administrativas, sociais e educativas, para protexer os nenos contra o uso ilícito dos estupefacientes e substancias psicótropas enumeradas nos tratados internacionais pertinentes, e para impedir que se utilicen nenos na produción e o tráfico ilícitos desas substancias.
Artigo 34
Os Estados Partes comprométense a protexer o neno contra todas as formas de explotación e abuso sexuais.
Con este fin, os Estados partes tomarán, en particular, todas as medidas de carácter nacional, bilateral e multilateral que sexan necesarias para impedir:
- A incitación ou a coacción para que un neno se dedique a calquera actividade sexual ilegal;
- A explotación do neno na prostitución ou outras prácticas sexuais ilegais;
- A explotación do neno en espectáculos ou materiais pornográficos.
Artigo 35
Os Estados Partes tomarán todas as medias de carácter nacional, bilateral e multilateral que sexan necesarias para impedir o secuestro, a venda ou o comercio de nenos para calquera fin ou en calquera forma.
Artigo 36
Os Estados partes protexerán o neno contra todas as demais formas de explotación que sexan prexudiciais para calquera aspecto do seu benestar.
Artigo 37
Os Estados Partes velarán por que:
- Ningún neno sexa sometido a torturas nin a outros tratos ou penas crueis, inhumanos ou degradantes. Non se imporá a pena capital nin a de prisión perpetua sen posibilidade de excarceración por delitos cometidos por menores de dezaoito anos de idade;
- Ningún neno sexa privado da súa liberdade ilegal ou arbitrariamente. A detención, o encarceramento ou a prisión dun neno levarase a cabo en conformidade coa lei e utilizarase tan só como medida de último recurso e durante o período máis breve que proceda;
- Todo neno privado de liberdade sexa tratado coa humanidade e o respecto que merece a dignidade inherente á persoa humana, e de maneira que se teñan en conta as necesidades das persoas da súa idade. En particular, todo neno privado de liberdade estará separado dos adultos, agás que iso se considere contrario ao interese superior do neno, e terá dereito a manter contacto coa súa familia por medio de correspondencia e de visitas, salvo en circunstancias excepcionais.
- Todo neno privado da súa liberdade teña dereito a un pronto acceso á asistencia xurídica e outra asistencia adecuada, así como dereito a impugnar a legalidade da privación da súa liberdade ante un tribunal ou outra autoridade competente, independente e imparcial, e a unha pronta decisión sobre a dita acción.
Artigo 38
- Os Estados Partes comprométense a respectar e velar por que se respecten as normas do Dereito Internacional Humanitario que lles sexan aplicables nos conflitos armados e que sexan pertinentes para o neno.
- Os Estados Partes adoptarán todas as medidas posibles para asegurar que as persoas que aínda non cumprisen os quince anos de idade non participen directamente nas hostilidades.
- Os Estados Partes absteranse de recrutar nas forzas armadas as persoas que non teñan cumpridos os quince anos de idade. Se recrutan persoas que cumpriron quince anos, pero que son menores de dezaoito, os Estados Partes procurarán dar prioridade aos de máis idade.
- En conformidade coas obrigas dimanadas do Dereito Internacional Humanitario de protexer a poboación civil durante os conflitos armados, os Estados Partes adoptarán todas as medidas posibles para asegurar a protección e o coidado dos nenos afectados por un conflito armado.
Artigo 39
Os Estados Partes adoptarán todas as medidas apropiadas para promover a recuperación física e psicolóxica e a reintegración social de todo neno ou nena vítima de calquera forma de abandono, explotación ou abuso, tortura ou outra forma de tratos ou penas crueis, inhumanos ou degradantes, ou conflitos armados. Esa recuperación e reintegración levarase a cabo nun ambiente que fomente a saúde, o respecto de si mesmo e a dignidade do neno.
Artigo 40
- Os Estados Partes recoñecen o dereito de todo neno de quen se alegue que infrinxiu as leis penais ou a quen se acuse ou declare culpable de ter infrinxido esas leis a ser tratado de maneira acorde co fomento do seu sentido da dignidade e o valor, que fortaleza o respecto do neno polos dereitos humanos e as liberdades fundamentais de terceiros e na que se teñan en conta a idade do neno e a importancia de promover a reintegración do neno e de que este asuma unha función construtiva na sociedade.
- Con ese fin, e tendo en conta as disposicións pertinentes dos instrumentos internacionais, os Estados Partes garantirán, en particular:
- Que non se alegue que ningún neno infrinxiu as leis penais, nin se acuse ou declare culpable a ningún neno de ter infrinxido esas leis, por actos ou omisións que non estaban prohibidos polas leis nacionais ou internacionais no momento en que se cometeron.
- Que a todo neno do que se alegue que infrinxiu as leis penais ou a quen se acuse de ter infrinxido esas leis, se lle garanta, polo menos, o seguinte:
- Que se presumirá que é inocente mentres non se probe a súa culpabilidade conforme a lei;
- Que será informado sen demora e directamente ou, cando sexa procedente, por intermedio dos seus pais ou os seus representantes legais, dos cargos que pesan contra el, e que disporá de asistencia xurídica ou doutra asistencia apropiada na preparación e presentación da súa defensa;
- Que a causa será dirimida sen demora por unha autoridade ou órgano xudicial competente, independente e imparcial nunha audiencia equitativa conforme a lei, en presenza dun asesor xurídico ou outro tipo de asesor adecuado e, agás que se considerase que iso fose contrario ao interese superior do neno, tendo en conta, en particular, a súa idade ou situación e aos seus pais ou representantes legais;
- Que non será obrigado a prestar testemuño ou a declararse culpable, que poderá interrogar ou facer que se interroguen testemuñas de cargo e obter a participación e o interrogatorio de testemuñas de descargo en condicións de igualdade;
- Se se considerase que infrinxiu, en efecto, as leis penais, que esta decisión e toda medida imposta como consecuencia desta, serán sometidas a unha autoridade ou órgano xudicial superior competente, independente e imparcial, conforme a lei;
- Que o neno contará coa asistencia gratuíta dun intérprete se non comprende ou non fala o idioma utilizado;
- Que se respectará plenamente a súa vida privada en todas as fases do procedemento.
- Os Estados Partes tomarán todas as medidas apropiadas para promover o establecemento de leis, procedementos, autoridades e institucións específicas para os nenos dos que se alegue que infrinxiron as leis penais ou os que sexan acusados ou declarados culpables de infrinxir esas leis, e en particular:
- O establecemento dunha idade mínima antes da cal se presumirá que os nenos non teñen capacidade para infrinxir as leis penais;
- Sempre que sexa apropiado e desexable, a adopción de medidas para tratar eses nenos sen recorrer a procedementos xudiciais, no entendemento de que se respectarán plenamente os dereitos humanos e as garantías legais.
- Disporase de diversas medidas, tales como o coidado, as ordes de orientación e supervisión, o asesoramento, a liberdade vixiada, a colocación en fogares de garda, os programas de ensino e formación profesional, así como outras posibilidades alternativas ou internamento en institucións, para asegurar que os nenos sexan tratados de maneira apropiada para o seu benestar e que garde proporción tanto coas súas circunstancias como coa infracción.
Artigo 41
Nada do disposto na presente Convención afectará ás disposicións que sexan máis conducentes á realización dos dereitos do neno e que poidan estar recollidas en:
- O dereito dun Estado Parte; ou
- O dereito internacional vixente con respecto ao dito Estado.
PARTE 2
Artigo 42
Os Estados Partes comprométense a dar a coñecer amplamente os principios e disposicións da Convención por medios eficaces e apropiados, tanto aos adultos coma aos nenos.
Artigo 43
- Coa finalidade de examinar os progresos realizados no cumprimento das obrigas contraídas polos Estados Partes na presente Convención, establecerase un Comité dos Dereitos do Neno que desempeñará as funcións que a continuación se estipulan.
- O Comité estará integrado por dez expertos de grande integridade moral e recoñecida competencia nas esferas reguladas pola presente Convención. Os membros do Comité serán elixidos polos Estados Partes entre os seus nacionais e exercerán as súas funcións a título persoal, téndose debidamente en conta a distribución xeográfica, así como os principais sistemas xurídicos.
- Os membros do Comité serán elixidos, en votación secreta, dunha lista de persoas designadas polos Estados Partes. Cada Estado Parte poderá designar unha persoa escollida entre os seus propios nacionais.
- A elección inicial celebrarase, a máis tardar, seis meses despois da entrada en vigor da presente Convención e logo cada dous anos. Con catro meses, como mínimo, de antelación respecto da data de cada elección, o Secretario Xeral das Nacións Unidas dirixirá unha carta aos Estados Partes invitándoos a que presenten as súas candidaturas nun prazo de dous meses. O Secretario Xeral preparará despois unha lista na que figurarán por orde alfabética todos os candidatos propostos, con indicación dos Estados Partes que os designasen, e comunicarállela aos Estados Partes na presente Convención.
- As eleccións celebraranse nunha reunión dos Estados Partes convocada polo Secretario Xeral na Sede das Nacións Unidas. Nesa reunión, na que a presenza de dous terzos dos Estados Partes constituirá quórum, as persoas seleccionadas para formar parte do Comité serán aqueles candidatos que obteñan o maior número de votos e unha maioría absoluta dos votos dos representantes dos Estados Partes presentes e votantes.
- Os membros do Comité serán elixidos por un período de catro anos. Poderán ser reelixidos se presentan de novo a súa candidatura. O mandato de cinco dos membros elixidos na primeira elección expirará ao cabo de dous anos; inmediatamente despois de efectuada a primeira elección, o Presidente da reunión en que esta se celebre elixirá por sorteo os nomes deses cinco membros.
- Se un membro do Comité falece ou dimite ou declara por calquera outra causa que non pode seguir desempeñando as súas funcións no Comité, o Estado Parte que propuxo ese membro designará entre os seus propios nacionais outro experto para exercer o mandato ata o seu termo, coa reserva da aprobación do Comité.
- O Comité adoptará o seu propio regulamento.
- O Comité elixirá a súa Mesa por un período de dous anos.
- As reunións do Comité celebraranse normalmente na Sede das Nacións Unidas ou en calquera outro lugar conveniente que determine o Comité. O Comité reunirase normalmente todos os anos. A duración das reunións do Comité será determinada e revisada, se procedese, por unha reunión dos Estados Partes na presente Convención, coa reserva da aprobación da Asemblea Xeral.
- O Secretario Xeral das Nacións Unidas proporcionará o persoal e os servizos necesarios para o desenvolvemento eficaz das funcións do Comité establecido en virtude da presente Convención.
- Logo da aprobación da Asemblea Xeral, os membros do Comité establecido en virtude da presente Convención recibirán emolumentos con cargo aos fondos das Nacións Unidas, segundo as condicións que a Asemblea poida establecer.
Artigo 44
- Os Estados Partes comprométense a presentar ao Comité, por conduto do Secretario Xeral das Nacións Unidas, informes sobre as medidas que adopten para dar efecto aos dereitos recoñecidos na Convención e sobre o progreso que realicen en canto ao uso deses dereitos.
- No prazo de dous anos a partir da data na que para cada Estado Parte entrase en vigor a presente Convención;
- No sucesivo, cada cinco anos.
- Os informes preparados en virtude do presente artigo deberán indicar as circunstancias e dificultades, se as houber, que afecten ao grao de cumprimento das obrigas derivadas da presente Convención. Deberán, así mesmo, conter información suficiente para que o Comité teña cabal comprensión da aplicación da Convención no país de que se trate.
- Os Estados Partes que presentasen un informe inicial completo ao Comité non necesitan repetir, en sucesivos informes presentados en conformidade co disposto no inciso b) do parágrafo 1 do presente artigo, a información básica presentada anteriormente.
- O Comité poderá pedir aos Estados Partes máis información relativa á aplicación da Convención.
- O Comité presentará cada dous anos á Asemblea Xeral das Nacións Unidas, por conduto do Consello Económico e Social, informes sobre as súas actividades.
- Os Estados Partes darán aos seus informes unha ampla difusión entre o público dos seus países respectivos.
Artigo 45
Coa finalidade de fomentar a aplicación efectiva da Convención e de estimular a cooperación internacional na esfera regulada pola Convención:
- Os organismos especializados, o Fondo das Nacións Unidas para a Infancia e os demais órganos das Nacións Unidas terán dereito a estar representados no exame da aplicación daquelas disposicións da presente Convención comprendidas no ámbito do seu mandato. O Comité poderá invitar os organismos especializados, o Fondo das Nacións Unidas para a Infancia e outros órganos competentes que considere apropiados a que proporcionen asesoramento especializado sobre a aplicación da Convención nos Sectores que son de incumbencia dos seus respectivos mandatos. O Comité poderá invitar os organismos especializados, o Fondo das Nacións Unidas para a Infancia e os demais órganos das Nacións Unidas a que presenten informes sobre a aplicación daquelas disposicións da presente Convención comprendidas no ámbito das súas actividades;
- O Comité transmitirá, segundo estime conveniente, aos organismos especializados, ao Fondo das Nacións Unidas para a Infancia e a outros órganos competentes, os informes dos Estados Partes que conteñan unha solicitude de asesoramento ou de asistencia técnica, ou nos que se indique esa necesidade, xunto coas observacións e suxestións do Comité, se as houber, sobre esas solicitudes ou indicacións;
- O Comité poderá recomendar á Asemblea Xeral que lle pida ao Secretario Xeral que efectúe, no seu nome, estudos sobre cuestións concretas relativas aos dereitos do neno;
- O Comité poderá formular suxestións e recomendacións xerais baseadas na información recibida en virtude dos artigos 44 e 45 da presente Convención. As ditas suxestións e recomendacións xerais deberán transmitirse aos Estados Partes interesados e notificarse á Asemblea Xeral, xunto cos comentarios, se os houber, dos Estados Partes.
PARTE 3
Artigo 46
A presente Convención estará aberta á sinatura de todos os Estados.
Artigo 47
A presente Convención está suxeita a ratificación. Os instrumentos de ratificación depositaranse en poder do Secretario Xeral das Nacións Unidas.
Artigo 48
A presente Convención permanecerá aberta á adhesión de calquera Estado. Os instrumentos de adhesión serán depositados en poder do Secretario Xeral das Nacións Unidas.
Artigo 49
- A presente Convención entrará en vigor o trixésimo día seguinte á data en que fose depositado o vixésimo instrumento de ratificación ou adhesión en poder do Secretario Xeral das Nacións Unidas.
- Para cada Estado que ratifique a Convención ou se adhira a ela despois de ser depositado o vixésimo instrumento de ratificación ou de adhesión, a Convención entrará en vigor o trixésimo día despois do depósito por tal Estado do seu instrumento de ratificación ou adhesión.
Artigo 50
- Todo Estado Parte poderá propoñer unha emenda e depositala en poder do Secretario Xeral das Nacións Unidas. O Secretario Xeral comunicaralles a emenda proposta aos Estados Partes, pedíndolles que notifiquen se desexan que se convoque unha conferencia de Estados Partes co fin de examinar a proposta e sometela a votación. Se dentro dos catro meses seguintes á data desa notificación un terzo, polo menos, dos Estados Partes se declara en favor de tal conferencia, o Secretario Xeral convocará unha conferencia co auspicio das Nacións Unidas. Toda emenda adoptada pola maioría de Estados Partes, presentes e votantes na conferencia, será sometida polo Secretario Xeral á Asemblea Xeral das Nacións Unidas para a súa aceptación.
- Toda emenda adoptada en conformidade co parágrafo 1 do presente artigo entrará en vigor cando sexa aprobada pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas e aceptada por unha maioría de dous terzos dos Estados Partes.
- Cando as emendas entren en vigor serán obrigatorias para os Estados Partes que as aceptasen, en tanto que os demais Estados Partes seguirán obrigados polas disposicións da presente Convención e polas emendas anteriores que aceptasen.
Artigo 51
- O Secretario Xeral das Nacións Unidas recibirá e comunicará a todos os Estados o texto das reservas formuladas polos Estados no momento da ratificación ou da adhesión.
- Non se aceptará ningunha reserva incompatible co obxecto e o propósito da presente Convención.
- Toda reserva poderá ser retirada en calquera momento por medio dunha notificación feita para ese efecto e dirixida ao Secretario Xeral das Nacións Unidas, quen informará a todos os Estados. Esa notificación producirá efecto na data da súa recepción polo Secretario Xeral.
Artigo 52
Todo Estado Parte poderá denunciar a presente Convención mediante notificación feita por escrito ao Secretario Xeral das Nacións Unidas. A denuncia producirá efecto un ano despois da data en que o Secretario Xeral recibise a notificación.
Artigo 53
É designado depositario da presente Convención o Secretario Xeral das Nacións Unidas.
Artigo 54
O orixinal da presente Convención, cuxos textos en árabe, chinés, español, francés, inglés e ruso son igualmente auténticos, depositarase en poder do Secretario Xeral das Nacións Unidas.
EN TESTEMUÑO DO CAL, os infraescritos plenipotenciarios, debidamente autorizados para iso polos respectivos gobernos, asinaron a presente Convención.
1/ A Asemblea Xeral, na súa resolución 50/155 do 21 de decembro de 1995, aprobou a emenda ao parágrafo 2 do artigo 43 da Convención sobre os Dereitos do Neno, substituíndo a verba “dez” pola verba “dezaoito”. A emenda entrou en vigor o 18 de novembro do 2002, data na que quedou aceptada por dous terzos dos Estados Partes (128 de 191).