A Asemblea Xeral da POIG incorpora a 5 novas entidades e traballa no seu Plan Estratéxico
O 8 de outubro de 2024, a Plataforma de Organizacións de Infancia de Galicia (POIG) celebrou a súa Asemblea Xeral. Nesta reunión, ademais de facer balance das actividades realizadas ao longo do ano, iniciamos un proceso clave para o futuro da plataforma: a elaboración do noso Plan Estratéxico. Este plan establecerá as prioridades que nos guiarán nos próximos anos, asegurando que seguimos avanzando na defensa dos dereitos da infancia e adolescencia en Galicia.
Un dos momentos destacados da Asemblea foi a incorporación de 5 novas entidades, o que nos permite crecer e reforzar a nosa rede de colaboración, chegando xa ás 46 organizacións membro.
As novas entidades que se uniron á POIG son:
- Aventeira S. Coop. Galega: Unha cooperativa galega centrada en proxectos sociais e educativos.
2. Federación Autismo Galicia: Entidade que procura e defende os dereitos e necesidades das persoas con TEA, ofrecendo unha ampla rede de servizos dirixidos as persoas con TEA e as súas familias.
3. Asociación Casa de Familia Santa Joaquina de Vedruna: Centro de Acollida residencial que colabora en programas de protección e apoio a NNA.
4. Inspectoría María Auxiliadora (Casa de Familia Laura Vicuña): Unha casa de acollida que traballa cos NNA en risco de exclusión social.
5. Asociación Euroeume: Asociacion que traballa por un desenvolvemento local sostible baseado nas potencialidades do territorio, o benestar social e a conservación da natureza.
Formacións e actividades en marcha
A POIG anunciou varias formacións e actividades clave para este outono. O próximo 14 de outubro, realizarase unha formación sobre a «Medición da Pobreza Infantil», un tema fundamental no noso traballo de loita polos dereitos da infancia. Ademais, o 23 de outubro, celebrarase unha formación sobre «Incidencia política», destinada a asentar a figura do Delegado de Protección no Ocio e Tempo Libre.
Compromiso co Sistema de Protección Infantil
No ámbito da protección infantil, a POIG segue traballando para mellorar as condicións dos centros de acollemento residencial en Galicia. Un dos nosos programas destacados é Coñecer para Protexer, en colaboración coa Fundación La Caixa, que proporciona formación ao persoal técnico para crear entornos seguros e libres de violencia para nenos e adolescentes.
Promoción da participación infantil
A participación infantil é outro dos piares da nosa actividade. O 19 de outubro, o noso Grupo de Participación Infantil e Adolescente celebrará un novo encontro, e o 19 de novembro levaremos a cabo o acto central polos Dereitos da Infancia, coincidindo co Día Universal dos Dereitos da Infancia.
Elaboración do Plan Estratéxico
A elaboración do Plan Estratéxico da POIG foi outro dos puntos clave da Asemblea. Este plan permitirá definir os retos e oportunidades que afrontaremos nos próximos anos, fortalecendo a nosa capacidade para traballar de forma conxunta e coordinada para continuar defendendo e promovendo os dereitos da infancia e adolescencia en Galicia.